Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

martes, 28 de diciembre de 2021
Pensando, que é xerundio
Catro menos dez da tarde. Nunha terraza na que non dá o sol. Vai un frío que pela. Porque xa se pode dicir que xea. Coa friaxe, os pensamentos non flúen tan ben. Pero aínda así, saen. Penso en Juan Luis Guerra cruzando o Niágara en bicicleta. Eu crucei centos de veces o Arnoia goldrando. Penso na cuadratura do círculo e no verme luceiro da aurora. Pingas de Orballo Tamén penso no ronsel dun avión e no meu amigo extraterrestre. Outras veces chámolle alieníxena, pero é o mesmo; sei que me entendedes.
Penso no café que me acaban de poñer e no descanso que vou facer para bebelo. Xa está. Tres sorbos xustos. Penso cando cazaba os saltóns no lameiros dos Lamas e naquelas tardes de silencio de cando a conciencia ía e viña por entre os regos das patacas da Pedradarca. Penso na malla que se realizaba nas airas e no estrondo e cheiro e dor e morte dunha bomba nuclear. Penso caladiño e con ruído.
Penso nos latexos dun corazón que estoura e no ritmo dunha canción que non sexa por exemplo, de Juan Luis Guerra. Penso nese espello no que se reflicte o desexo e neses versos que nunca chegan ó final do poema. Pensando, que é xerundio. E ás catro e cinco da tarde sigo pensando, aínda que, iso si, un pouco xa coas ideas atrofiadas. Penso nese coche que pasa e desde o que me lanzan un sorriso. Será porque estou ó frío. Penso que pensar é bonito cando se pensa fino. Pero recoñezo que estes pensamentos saíron algo espesos, bastante atropelados e, polo tanto, baldíos.

A bóla de billar
Fartei e cansei de correr detrás dunha bóla de billar. Case se pode dicir que fun o bufón de todo o bar. A bóla levábame dunha banda á outra, adiante a atrás, por entre unhas bólas e outras. Eu non conseguía pillar a negra. E iso que só había unha. Nun momento dado, vina sen escapatoria, nunha esquina da mesa, polo que me dispuxen a lanzarme sobre ela, mesmo en prancha. Pero xusto, ó caer, toqueille de mala forma cun dedo e a puta bóla meteuse polo buraco da mesa. O bar explotou nunha gargallada tal que se me subiron as cores á cara. Pingas de Orballo Busquei un gancho para intentar collela. Nada. Busquei outros artefactos ou aparellos que puidesen introducirse polo buraco e a ver se cunha pouca sorte a pillaba. Pero tampouco.
Desesperei tanto que optei por marchar ó curandeiro de Ousende, en Paderne de Allariz. Para que me minguara. Ser case como unha partícula de po para poder introducirme eu mesmo polo buraco da mesa de billar. Non estaba disposto a deixarme marear pola maldita bóla, e aínda que xa me fixera dar mil voltas. Cando petei na porta do curandeiro recoñezo que collín algo de medo. Non por ver ó homiño, senón polas consecuencias do meu regreso á normalidade, e se por un casual, conseguía minguarme. Claro que foi un pensamento efémero, xa que axiña me decatei de que, ó mellor, non estaba mal ser algo ou case todo invisible. Aínda así, non me botei atrás. O curandeiro minguoume e cando cheguei ó bar os clientes quedaron coa boca aberta ó ver a bóla sobre o billar. Pensaron que aparecera por arte de encantamento.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES