Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pioneiras de ciencias de Lugo

miércoles, 22 de diciembre de 2021
Queríamos presentar esta publicación dentro do mes da Ciencia, e así o facemos aínda que sexa para despedilo, xa que hoxe remata. Entendíamos que este mes era o momento perfecto para a presentación dun libro acertado, axeitado e rotundo como é este do que é autora a Profesora, naturalmente de Ciencias, María Isabel Fernández García, doutora en CiencIas e Catedrática de Química Inorgánica.
Pioneiras de ciencias de Lugo
Parece lóxico, natural, que lle preocupara á profesora Fernández García a xénese humana da súa profesión, as que antes que ela tiveran preocupación polas materias da area de ciencias, e loitaran nun tempo difícil por atopar un lugar para as mulleres nun mundo esencialmente masculino.

Cando o colectivo Egeria se atopou con este filón informativo soubo que entraba plenamente nos obxectivos que o colectivo se propuxo relativos a potenciar a cultura de Galicia, os Camiños de Santiago, e as novas tecnoloxías, en teoría... Porque falando de Camiños, velaquí que este libro emprende un camiño orixinal e obrigado, buscando as orixes, camiño preciso cara a raíz como paso previo para calquera outra investigación científica.

Unindo xénero e coñecemento científico, no goberno autonómico atopamos dúas ramas da política, Igualdade e Educación, polos que esta publicación transita, podendo e quizais debendo entrar nesta obra con ollos da ciencia e con ollos de muller. Velaquí o resultado.

Eu quero, neste acto, máis que desempeñar o papel de editor, facer un papel provocador. Porque, efectivamente, o Colectivo que presido ten a honra de presentar publicamente esta publicación, agradecendo á autora a súa confianza en nós e á Xunta de Galicia o seu apoio para poder poñela ao dispor dos interesados no tema que son moitos máis dos que puidesen parecer; mesmo moitos máis dos que poidan pensalo. Por iso o meu papel provocador.

Cun libro coma este coido que non hai termos medios. Un ou unha poden acollelo como unha curiosidade científica, follealo con atención, e gardalo nun lugar asequible da Biblioteca para consultalo cando xurda unha dúbida, ou chame a súa atención un nome que de repente alguén menciona como devanceira educativa das científicas de agora.
Pioneiras de ciencias de Lugo
E un, especialmente unha, pode considerar o libro como un novo testamento, testemuña de moitas fes femininas, e lelo con fruición para descubrir afinidades ou cercanías, para saber que estas mulleres que nos parecen tan lonxanas estiveron preto de nós na nosa nenez, ou na mocidade dos nosos país, xa que se pensamos que os comezos -as pioneiras- se perden no tempo, en realidade construíron un pequeno mundo feminino de ciencia hai relativamente pouco tempo.

Eu invítovos a ler este libro con perspectiva xeográfica (todas as mencionadas nel son veciñas nosas), con curiosidade social (estiveron vivindo entre nós, facendo patria) e con interese científico e humano porque nos conta historias de superación e de auténtico heroísmo.

Para os máis novos/novas, os seus nomes estarán perdidos na historia, pero e eu pídovos que lle lo prestedes a irmáns maiores, a pais e nais, ou suscitedes en veciños maiores o recordo de destacadas mulleres e asombrarédesvos da resonancia que para eles teñen nomes en Lugo como os das farmacéuticas Díaz Gallego e Doel Traseira, ou a doutora Pardo Celada.

Hai que ser maior para estas cousas, pero o libro fíxome recordar á que chamabamos "A Torviso", que nos examinaba de Ciencias no daquela Instituto Masculino, única muller naquel mundo de homes. E neste libro atopo a Rosario Manuela Torviso Monje, primeira profesora de Ciencias no Instituto lucense, que naceu en Lugo en 1906, xubilouse en 1976, e aquí morreu con case cen anos, onte mesmo, en 2006.

Estudando Maxisterio, eu viña examinarme por libre a Lugo porque en Vilalba só había ensino privado, e as ciencias naquela histórica Academia Santa María dábaas a Srta. Peña, a Peña ou A Peñita, xorda como unha tapia pero excelente profesora, que volvo a ver na páxina 182 do traballo da profesora Fernández García. Nacera en Vilalba no 1919 e alí morreu en 2005. Era sobriña do galeguista histórico Luis Peña Novo, e filla de Antonio Peña Novo, un dos máis destacados estudosos da historia de Vilalba.

Non era eu ningunha lumbrera e desde logo non moi aplicado, pero cando vin examinarme na escola de Maxisterio de Física e Química, formado por Carmen Peña, examinoume Ana María Múgica, páxina 79, primeira catedrática de ciencias da Escola de Maxisterio de Lugo.

Ana María Múgica, durísima nos exames, o ano 1963, suspendeu 45 estudantes, aprobou a catro, e a min deume notable. Felicitoume públicamente, e eu sei que aquela felicitación non era miña senón da pioneira Carmen Peña.

En fin: que tedes que ler este libro porque, moi posiblemente, se o ledes atentamente, atoparedes, sen mencionalos, aos vosos pais, ás vosas nais, aos vosos irmáns maiores, ou a vós mesmos. Vale a pena descubrir esta historia grande con centos de pequenas historias, e co esforzo de moitas mulleres que non foi en balde, e que a todas -e todos!- nos beneficiaron; nos benefician.

(Palabras de Xulio Xiz o 30.11.2021, na presentación do libro PIONEIRAS DE CIENCIAS DE LUGO, de Isabel Fernández García).
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES