Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Chaira, Terra de Lendas

jueves, 21 de agosto de 2008
A MODO DE INTRODUCIÓN

É moi probábel que en case toda Galiza se teña oído falar algunha vez de lendas. Cabe mesmo a posibilidade de que moitos teñamos gozado do privilexio, cando pícaros, non máis aló dos anos 60, de telas escoitado directamente de boca dos nosos avós, ás veces dos nosos pais, sentados arredor da lareira en longas noites de inverno, mentres se limpaban as zocas, se tecía, se fiaba..., cando apenas había aparellos de radio e moito menos a actualmente omnipresente TV.

Sexa como for, cómpre dicir que hoxe en día as lendas -narracións de feitos lendarios ou fabulosos- sobreviven grazas á conservación e transmisión, case sempre oral, de que foron obxecto ininterrompidamente ao longo dos séculos por parte dos nosos devanceiros.

As lendas, xunta cos contos, os romances, as cantigas, etc., constitúen un dos tesouros narrativos máis valiosos do pasado dos pobos e, polo mesmo, forman parte esencial do seu patrimonio cultural. Poderíase mesmo dicir que non sería posíbel entender dun xeito completo a historia dos nosos pobos senón tivésemos en conta as súas tradicións, os seus costumes, o seu folclore, ...

AS LENDAS, UNHA FORMA DE NARRAR
O ourensán Vicente Risco, primeiro autor que constrúe unha teoría sobre as manifestacións literarias populares, consideraba á épica popular constituída polo verso (romance) e a prosa (lenda e conto).

Mais, para non confundilos, debemos facer unha diferenciación clara entre conto e lenda, aínda que nalgúns casos concretos ambos conceptos compartan características que lle son propias xustamente ao outro.

O conto é un tipo de relato que busca o simple entretemento. Atopamos así contos de lobos -moi abondosos na comarca-, de meigas, de cregos, do trasno ou trasgo, etc., que narran feitos imaxinarios cun fin, as máis das veces, moralizador. No primeiro caso teriamos, por exemplo, O lobo, o home e maila xustiza (recollido polo alumnado do CEIP “Antonio Insua Bermúdez” e publicado no número 30 da revista escolar “A Pravia”, do mesmo Centro, en maio de 1995), onde se dan todos estes parámetros.

A lenda, pola contra, supón unha relación de feitos que teñen máis de fantásticos e marabillosos ca de históricos ou verdadeiros. É un tipo de narración que, prescindindo da historia ou mesmo deformándoa, se refire a persoas que viviron realmente ou a seres imaxinarios ligados a un lugar real concreto e que actuaron nun determinado tempo.


Se nos atemos estritamente a un estudo histórico, non sería difícil chegar á conclusión, non tan ousada como en principio poida parecer, de que a lenda, de xeito similar ao romance, nace no pobo.

En efecto, a xente, que oía relatar historias sobre feitos e lugares reais, retiña no seu miolo as partes máis suxestivas para repetilas a continuación. Deste xeito, fragmentos esgallados da historia orixinal ían pasando dunhas persoas a outras e sufrindo modificacións, voluntarias ou involuntarias, ata que chega un momento no que posúen tales diferenzas co texto primitivo que poden ser consideradas composicións con autonomía propia. A autoría, pois, aínda que nas súas orixes individual, sería finalmente colectiva con achegas individuais.

TIPOS DE LENDAS
Aínda que moitos autores teñen contribuído coas súas teorías neste aspecto, parece de novo necesario acudir a Vicente Risco, se cadra o máis afortunado e fiábel, que as clasifica deste xeito:

Etiolóxicas.- Explican a orixe dun lugar, cousa ou feito.

Cómpre citar aquí o topónimo Castro Caldelas, vila da provincia de Ourense. Segundo a lenda, o señor do castelo recibe a petición de man dunha das tres fillas. Como o aspirante, un conde, non especifica, o señor vese na obriga de lle preguntar: “Cal delas?”. De aí o actual nome do lugar.

Haxiográficas.- Narran feitos relacionados coa vida da Virxe ou dos santos.

Exemplo neste caso é a Lenda do Sartego de Noche (nº 21 da revista escolar “A Pravia”, abril de 1990), ou a Lenda de San Nicolás ou Culasiño (“A Pravia”, nº 36, maio de 1998), localizada na capela do mesmo nome na parroquia vilalbesa de A Torre.

Históricas.- Relatan feitos do pasado histórico.

De sobra son coñecidas, se cadra polo afán de que puideran facerse realidade, as lendas dos tesouros supostamente agachados polos mouros en castros, penas, covas, etc. A Lenda do Castro de Oleiros ("A Pravia", nº 27, maio 1993) é un fiel exemplo deste tipo, aínda que cómpre aclarar que o concepto mouro na cultura galega ten máis que ver co estraño ou imaxinario.

Son frecuentes as lendas localizadas en ríos, fontes, castros e outros elementos da paisaxe, nas que se fala de mouros, donas, doncelas ou simplemente de “encantos” que se aparecen aos humanos e familiarizan ou traban amizade con eles. Este último tipo de manifestacións prefire a noite ao día e prodúcese en determinadas épocas do ano.

Así, temos no noso contorno inmediato a Lenda da Charca do Alligal (nº 20 da revista “A Pravia”, decembro de 1989), localizada no lugar do mesmo nome, na parroquia vilalbesa de Codesido, onde, ao dicir popular, permanece aínda mergullada unha das tres belas doncelas que alí estaban encantadas.

Algunhas veces aparece unha fermosa muller en diversas e comprometidas situacións, podendo converterse mesmo en serpe. No caso da Lenda da Ponte Trimaz, entre Mourence e Gondaísque, é sen embargo e curiosamente un rapaz quen, coa colaboración dunha moza, toma a forma de cobra para tentar desencantarse.
En moitos casos o encanto non é un ser vivo, senón un tesouro agachado nun castro, mámoa, fonte, etc... que pode ser desencantado coa axuda de meigas e mesmo de cregos que, como representantes da Igrexa oficial, asimilan o privilexio de posuír poderes máxicos superiores. Cómpre citar neste aspecto o famoso libro de San Cipriano, ou Ciprianillo, que tenta desencantar os tesouros seguindo un coidadoso e complicado ritual de rezos e oracións que se han ler sen erro para levar a bo fin o desencantamento.

Popularmente o desencanto pode facerse mediante curiosos sistemas, como o de mexarlle enriba se o tesouro se presentase en forma de carbón, bicar na boca á serpe que agacha á doncela, etc... No caso da Lenda da Pena Porreira (nº 25 da revista “A Pravia”, Entroido de 1991), situada na parroquia de Insua, hase cumprir fielmente a vontade da dona que garda o tesouro, aínda que nesta ocasión a lenda parece incompleta ou cando menos non garda a liña doutras semellantes.

O grande escritor mindoniense Álvaro Cunqueiro cóntanos nun capítulo de Os outros feirantes como Louro de Parentes, o protagonista, pasa gran parte da súa vida tentando desencantar supostos tesouros agachados polos mouros nos montes galegos durante a súa curta estadía na nosa terra. O sistema que segue neste caso consiste en lavarse ben e lavar o tesouro berrándolle. A continuación pregúntalle como se chama e, se respondese, ha de atinar o peso xusto para que o tesouro o siga como se fose un can.

A NOVA COLONIZACIÓN CULTURAL
Cómpre dicir finalmente que, á marxe do grao de credibilidade que o relato teña para o narrador ou narradora e o seu auditorio, as lendas –tamén os contos, romances, cantigas, etc.- teñen desempeñado un papel social fundamental entre as nosas xentes. Motivo foron, xa se ten dito, de frecuentes e continuas reunións que fomentaban a conversa, a convivencia, mesmo a creatividade, dando ás ao maxín individual e colectivo e permitindo ao mesmo tempo conservar e espallar unha parte da nosa cultura.

Na actualidade, sen embargo, é curioso e desesperante comprobar como series interminables de televisión, que reflicten modos de vida e situacións que nada teñen que ver coa nosa realidade, conseguen ensimesmar diariamente a un público medio que, paradoxalmente, se identifica con elas. Está claro que parte da función que cumprían as lendas, os contos, etc., vese agora cuberta por outro tipo de literatura, esta vez alleante e desculturalizante pero cun poder infinitamente superior: a do medio transmisor. En efecto, a transmisión e recepción das mensaxes é neste caso xeneralizada, cunha dobre vía de saída e entrada onde loxicamente, ademais de oír, se ve o desenvolvemento do relato. O poder do medio é pois total, e desto saben moito os políticos.

O avance da tecnoloxía, a mellora nas condicións e na calidade de vida da xente, o afán secular, sen dúbida fomentado en grande parte, por admirar e valorar máis o alleo có propio, fan que todo este patrimonio cultural vaia esmorecendo na tradición oral, e se cadra tamén na escrita se non se poñen os medios precisos para conservalo.

Vilalba, agosto 1998.
Felpeto, Xosé M.
Felpeto, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES