Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Calendarios Escolares

miércoles, 29 de diciembre de 2021
Neste intre ateigado de soños e teimas polo agasallo dun novo ano, busco as sorpresas que se aveciñan acariñando con atención o calendario no que descubrir o percorrido do 2022, non só para facer números ou ver a que cadran as celebracións máis entrañables do novo exercicio. E teño a fortuna de que os formatos máis engaiolantes están a ser os deseñados en centros de ensino, o do 2021 foi inxeniado polo CEIP Lagostelle de Guitiriz, e neste que ven estou iniciándome no universo das cores e trazos de Laxeiro que saúdan cada mes da man e do pincel das e dos alumnos do Basanta Silva de Vilalba. Mesmo o 1 de abril celebraremos o "Día das Artes Galegas", dedicado a este creador. Son prodixios de beleza e talento que inxectan enerxía e ilusión para as vindeiras semanas, afastados da publicidade e dos circuitos comerciais doutros exemplares. A oportunidade da rapazada de Guitiriz converteuse nunha viaxe, día a día, por territorios insospeitados grazas aos libros das escritoras que ían suxeríndonos cada mes, principiando en xaneiro con Antía Yáñez, de raíces chairegas, con O universo non permite a perfección, tan acaído neste tempo de pandemia. Estas obras foron un caxato que nos axudaron a facer camiño con novas suxerencias coma agasallar con libros no Nadal, arrequecéndonos con novas amizades e máis coraxe ao descubrir como a xente nova está a enchouparnos en océanos inmensos desfrutando con todos os sentidos grazas ao recendo, á textura, aos sons dos mundos descoñecidos que nos transmiten... E grazas a esta inventiva creadora das comunidades escolares, o Instituto Basanta Silva de Vilalba achéganos cada período a fiestras abertas a través de Laxeiro, sen esquecer o seu expresionismo nin a critica social. El tamén foi mestre de plástica no Instituto de Pontevedra. Esta achega pictórica é unha mostra dun ensino que atende á potenciación da sensibilidade estética e non só á simple memorización de contidos e teorías, grazas a un Laxeiro que reivindica unha mensaxe máis alá da abstración, mesmo expresando nos seus retratos que cada persoa é un mundo. Esta ferramenta deseñada por aulas de adolescentes, que coma indica esta palabra están en proceso de medrar, permítennos un decorrer as estacións do ano con máis pulo, sentíndonos veciñanzas herdeiras dun patrimonio que está a medrar dende as crianzas e con elas imos celebrar na Chaira a memoria de Xoán Corral Castro e Bernardo García Cendán, artistas e escritores nos seus eidos, aos dez anos do pasamento de ámbolosdous, e do mesmo xeito que estes calendarios transmiten a memoria do noso país dende as artes, o recordo deles non fai máis que axigantarse coma imos celebrar con varias actividades no 2022.
Blanco Torrado, Alfonso
Blanco Torrado, Alfonso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES