Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'Galicia profunda', si señor!

jueves, 04 de noviembre de 2021
A quen volveu botar hai poucos días a voar a expresión da "Galicia profunda", referíndose ós que nacemos ou habitamos (ou a algúns deles) nesta terra galega na que tan a gusto me atopo, non lle obxectarei en principio nada. Só quero comentar que a min me comprace (como a galego e "amigo" que por profesión son da "sabedoría": iso din que é ser "filósofo") habitar na agachada e nada superficial dimensión das cousas, das persoas, dos acontecementos.

Porque se de algo considero ter chegado a me decatar, no meu xa longo e atarefado vivir ou pensar (e escribir), é xustamente do complicado e "profundo" da realidade, do nacer, do vivir, do finar, do se sentir persoa en clamorosa e "profunda" soidade, do misterio da liberdade propia e da dos demais, da soidade íntima persoal e ó tempo das "profundas" (ou menos profundas) relacións cos demais...

Ou é que non son tales dimensións inequivocamente "profundas"? Sei ben que este tipo de linguaxe a máis dun, nos tempos que corren, lle pode provocar un benévolo sorriso. Non é nada doado, efectivamente, subtraerse ós modos comúns ou aceptados de ser, de se comportar ou de avaliar nunha concreta época ou realidade histórica.

En calquera caso, pola miña parte podería dicir o seguinte. Nado en terras galegas inequivocamente "profundas", indescritiblemente belas e (como é ben sabido) conformadoras dos posteriores modos de un ser, pensar e se comportar na vida, teño pasado trala miña adolescencia preto de sesenta anos fóra de Galicia (sete deles fóra tamén do estado español).

Pois ben, teño para min moi claro que o que máis "profundamente" me marcou na vida foron eses primeiros anos da miña existencia "profunda", aqueles nos que se aprenden e se inoculan de xeito mainiño na propia interioridade uns modos de vivir, de se comportar ou de se comunicar no seo acolledor dunha concreta cultura e lingua (no meu caso, un galego vivo e aínda ben enraizado nas "profundidades" da súa tradición secular). Son eses, como é ben sabido, os modos "profundos" de se incardinar de xeito "natural" (nada artificial) nos comportamentos e valoracións dunha cultura concreta, no meu caso a propia de Galicia.

Coido que desde que xa nos primeiros tempos do meu vivir deixei de residir en Galicia fun sempre consciente (e, ó tempo, sentinte e paciente) da clara diferenza entre esa nosa cultura, a galega, e as posteriormente por min vividas, para min estrañas ou alleas en principio, aínda que na ausencia do chan nativo fosen no meu caso obviamente ben aceptadas. Se tal diferenza galega é a por outros denominada "profundidade" é cousa que só lles corresponde xustificalo ós que así a denominan no senso que eles lle queiran dar! Sobre a mesma, porén, podo dicir que moi a gusto me sinto con ela e ademais xustamente por ser a miña. Pois intento nisto, coma en tantos outros variados problemas e dilemas, proceder segundo o coñecido imperativo de Píndaro: "Sé o que es!".-
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES