Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Albiscando o xurdimento da propia interioridade humana

lunes, 29 de noviembre de 2021
Non resulta tarefa doada afondar nas propias vivencias, por moi persoais que estas sexan, cando elas se atopan nimbadas por distancias temporais e biográficas difíciles de analizar coa precisión que un en principio desexaría. Pese a todo, aí están elas, acendendo en determinados intervalos a súa luz, o seu lume, na escuridade e a imprecisas distancias. Algo así coma eses faros mariños que nas noites bravas e escuras, destilan a intervalos desde a propia seguridade o seu tenue e silente resplandor. Son en realidade, no concreto caso humano, modos de un mesmo dicirse, falarse a si mesmo desde dimensións aparentemente opacas, mais porén extremadamente lúcidas se un non se opón ás mesmas.

Gardo (endexamais esvaeceron) nos fondóns da propia e difusa conciencia dous momentos vitais que, estando posibelmente incluso en mutua relación, supuxeron unha especie de manifestación de realidades para min ata entón descoñecidas e, en boa medida tamén, desestabilizantes respecto do curso digamos normal do propio vivir.

O feito de as poder lembrar con relativa nitidez moitos anos despois amosa ó meu ver o seu impacto na propia conciencia fronte a outras experiencias ou vivencias que non chegarían a deixar en min igual pegada e que, xustamente por iso, non son eu quen de lembrar. Ámbalas dúas experiencias están asociadas na miña conciencia a concretos tempos (infancia-adolescencia) e espazos: os inmediatos, aínda que exteriores, á miña casa familiar na Galiza tradicional ou "profunda"...

Así pois, a primeira ocorre no exterior desa casa familiar aínda que en inmediata proximidade a ela. Lémbrome e véxome a min mesmo naquel intre fuxidío en soidade, camiñando lenta e autoconscientemente en interior compaña comigo mesmo, experimentando ó tempo por primeira vez e subitamente a engaiolante vivencia de "eu" ser alguén, enchéndome consecuentemente tal iluminación de interna euforia e contento vital. Coma se un inesperado lóstrego repentinamente iluminara o decurso da miña existencia cunha profundidade e responsabilidade ata entón endexamais experimentadas. Ignoro se tal situación anímica ocorre e dun xeito semellante noutras persoas, por máis que os entendidos falen xa efectivamente sobre a existencia do descubrimento do propio eu.

No meu caso resultou ser, de todos modos, un acontecemento inesperado e rompedor, unha irrupción na propia interioridade desde descoñecidas latitudes dunha absoluta novidade: a de eu estar intimamente presente a min mesmo, vivíndome gozosamente coma dono e señor de min mesmo. E xunto con isto, a visión ou intuición dun mundo co que "eu" dende ese intre tería que confrontarme cunha afouteza e ánimos que ata agora endexamais experimentara no meu interior. Andando o tempo, lería con fruición en Ortega y Gasset aquilo de que, paradoxalmente, "a primeira persoa é a última en aparecer"... Foron, efectivamente, os outros, os outros "eu" (os outros "ti" do meu ámbito) os que me levaron ó meu "eu".

Pouco despois ocorrería unha outra experiencia (a segunda das sinaladas e, posibelmente, complementaria da primeira), sacudindo ela sen compaixón nos seus mesmos alicerces aquel primeiro e luminoso descubrimento, o de "eu" ser alguén. Lembro que á beira mesma da casa patrucial sentaba quen isto escribe nun alongado mazadoiro de ben traballada pedra enteiriza, desfrutando xunto con outros rapaces da miña idade da mutua conversa e dos nosos xogos, cando alguén (que non acado identificar) se achegou a min e me informou sen máis preludios: "Pois ti has tamén morrer!"...

Fiquei sen posíbel reacción e interiormente desfeito ante a imposíbel noticia que acababa de recibir. Endexamais maxinara eu tal cousa, a pesar de que tiña xa daquela noticia de que había persoas que finaban, mais eran sempre os outros, "eu" non! Eses acontecementos non podían ter, xa que logo, nada que ver comigo... Tal era a miña convicción.

O caso é que o inicial abrente inconmensurabelmente belo do meu eufórico "eu" semellaba terse afundido de súpeto nun solpor cincento, definitivo e mudo.

Mais ben puidera ser, porén, que só dende esa contraditoria situación vital-mortal é como a vida xorde como aventura, como drama, como ilusión, como desafío, é dicir, como poema.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES