Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lembranza de Luis Ferreiro Peinó

martes, 04 de enero de 2022
Lembranza de Luis Ferreiro Pein Claudio Rodríguez Fer fai memoria da relación nosa con Luis Ferreiro Peinó. No recordo permanente estamos os dous, Claudio e eu, con el no pequeno taller do Campo Castelo de Lugo coa madeira e co sereno.

Eu daquela, cando coñecín a Peinó a finais dos anos setenta, era aprendiz de pintora e lectora continua, como desde nena, ademais de estudante de Filoloxía Hispánica e de lingua grega e profesora particular de Claudio de latín, quen sen seguir as gramáticas traducía con poética de vangarda surrealista.

Era eu tamén muller interesada en todos os xéneros e linguas, admiradora de todas as artes e tiña dúas paixóns e autores de cabeceira nese momento, o pintor Vincent van Gogh e o escritor Ramón del Valle-Inclán de La lámpara marabillosa, as Sonatas e Luces de bohemia.

Como con todo sempre, de Van Gogh e de Valle quedábame co que máis vale. O mellor para min. A alegría profunda da noite con estrelas dos cadros nocturnos ou os trigais con corvos do pintor ou a cita El padre Homero pudo llamar a sus versos con un nombre de flor: helio-tropos e a recreación Se miras con todos os ollos / amarás con todos os corazóns / e a túa intuición será total, ambas, cita e recreación, da lámpada marabillosa do escritor de Arousa que podemos ler contemplando os Valle-Inclán de Peinó.

Eu lía, escribía e debuxada recostada nunha cama paralela á parede pintada de negro que tiña escrita a frase de Albert Camus solitario pero solidario e pegadas pequenas fotos miñas de nena no colo de miña nai; tamén tiña arquivado aos meus pés un artigo de Claudio antes e despois de coñecelo e amalo. O cuarto antes e despois era o cuarto do pintor holandés, as cadeiras, os zapatos, as flores e os libros dos cadros.

Daquela, como desde nena, amaba a beleza das cousas ben feitas, a música, as cancións que escoitaba e os poemas que aprendía. Máis tarde por profesión e escolla lería en profundidade a Rosalía de Castro que me segue inspirando o recitado e a acción, como desde nena.





O meu agasallo especial neste acto de lembranza a Luis Ferreiro Peinó pola súa cabeza de Rosalía nova é repetirlle a Rosalía cando nova co pequeno poema inspirado en Rosalía publicado no meu libro Un mundo de mulleres (fragmentos) de 2011:

Rosalía

Só cantos
de independencia
e liberdade
saen
dos meus labios


A repetición dos versos meus editados acompáñoa co poema inédito solicitado pola familia para a publicación dedicada ao amigo escultor no acto de lembranza del en O Vello Cárcere de Lugo.

O texto é unha variación do poema matriz "A Tota Paria Tota Excelencia" do citado libro Un mundo de mulleres que di nos versos finais: "Son humana / e varío / E son o mellor / de todo o que son".

Estes versos están inspirados nunha anécdota do actor Marlon Brando, quen cubrindo un formulario no apartado Color, indicativo da raza, escribiu Varía.

As cores e os corpos varían. A composición titulada "Xente gallega (Variación 1)" é continuadora da nomeada "Xente gallega", publicada en De Cantares Hoxe en 2014, que parte do cantar 23 do libro Cantares gallegos (1863, 1872) de Rosalía de Castro onde se glosa o cantar popular Teño unha dama nos Portos, / outra no Ribeiro de Avia; / si a dos Portos é bonita / a do Ribeiro lle gana. Cantares para espantar os males dos prexuízos sexistas, racistas ou xenófobos con bo humor e bo amor alegre e liberador en sintonía co humanismo máis filantrópico e vitalista de Luis Ferreiro Peinó.

Xente gallega
(Variación 1)

Castellana de Castilla
tan bonita e tan fidalga
Rosalía de Castro

Son gallega
son xudía
son moura
son romaní
son arrieira
son holandesa
portuguesa
errante
móbil
emigrante
estranxeira
estraña
estremeña
mestiza
íntegra
indignada
digna
feliz
provinciana
de quen me deu
América
Europa
un lugar da Mancha
O Bierzo
danesa
atlántica
mediterránea
pacífica
catalá
vasca
sen vascas
viaxeira
bohemia
vagabunda
transhumante
mozárabe
conversa
expulsada
desafiuzada
masona
sefardí
fronteiriza
informal
delicada
penetrante
fecunda
flamenca
francesa
suíza
italiana
grega
galega
castellana
altiva
sublime
ben amada
bastarda
fidalga
fregona
ilustrada
fonte
de min
e de todo
noite
de amor
sombra
desexada
fera
civilizada
de vangarda
romántica
primitiva
gótica
dama
dos Portos
e da Ribeira de Avia
damo
da Habana
de Río e da Plata
amiga
do Porto
e da Ribeira do Miño
fado do Porto
e de alá en Santoña
home doce
de Ponte de Vía
e de Augas Férreas
pai
de Parto de Vida
e das Termas
republicano
de Ribadavia
e de Ribadeo
jota
do Pirineo
e de Serra Nevada
cidade
e aldea
árabe
e galega
castelá de Castela
irmá cantora
mestra sen ira
pano palestino
oradora persa
con cabeleira desvelada
irmán circuncidado
lectora dos libros
filla de xente gallega
fermosa
fresca
rosa
negra
morena
dourada
amiga de León
e asturiana
nai de xente gallega
pan trigo branco
en terras castellanas
exquisita galleguilla
cousiña
mariñada
muiñeira
augua
rula
sorriso
verdadeiro
vento
baño
caldo
célula nai
alegría
alicia
alborada
canteira
afiadora
ferreira
viñateira
aviadora
palloceira
picheleira
compostelá
nai galega
planetaria
pomba
branca
carmen
aroma
kikí
exiliada
aquí
en París
no ghetto
marcada
con estilo
con arracada
con cores
con artes
con S
con estrela
con triángulo
apátrida
sen papeis
pobre
en Manthausen
Tolosa
A Coruña
London
Lugo
Madrid
Manhattan
altas antenas de amor
os meus cantares baixiños
ar arra ar
mel manan maina
nunca acaban
ala lala
ula ula
empezan nos desterros desérticos
rematan nos ceos árticos
cántanse en Serra Morena
e resoan nas raias de Francia
namoran nos altos portos
e nas ribeiras cálidas
teño amores bonitos
en todas as terras estrañas
toda a terra é da xente
toda terra é estraña

(Intervención de Carmen Blanco - Escritora e profesora da Universidade de Santiago de Compostela - no acto celebrado no Vello Cárcere de Lugo o 1 de decembro de 2021, polos 100 anos do escultor Luis Ferreiro Peinó).
Blanco, Carmen
Blanco, Carmen


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES