Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Miguel Anxo Fernán-Vello no Paseo dos Soños

jueves, 14 de octubre de 2021
Poeta, dramaturgo, editor, deputado a cortes…, Miguel Anxo Fernán Vello é unha alta, unha singularísima figura que ben merecía a homenaxe que lle renderon a Irmandade Manuel María e a Asociación Xermolos que preside Afonso Blanco Torrado: un hectómetro no Paseo dos Soños á veira do silandeiro río Madalena de Vilalba.

Sería un erro tratar de recoller, mesmo resumida, a coherente e intachábel traxectoria de Fernán Vello, acudindo ao estudo detallado de cada un dos seus libros. Limitareime, xa que logo, a sinalar algunhas características comúns a todos eles. O primeiro que descubrimos ao achegármonos a calquera texto de Fernán Vello é a eufonía, a sonoridade grata, melodiosa, que resulta da axeitada combinación dos elementos acústicos das palabras. O resultado é a elocuencia, esa facultade que consegue deleitar, persuadir, emocionar…, afondando na capacidade cognitiva e no plano sonoro da linguaxe.

A este respecto, cómpre lembrar que Miguel Anxo, ademais do extraordinario talento literario por todos recoñecido, tamén o ten para as artes plásticas e para a música. Pinta con orixinalidade e delicadeza e toca varios instrumentos: estando nunha ocasión en Portugal, os ouvintes admiráronse ao sentir as notas dunha ocarina, tan pequena, que se lle confundía entre as mans. E ficaron perplexos pensando que lograba aquel sonido simplemente cos dedos! Mago das verbas e dos sons, Miguel Anxo Fernán Vello.

Sonoridade

Miguel Anxo extrae das palabras toda a súa celmosa sensorialidade, brillos, cores, tactos e fragrancias a través dunha densa textura metafórica e dunha imaxinería na que adquire especial relevancia o corpo e as súas manifestacións: o sangue, o corazón…, cun ritmo que se vai abrindo desde dentro e cun dicir vibrante, case trémulo, no recitado. "Todo o que vive ten que soar. Para os místicos, os movementos sonoros son os máis reais, de maneira que a música constituiría a forma superior da sabedoría", escribiu Eva Veiga a propósito do labor do noso poeta.

Na procura dese intre auroral e inocente, "desa luz escura que se incendia no verso", Fernán Vello concibe a actividade poética como elemento vivificante, como forza purificadora capaz de esluír, de despexar as sombras que se abaten sobre a existencia. O amor eríxese así en polo magnético que orienta e informa unha substancia poética, no seu caso sempre sonora, que capta e recolle un "rumor" se cadra anterior ás palabras. Non o sei. O que si parece evidente é que a expresión literaria se axusta á expresión sonora nese "luminoso signo extasiado e profundo, nesa música chea de azas transparentes". Emoción e intensidade modulada en versos de longo alento, semellantes ás longas e dilatadas planicies da súa Terra Cha orixinaria.

O resultado é unha materialidade transida de ensoñación, unha espiritualidade voluptuosa, "o que a pureza ten de provocación e a inocencia de retraemento. Ese morbo que emana da inocencia, pois é sabido que adoita agachar un inconfesado anhelo de reparación de instintos máis primitivos", anota, con tino, Xabier Baixeras. Nesa dualidade ambigua, entre a pureza e o desexo, os corpos perderán finalmente a inocencia e converteranse en materia amorosa, mais non por iso impura.

Ese espazo fronteirizo, entre o anhelo de elevación e a realidade física, define os primeiros libros de Miguel Anxo Fernán Vello, nos que destaca a lúcida selección do léxico amoroso e do material simbólico, cabo da cadencia xa sinalada. Así sucede en "Memorial de Brancura", no que o corpo se afirma como referente esencial ("brancamente habitarse/ de ser e de pureza/ contra o tempo e a morte") e transcendente, pois superará calquera continxencia grazas á capacidade xenesíaca e perdurábel da arte.

A presenza da "materia corporal" terá continuidade anos máis tarde en "Capital do Corpo", introducindo dous novos motivos: a nostalxia e a morte, "o poro íntimo /e luminoso/ da desolación" ou de xeito lapidario cando di: "O corpo é un ser desterrado". O poeta entra nun proceso de desprendemento e de nudez no que o corpo, a materia, é a única agarradoira. Desaparecida esta, abocámonos ao "poema en branco", á nada.

Transparencia

Outro elemento definitorio da poesía de Fernán Vello, é a transparencia, como podemos comprobar no "Libro das Paisaxes Vivas". Poemas nos que a ollada se detén, atenta e amorosa, sobre a realidade externa, que interioriza e humaniza mediante unha expresión núa, vibrante e emotiva. O "eu" individual, interno, ábrese e ofrécese ao "nós" colectivo, externo, en laio pola natureza, pola utilización torpe e depredadora á que a sometemos. O que en Novoneira é asombro e admiración ante a súa grandeza, é denuncia e dor en Fernán Vello. A de Novoneira é unha paisaxe poderosa, sublime, case ameazante. A de Miguel Anxo é unha paisaxe en perigo, ameazada. Tampouco as paisaxes de Noriega nin de Manuel María son as de Miguel Anxo. En Noriega, idealizada nun franciscanismo inxel; en Manuel María, cantada na súa verdade inmediata.

Desexo e dor, tempo e memoria. A terra, o ar, a auga e o fogo informan os "Cantos da terra posuída" nos que batemos con outra proposta formal: a utilización do versículo para atender a rotación cíclica das estacións, as chuvias, os ventos, os días e as noites…, sempre, insistimos, con esa cadencia harmoniosa e esa fluidez natural das palabras. Etapa de diálogo, de interacción coa natureza que terá continuidade n´ "As certezas do clima" e nos excelentes "Poemas da lenta nudez" e que adquirirá tinguiduras aínda máis dramáticas en "Territorio da desaparición", no que a caída existencial convive co compromiso político, expresado nun ton confesional, duro e amargo. O desamparo existencial cerna as ansias do poeta e lévao ao "pozo nocturno" da amargura. De aí o anhelo de desarraigo e de fuxida, "en dirección ao norte" para escapar do "arrecendo xeado da desolación".

Coda

Outros moitos temas habería que tocar e tratar, pero non é posíbel no espazo limitado dun artigo. Fiquemos, pois, cos versos do poeta Miguel Anxo Fernán Vello na placidez do "paseo dos soños" vilalbés, veireado de salgueiros e ameneiros, contemplando as oucas verdes lambidas polas augas transparentes e escoitando o rombar do río e os ledos saltos das troitas "nun espazo libre de morte".

(Palabras de Xulio Valcárcel na homenaxe a Miguel Anxo Fernán Vello no acto de inauguración do seu Hectómetro Literario no Paseo dos Soños de Vilalba)
Valcárcel, Xulio
Valcárcel, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES