Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pregón XIII Tasca do Liño de Insua

martes, 02 de noviembre de 2021
Veciñas, Mulleres de Insua desta terra entre ríos, alcaldesa de Vilalba, autoridades e amigas todas, é un pracer e un grande honor abrir esta XIII edición da Festa da Tasca do Liño de Insua, que coloca esta parroquia chairega como referente no mundo da Pregón XIII Tasca do Liño de Insuarecuperación e promoción do que Luis Seoane denominou a fonda freba do noso ser, o liño.

No ano 2019 trouxen a miña mamá Avelina tamen tecelá, a que coñecera a vosa festa, marchou feliz vendo os vosos traballos e aínda tivo degoiros de poñerse no banco tascón. No camiño de volta aos Vilares en Guitiriz díxome que o que máis lle pesara na vida fora abandoar o tear, quen me dera vivir en Insua que había de participar en todo esto e ainda parolaba un pouco coas veciñas. Dixenlle habemos volver para o ano e dixo: quen sabe ainda como será o ano que vén. Tiña razón, veu a pandemia e ela faleceu o 26 de octubro.

Nos anos 90 tamén intentamos levar adiante un traballo similar ao voso na miña parroquia dos Vilares en Guitiriz, pero quedamos no camiño, no que vós seguides andando. Rescatar aquel traballo comunal foi o comenzo da Lareira de Soños.

Cando era unha moza e viña de Vilalba onde estaba estudando no Basanta Silva, de volta no coche de liña pola vella estrada, na que o camiño se me facía eterno, cando chegaba a Insua sentía que estaba na casa.

O río Labrada que trae as augas de ao pe do monte por riba da miña aldea, xa me estaba agardando como unha avoa que se senta na porta para recibir a neta que volve.

Que Lurdes me chamara para ler hoxe este pregón coincidindo co cabodano da miña nai ven a confirmarme que o mundo é un tear no que se entrecruzan fíos na urdideira da vida.

Esta semana, unha xuíza de Marbella, empregou a súa particular definición da "Galicia profunda" para denegar a custodia dunha nena á súa nai. Este feito, provocou unha avalancha de reaccións reivindicando as orixes rurais de miles de persoas, algo que reflicte un sentimento de pertenza a un lugar, o orgullo de ser ou identificarse coa aldea.

Este feito, levoume a reflexionar sobre a identificación da Galicia profunda co atraso no noso rural, un feito evidente se atendemos ao despoboamento e ao envellecemento das nosas parroquias, castigadas por centos de peches de explotacións agrícolas e gandeiras cada ano, polo monocultivo de eucaliptos que alteran o ecosistema dos nosos montes. Un rural sen futuro polas precarias infraestructuras públicas con constantes peches de colexios, ambulatorios ou oficinas bancarias, sen tecnoloxías modernas de comunicación e co abandono dun inmenso patrimonio etnográfico e histórico.

Igual que somos un país rico empobrecido, non somos unha Galicia profunda, somos unha Galicia afundida polo abandono e polas pésimas políticas para o campo galego.

Temos un territorio que dá e alimenta productos da mellor calidade, unha mocidade mellor preparada que nunca pero sen alternativas de emprego en xeral e menos aínda no rural.

Pregón XIII Tasca do Liño de InsuaAqueles mozos e mozas que como Miriam, impulsan proxectos con moitas dificultades, son por desgraza minorías, exemplos puntuais para os que non se contempla unha fiscalidade acaída á temporalidade dos seus traballos nin se promocionan os seus productos como merecen por ser ademáis de pezas téxtiles, un elemento cultural de primeira orde.

Efectivamente, hai iniciativas de aproveitamento do monte de maneira sustentable con cooperativas de mozos como acontece, por exemplo, coa castaña ou as setas, hai alternativas coa gandeiría ecolóxica, coa horta etc, pero seguen a ser minoritarias ou residuais.

Galiza é un pequeno país que non pode nin debe competir en cantidade cos diferentes sectores, agrícola, gandeiro ou forestal, pero sí que podemos competir cos mellores do mundo en calidade.

A agricultura e gandeiría intensiva tense demostrado fracasada en Galicia, o mesmo que o monocultivo de especies foráneas nos nosos montes para enrequecemento das empresas papeleiras e taboleiras, provocando a desertización humana e xeográfica do territorio interior.

Apostar polo rural é investir en novas tecnoloxías, crear servizos acaídos á dispersión xeográfica, rexenerar os montes e apoiar empresas e cooperativas que aposten polo autóctono e a calidade, implantar novos e mellores servizos sociais, educativos e sanitarios, restaurar o património e poñer en valor a paisaxe.

A mocidade galega ten demostrado que é posíble implantarse no mercado con productos identitarios conectados coas nosas tradicións e oficios como demostran Elena Ferro ou Miriam e Lourdes con Fusaiola.

Debemos reflexionar sobre o mundo que estamos a construir. A globalización tennos levado a un exceso de consumo e degradación ecolóxica. O gasto de enerxía disparatado e irracional, o consumo de alimentos producidos a miles de quilómetros de distancia, mentres o noso rural ten abandonado a capacidade alimenticia.

Ante esta situación, debemos reconducirnos cara a un consumo de proximidade, e nesta loita non estamos a contar coas administracións que nos representan, aliadas sempre co poder económico e os seus intereses de parte, convertindo tamén aos labregos, a única clase social allea até hai pouco tempo ao consumismo, nunha clase xa esmagada tamén polo consumo.

A supervivencia está na tradición, como dixo Castelao no Sempre en Galiza: "Porque a verdadeira tradición non emana do pasado, nin está no presente, nin se alvisca no porvir; non é serva do tempo. A tradición é a alma eterna de Galiza, que vive no instinto popular e nas entrañas graníticas do noso chan. A tradición non é a historia. A tradición é a eternidade".

A tradición rescatada polas mulleres de Insua, trascende a nosa historia, é unha labor que contribue a facer eterno o noso país dende un pequeno anaco de terra, unha insua que resiste os ataques dun mundo alleo ao noso ser.

As fibras do liño, representan moito máis que unha pranta traballada para tecer teas, son fibras do que somos, de onde vimos e que marcan, dende este lugar o noso camiño para o futuro.

As mulleres de Insua, Lurdes, Miriam, Susa, Josefa, Eutimia, Mari, Celia, Lyndsay, Laura, Mª José, Trinidad, Divina e todas cantas fixestes posible dende o ano 2007 que hoxe esteñamos nesta festa, debemosvos o agradecemento de traer do pasado unha tradición milenaria para tecer o porvir.

Sodes as Penélopes chairegas que con paciencia e habilidade tecestedes e tecedes colchas, mantas, lenzos da cama, mandís e mantelos, sodes as que agora contribuides a manter viva esta parroquia do medio rural e a súa memoria.

O voso traballo non empeza nin remata nesta xornada de festa, o voso traballo ten unha importancia vital na sementeira doutra freba que se fai ao longo de todo o ano, a de facer comunidade e xuntanza veciñal, na propia parroquia e tamen por outros lugares de Galicia por onde se foi espallando a vosa labor de recuperación etnográfica e compartindo e enriquecéndose da sabedoría tamén doutras zonas.

E é asi como Insua vai medrando entre fíos grazas as súas mulleres que se preocupan polo noso, por todo aquelo de onde vimos e por salvar o que somos nunha realidade que vai engulindo día tras día a nosa historia, o noso patrimonio e a nosa autoestima.

Benvidas todas á XIII Tasca do Liño e longa vida ás Mulleres de Insua e a todas as mulleres galegas que coma vós, tecen fíos de país.

Pastora Veres.

Insua, 30 de outubro de 2021
Veres, Pastora
Veres, Pastora


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES