Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Paco Pestana

lunes, 25 de octubre de 2021
Entre dous días grandes do San Froilán, poucas horas despois de falarmos cando saía en bici de percorrer o recinto feiral, fóisenos a viva imaxe dun Quixote intemporal paseando Paco Pestanapor Lugo exercitando músculos e inxenio, facendo gala dunha inagotable sabedoría, sempre sorrinte, cunha arte especial para transmitir optimismo e ledicia de vivir.

Un dos meus maiores acertos en Televisión Lugo foi chamar como contertulio a Paco Pestana para falar de calquera tema que suscitase contraste de opinións. E á Tele chegaba Paco coa sorrisa por bandeira, arrasando amistosamente coa palabra. E cando Paco Rivera o entrevistou en "Lucenses" deixou para a historia aquel "iogur de maracuiá" como modesto e grandioso símbolo de ledicia polo triunfo na vida; manifestación palpable da felicidade coas cousas máis pequenas.

Todo terreo das artes, con expresións plásticas inconfundibles, fixo do Mesón do Forno a súa segunda casa, exposición permanente, non só coa súa obra senón mesmo co seu retrato de cardenal do medievo co que o xenial Xurxo Lobato evidenciou que o reino de Paco era deste mundo pero non deste tempo; imaxe dun Renacemento propio, cabalgando un Rocinante metálico, sobrevoando paisaxes e séculos.

O Concello de Castroverde fíxoo Fillo Predilecto, honrando en vida a quen estaba por riba de moitas cousas, facéndoo un chisco máis feliz. Eme difícil explicarlle aos meus netos como é posible que un home así, do que me daban novas ("vimos ao teu amigo, avó!") cando o atopaban pola rúa, pode ser substituido de repente por unha lembranza. Descansa en paz, Paco da palabra axil, inxenio punzante, sorriso franco, ollar intelixente, artista e amigo.

(Foto: J.M. Guisasola)
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES