Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Volver ao cine...

viernes, 08 de octubre de 2021
... como "siempre se vuelve al primer amor", cantaba Gardel en 'Volver'. Como se volve á normalidade que xamais será, tal e como a coñecimos, feliz e despreocupada. Pero a vida éche teimuda. E sempre emerxe, ata nos peores escenarios.

Todos ao cine, a aqueles plans festivos con fillos algareiros, con parellas namoradas na penumbra sonora e luminosa dos cines. Algo que semella dunha época afastada por case dous anos de medos e perdas.

Xa a crise económica de 2008 contribuiu a baldeirar as salas, case 36 millóns de espectadores menos en apenas catro anos. O prezo das entradas tampouco axudou. Pero o máis relevante agora é a explosiva oferta de series e películas das plataformas dixitais. Con formas novas de ver películas no salón das casas, adornado agora con pantallas xigantes para demostrar que o cine resulta inmorrente.

Pero a maxia grande aínda espera agachada nos cines. Agora con vantaxes engadidas: menos xente, máis hixiene e seguridade, menos ruído e móbiles, e menos rumiar xigantescos caldeiros de palomitas. E coa distancia precisa para sentirse sós a carón dos que queres nunha suxerente escuridade. E viaxar lonxe no lombo de imaxes, diálogos, luces, músicas, esa taracea de historias.

Todos ao cine para degustar outra vez o que alimenta territorios inexplorados da fantasía, do xenio de actores e directores, da imaxinación que colocou a mellor cámara de cine no cerebro. Outra vez a sétima arte como pan noso de cada día. Ben conscientes de que xamais volverá a normalidade. Pero como ocurríu ao longo da historia, sobre todo nos últimos 2.000 anos, cando as pandemias remiten volve a explosión da vida. Ás veces con estoupidos sexuais e dispendio económico para gastar vida e cartos nunha especie de catarse, de liberación tan semellante a unha festa.

Quedarán cicatrices sociais e fendas económicas do virus. E nese caldo de cultivo medrarán novas formas de vida, outras oportunidades de negocio. Tamén unha terra abonada para que o cine explore novas historias. Pasou antes: velaí 'El séptimo sello' de Bergman ambientado naquel s. XIV cando a gran peste aterrorizou e baldeirou Europa.

2020 foi o noso Ano da Peste. E tamén dos milagres. O ano do descubrimento do valor da ciencia. O ano da heroica profesionalidade dos que se enfrontaron en primera liña contra o virus para salvarnos. O ano no que ocurríu algo inédito na historia: en apenas dez meses creouse unha vacina. Temas sociais, temas humanos, temas científicos que acabarán por saltar ás pantallas e, na penumbra das salas, ver e recordar o que vivimos.

Mentres nos recuperamos dos efectos sociais que nos condenaron á soidade. Dos efectos mentais que pasarán factura aos máis novos. Dos efectos económicos que mandaron aos ertes a millóns de traballadores. Dos problemas psicolóxicos que enchen as consultas psiquiátricas. Son efectos do Ano da Peste. Son, case títulos de películas aínda por filmar. Porque o que estamos pasando éche un evento que ocorre unha vez cada 100 anos.

Películas de heroes e viláns. Con bufóns excesivos como Trump e outros bobos negacionistas nos gobernos. Sabían o que pasaba e non tomaron as medidas necesarias multiplicando mortes, ruinas e enfermos. Gobernos sobrepasados que acabaron poñendo o foco sobre o realmente importante: a xente. E malos de película. Porque toda pandemia atopa culpables. A máis cercana, a do VIH culpou aos homosexuais. Na peste bubónica de 1348, bruxas e xudeus foron o chibo expiatorio. Na peste de Atenas do 430 a.C. os gregos culparon aos espartanos. Tamén agora buscamos culpables en laboratorios secretos chineses. Ao fin, o cine volverá a ser 'espello da realidade para se converter na realidade do espello'.

Volveremos todos ao cine. Como volveron as festas, as vacacións, restaurantes, praias, Como abriron de par en par os bares, templos da comuñón entre o viño e a palabra. Para que a vida siga. Para que salte dos seus medos ás nosas loucuras. Das súas mortes a esta explosión de vida. Conscientes de que o mundo, tal e como o coñecimos, xamais volverá. Ata que as escuras andoriñas de novos coronavirus volvan a colgar os seus medos nos nosos balcóns.

Volverá o cine a nos explicar a vida, onde a economía tivo que reinventarse creando novos traballos, testemuña fel do que nos pasou. E os cambios sociais disparados a queimarroupa coa súa carga de desigualdade e malestar social. Do obrigado aforro pasamos a un gasto máis gozoso e lúdico. As novas tecnoloxías levan da man novas formas de negocio e de vida. Cun horizonte de esperanza dunha vida capaz de e reinventarse a si mesma.

Estamos diante da pantalla. No salón da casa. Na sala de cine. Coa entrada na man sentámonos na penumbra da maxia. Para rememorar e reinventar, cando a pandemia amaina, a película das nosas vidas.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES