Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Luís Ferreiro Peinó, Demiúrgo Lugués

viernes, 10 de diciembre de 2021
Coñecín a Luís Ferreiro Peinó sendo aínda eu estudante preuniversitario en Lugo, pero cando xa valoraba por encima de todo nas persoas o humanismo ideolóxico e a sinxeleza no trato que caracterizaban, por exemplo, a meu pai, Claudio Rodríguez Rubio, ou a meu admirado Luís Ferreiro Peinó, Demiúrgo LuguésÁnxel Fole, quen era entón para min unha especie de avó literario. E o sempre humilde Luís Ferreiro Peinó pareceume de inmediato que encaixaba de cheo nesa estirpe de persoas auténticas e dignas (ou boas e xenerosas como reza a letra do himno galego de Pondal). Ademais, a súa permanente retranca cordial facilitaba as nosas conversas sempre tan cheas de sincera amizade como de irónico humor.

Mais a esta excelente impresión persoal, superpúxoselle de inmediato a non menos excelente impresión artística que me causou a súa obra, vista primeiramente no seu estreito pero acolledor taller do Campo Castelo e logo tamén nalgunha exposición na mesma cidade de Lugo. Estaba eu por entón escribindo os versos que publicaría no meu primeiro libro e sintonizaba dabondo con aquela súa estética combinatoria de tradición e vangarda decantada en enxebres madeiras galegas de carballo e de castiñeiro con moi orixinal personalidade aberta ao mundo.

De feito, a súa estilizada peza "¡As tres e sereno!", que realizou en madeira de castiñeiro naqueles anos setenta e que presenta de xeito moi oblongo, case á maneira dun Giacometti autóctono, ao típico sereno que por entón vixiaba as rúas pola noite provisto dun candil e das chaves dos portais que custodiaba, está na orixe do sereno que aparece no meu xuvenil poema "A noite amurallada". Tal composición peripatética e noctámbula, escrita por entón, figurou xa no meu primeiro libro, Poemas de amor sen morte, de 1979, pero pola súa temática luguesa foi recollido tamén no meu poemario Lugo blues en 1987. Luis Ferreiro Peinó acudiu á presentación desta última obra no Concello de Lugo e alí lle dediquei un exemplar da mesma, que hoxe conserva a súa familia, facendo constar dita conexión.

Estes son os versos polos que transita o sereno de Peinó: "Inzándose de gatos / a noite nos envolve / por rúas desconxuntadas / e rotas no inverno de séculos / xeados polo olvido. // Pasa extático un longuísimo sereno / tan lento como as nubes / fitando toda a noite / que leva nas olleiras / cos mouchos ollos negros. // E lento, lento, lento / como unha néboa en ondas / circulamos / ao paso das agullas / que pinas e redondas nos abrandan / e adormen."

A maior parte das veces que visitei a Luís Ferreiro Peinó no seu taller foi na compaña de Carmen Blanco. Aos dous encantábannos as súas esculturas máis vangardistas, como "Voando ao infinito", "No espazo" e outras pezas abstractas de formas lisas e lixeiras ao xeito de Brancusi. Ademais, ás que incorporaban ocos baleiros e curvas cavidades recordábannos ás do escultor Alberto Sánchez, moi representativas da arte experimental comprometida da II República e logo do exilio tras a guerra civil. Foi por iso que lle regalamos ao noso querido amigo un libriño de imaxes titulado O escultor Alberto, editado polo Museo Carlos Maside de Sada en 1975 por iniciativa de Isaac Díaz Pardo, do que adquirimos tamén outro exemplar para nós que por suposto conservamos, como tamén conservou el o seu, o que sabemos por xentileza do seu querido fillo Xoán, que foi alumno meu en Lugo.

Da obra esculpida en madeira por Luís Ferreiro Peinó quedáronme sobre todo dúas boas impresións, unha formal e outra temática, aínda que ambas conectadas pola elemental Luís Ferreiro Peinó, Demiúrgo Luguésnaturalidade que caracterizou ao artista e á persoa.

A boa impresión expresiva deriva do respecto co que tratou a materia, aproveitando a forma da madeira da que partía para crear con ela a súa obra e nunca contra ela, pois xamais torturou caprichosamente o elemento natural, senón que o elevou a categoría de arte sen que perdese a súa condición de tal. Así ocorre por exemplo co tratamento dado ás trabes dunha antiga vivenda da Rúa Nova en obras como "Figuración á beira do lume", inspirada pola lembranza dos contos aldeáns a carón do lume en clara coincidencia co marco narrativo dos relatos de Ánxel Fole en A lús do candil. Nesta e noutras obras, frecuentemente poboadas de monstros e de animais esculpidos en carballo ou en castiñeiro, aproveitou a forma vertical do toro, así como as vetas que o cruzan e os nós arredondados onde as pólas se unían co tronco de xeito máis duro e escuro, para extraer de tales elementos naturais fantasmagorías imaxinarias, oníricas, exóticas ou mitolóxicas.

E a boa impresión temática deriva do seu predominante humanismo pacífico e pacifista, patente nas súas numerosas escenas cheas de tenrura, de solidariedade, de erotismo ou de protesta, como poñen en evidencia, respectivamente, as abondosas maternidades e soidades, as sinuosas figuras sensuais de muller, a representación multirracial da Nai Terra que non discrimina aos seus fillos ou a denuncia da barbarie nuclear mostrando aos deformados descendentes da bomba atómica. E cando o seu humanismo se individualizou en personaxes públicos concretos, escolleu precisamente algúns de admiración tan compartida por nós como Rosalía de Castro cando nova ou, reiteradamente, Ramón del Valle-Inclán, con cuxa estética esperpéntica coincidiu a miúdo, mesmo explicitamente.

De feito, o seu fascinante Valle-Inclán inacabado, acometido en madeira de castiñeiro, é unha das súas obras que, pola súa modernísima potencialidade incerta e misteriosa, máis quedou na miña memoria en sintonía coa apertura da chamada estética do inacabado, tan espontaneamente practicada por Miguel Anxo xa no Renacemento e tan cultivada xa moi consciente e deliberadamente dende Rodin na contemporaneidade.

En suma, tradición e vangarda, naturalidade e humanidade, autenticidade e dignidade, amizade e humor, foron as gubias que tallaron a nosa relación, nacida naquel pequeno taller lugués no que tamén coñecemos á súa familia e onde nos xuntabamos con todos os seres reais e irreais do universo creado por aquel demiúrgo ao tempo lugués e mundial que foi Luís Ferreiro Peinó. Porque igual que o seu taller formou parte entrañable de Lugo e do mundo, para nós o mellor de Lugo e o mellor do mundo foron dalgún xeito recreados e harmonizados naquel seu humilde pero proteico obradoiro sempre aberto á arte e á vida.
Rodríguez Fer, Claudio
Rodríguez Fer, Claudio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES