Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Darío Xohán Cabana, amigo da i-alma, camarada!

miércoles, 08 de diciembre de 2021
Hai xa moitos anos, principios ou mediados dos setenta do século pasado, cantaba na miña fráxil voz aqueles versos de Darío que se titulaban "Canción pra escribir mañá", daquelas en Fuxan os Ventos e sobre a música de Antón Campelo, que dicían, entre outras voces de fríos ventos: "Dixéronme de neno cando era namais que vento e fume dado ao vento, sen sempre unha alma pura un sentimento de rosas e de estrelas, primaveira".

Darío foi sempre un grande poeta, na súa orixe chairega viñera para Lugo, capital de estudo e instituto. Tratábase de ir un pouco máis alá da aprendizaxe da escola. El viña de Cospeito, en concreto de Roás; e eu viñera de Vilalba, a dona da Chaira como lle chamaba Manuel María. Todos viñamos á capital abrir algo de horizontes. Xa na cidade atopámonos no espertar á vida, nos desexos de trocar un mundo sen cores que nos tocara e nos afogaba, negado, para pór algo con máis de cor nos ilusorios ollos das imaxes. Uns e unhas facendo versos, cine, folgas, cursos de actualización e dinamización da conciencia, músicas, esperanzas, calor da loita incipiente, un fervedoiro de ilusións emocionadas. E por suposto aquela relación de amizade que entre nós nacera e duraría a vida enteira. Viñemos e coñecémonos, soubemos de nós por debaixo de mil silencios conspirados, libros agachados, conversas en festa e paseos tamén con Uxío, Trapero, Cunqueiro, Pimentel, Fole, Orestes, Enriqueta, que eran maiores cá nos.

Mais tal como anunciaba a cantiga, no medio da insistencia do vento, que seguía a zumbar: "...unhos anos despois ao ser o inverno, nun bosque escomezado a abrirse á vida, dixéronme "neno" a vida éche moi dura moi sufrida, despois da primaveira, vén o inverno!".

Aquel inverno que nos fixo xuntar a tanta xente en anceios comúns, en soños que un día terían de ser reais, certos diante dos ollos. Conspirabamos a pesar dos silencios "negacionistas" e de tanta limitación e censura, de tanta cautela e metáfora, mesmo disimulo. Nós tiñamos unha esperanza firme, a de ser, a de demostrar a dignidade da orixe, da Lingua nosa. Queriamos amosarnos ao mundo sendo quen eramos! Falando nesta lingua por entón tan prohibida e negada. Catro tolas e tolos, catro, na ousadía de querer falar, escribir, cantar e soñar a liberdade. Mais, no medio do compromiso, sempre estaba Darío para axudar, para reconfortarnos. A censura andaba atrás, pisándonos para esmagarnos. Multas, negacións de concertos, de festivais, de proxeccións. Eramos moita xente a confrontar a dura realidade. A poucos, aparecía máis xente que se xuntaba, comezabamos a ser un grupo xeitoso. Amizades comúns como Fiz Vergara Vilariño, Marica Campo, Alfonso de Xermolos, Celso Emilio Ferreiro, Suso Vaamonde, Mingos e Parrado de Melide, Paco Martín, Luz Pozo, Luz Galocha, Morgan, Celeiro, Xabier Docampo, Ferrín, Agustín F. Paz, O Mago Antón, Mariña, o noso Manuel María e centos de persoas máis que nos aloumiñaban versos e alentos. Como non, o Darío a carón, abondando posibles verbas para causas perdidas, ...ou non tan perdidas.

Pasaba lentamente o tempo. Zoaban de novo os ventos do seu e xa, o meu cantar porque o fixen meu, naquelas verbas: "Agora pola Terra camiñando, loitando coa vida, en contra da vida, non ollo mais que pranto e xeada, ...ninguén me dice nada, ninguén me dice nada, ...dice nada, ...dice nada!". Sabiamos da longa noite, da espesa espera entre pedras e lousas do silencio! Eran tempos de pouca cor, mais estabamos xuntos, e iso era unha forza que non daba tempo ao desespero. Sempre con Darío, a pesar das tantas dificultades, Darío estaba! Moitos foron que non o entenderon ou non quixeron entendelo. Darío era firme e fiel coma un penedo, por iso non precisaba de explicacións, miraba nos ollos e entendía perfectamente. Nada que explicar.

"Vou andando silandeiro, pola chaga compartida, por que non me din nada? Por que non me din nada, me din nada, me din nada? Ninguén me dice nada? Por que? Por que? Tantas preguntas nos fixemos xuntos, tanto amañamos o mundo e, no en tanto, fóisenos a vida nos versos do mañá. Darío hoxe habita xa aqueles lugares da nostalxia. Onde queira que estea sempre o botaremos en falta, imperecedoiro na memoria dos que soñamos xuntos e con el a dignidade, das e dos que o quixemos e queremos, que acudimos a el para fortalecernos no seu exemplo. Si, porque el nos cantou a esperanza de vencer, tamén desde a metáfora, aos tres galgos da noite que daquelas ondeaban nos pazos e palacios. Somos nós o lobo que nunha noite de séculos venceu nun recanto de luces, e matou aos finos galgos de tres zarpazos ou poutadas (daquelas nin ortografía tiñamos, nada nos privaba de expresar as ganas de liberdade con tal de entendérmonos e soñala).

Quen non o coñeceu, ao noso Darío, que volva polo moito que nos agasallou en traducións, relatos, versos. Veredes a aquel meu amigo fiel, que acabo de narrar entre lembranzas, metido aínda nos versos dunha cantiga de amor, como facemos agora xa no grupo A Quenlla, "Por amor" na que as verbas aloumiñan corpos do desexo que se tecen e destecen en utopías de sons, ecos de harmonías, Patria e Matria liberadas. Eu destacaría, por riba de todo, a súa honradez e amizade, a mesma que nos alimentou vida e agora alimentará lembranzas felices, de soños e romarías, tamén de bágoas. Por iso expreso novamente e desde a dor a miña profunda admiración, agradecida memoria por quen en verdade foi íntegro e sempre será un patrón a seguir!
Iglesias, Baldomero
Iglesias, Baldomero


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES