Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Victor Corral

jueves, 16 de diciembre de 2021
No nº 6 da revista Guieiros (Xermolos) de 1998 publicouse un extenso artigo de Eduardo Baamonde sobre Víctor Corral. Supoño que Alfonso considerouno vixente ata o punto de chamarme 23 anos despois para falar sobre o mesmo autor.

Sen embargo a primeira pregunta que me asaltou foi qué queda daquel Eduardo e cantas cousas mudaron no seu xeito de vela vida e, polo tanto, de valorar a arte. Aceptei o convite porque neste tempo transcorrido aprendín que canto mellor persoa sexas, mellor debuxas, tallas ou escribes.

A honestidade, o compromiso e o sentido de xustiza son chaves moito máis determinantes na forxa dun artista que as academias, as influencias, os cursos ou os premios. Penso, por conseguinte, que non se pode analizar a obra de Víctor sen ter en conta a súa actitude e facerlle unha homenaxe a un escultor que entrega de cheo a súa enerxía en representar todas aquelas pequenas cousas que ocorren ao seu redor, paréceme un acto de dignidade necesario.

Estamos diante dun home que escolle afastarse dos circuítos comerciais, dos epicentros artísticos e das inauguracións artificiosas para refuxiarse na súa casa museo ateigada de vacas, coellos, pombas, donicelas, estrelas, cabalos ou porquiños. Esta decisión prexudica, sen dúbida, a difusión do seu traballo pero consegue unha fusión menos común do que parece entre artista, material e temática.

Ás veces custa recoñecer onde acaban as mans de Víctor e onde comeza o buxo, a uz ou o carballo, pois o grao de naturalismo que obtén, fundamentalmente coa madeira, fainos crer que ese moucho ou ese esquío durmían acubillados na madeira antes de que a tallara Víctor. Obrigar a saír as formas encadeadas polo material é unha característica moi presente en grandes mestres como Miguel Ángel ou Rodin. Mais agora non é momento dunha extensa análise comparativa. O gran mestre e o modelo máis determinante para Víctor é a Natureza, á que se achega de xeito místico e á que dedica tallas coma se foran ofrendas de agradecemento. Con esta actitude cargada de espiritualidade desenvolve Víctor o seu camiño creativo.

Un camiño no que o modelado intuitivo imponse sobre o rigor anatómico, o interese pola fauna e a vexetación da contorna imponse aos grandes temas clásicos e, finalmente, converter en protagonistas das súas obras aos febles e aos indefensos imponse ás formas sedutoras pero baleiras e superficiais.

Seica Don Gumersindo, o vello representado nun relevo tocando a guitarra e fumando en cachimba, dicía: "Quen ten unha pipa ten unha fortuna, aínda que non teña tabaco parece que fuma". Pois Víctor ten un don se cadra máis grande: o de dar vida á pedra e á madeira, e nos a fortuna de compartir un tempo e un lugar con esta gran persoa.
Baamonde, Eduardo
Baamonde, Eduardo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES