Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A ladaíña dos responsos

lunes, 01 de noviembre de 2021
Tal día coma hoxe, nos anos de miña infancia, non existía o Halloween e moito menos o Samaín. Polo menos pola miña zona. Tal día coma hoxe dos anos da miña infancia e xuventude, ou o que é o mesmo, nas décadas dos sesenta e setenta, tan só estaban á orde de Todos os Santos os cemiterios e os responsos. Mesmo case se pode A ladaíña dos responsosdicir que tal día coma hoxe, algunhas veces, empezaba xa no día anterior, mellor na noite anterior. Pois era cando a nai me mandaba sentarme á mesa para que escribise. Para que escribise o nome de todos aqueles familiares ou todos aqueles achegados polos que había que rezar ou pedir ó día seguinte.

Creo lembrar que algún ano cada responso valía cinco pesos, é dicir, 25 pesetas, polo que se a continuación do nome lle puña 50 pesetas, o cura, don Manuel Pulido Vázquez, xa entendía que a esa persoa había que cantarlle dous responsos. Outras veces, e non poñéndolle o prezo á beira, para que lle cantase dous ou tres responsos ó mesmo defunto, escribía o nome de tal e na seguinte liña poña "O mesmo" ou "Polo mesmo". Nin a miña nai nin eu (sendo cativo) sabiamos que existía "Ídem" ou que significaba. Lembro perfectamente que o derradeiro responso era sempre "polas benditas almas do purgatorio".

Se non facía a lista a noite anterior, tiña que facela logo do xantar do día 1, pero moi rapidamente, porque a ladaíña dos responsos axiña empezaba no cemiterio parroquial. Nós, como o tiñamos á beira da casa, logo asentabamos ante as escaleiras que baixan ó cemiterio. E aí empezaba toda unha tarde (ás veces incluso se entraba na noite) de responsos e rezos, de cansazo e rutinas. Don Manuel empezaba por un lado e, nicho a nicho, tumba a tumba, sepultura a sepultura avanzaba moi lentamente e con tal mestría que, mentres cantaba, non perdía detalle das notas que lle daban. Notas que eran simplemente follas cos nomes e todas engurradas porque dentro delas ían os cartos por eses responsos. A ollada do cura era tan certeira que sei seguro que nunha simple mirada sabía perfectamente os que debería cantar no seguinte nicho. A xente, por suposto, procuraba meterlle "o envoltorio" nas mans segundo se achegaba ás súas tumbas.

Todo ese ritual facíase demasiado aburrido para un cativo que só quería xogar. Pero calquera lle insinuaba a miña nai de que tal día coma hoxe non me apetecía ir ó cemiterio... Menos mal que hoxe creo que xa non existe nada dese ritual.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES