Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Polo Traballo Decente

viernes, 08 de octubre de 2021
Por sétimo ano consecutivo, as organizacións que integramos a Iniciativa Igrexa polo Traballo Decente (ITD) celebramos e reivindicamos o traballo como dereito e medio para desenvolvernos, crear e realizarnos como persoas nesta Xornada Mundial polo Traballo Decente.

O 9 de maio de 2021 púxose fin ao estado de alarma establecido en España o 14 de marzo de 2020 por mor da COVID19. En plena pandemia fomos testemuñas e mesmo sufrido (en primeira persoa ou a través de familiares, amizades, etc.) a precariedade no mundo do traballo: persoal de limpeza e sanitario sen Equipos de Protección Individual; as condicións laborais e falta de medidas de prevención en riscos para a saúde das traballadoras de fogar; persoas teletraballando sen dispor de medios tecnolóxicos e dispositivos por parte da empresa; traballadores e traballadoras que, a pesar de estar en ERTE, víronse obrigados a teletraballar desde a casa; horas extras realizadas, ademais doutras precariedades laborais (hostalaría, economía mergullada, falsos autónomos, contratos en prácticas, etc.) que precisamente por esa precarización non puideron acceder a ERTE ou calquera tipo de escudo social.

Doutra banda, se falamos de acceso ao traballo, o modelo actual de relacións laborais non asegura acceder a un traballo decente que permita atender necesidades básicas como chegar a fin de mes, conciliar a vida laboral e familiar, o acceso á vivenda, a seguridade e saúde laboral, a participación social, etc; feito que afecta especialmente a mozos e mulleres, vítimas dunha das maiores taxas de desemprego, traballos peor remunerados e elevada rotación, entre outros.

"Ao ser novos chégase á conclusión de que nos podemos conformar con calquera cousa/condición co fin de poder gañar experiencia. Con isto refírome a traballar horas extra ou realizar peches con moita máis frecuencia da acordada" (Rita, 20 anos).

"O que máis frustra e che fai sentir inseguridade é que che pidan experiencia pero non che dan a posibilidade de conseguir esa experiencia, rexeitándote desde o principio por seres nova". (Carmen, 23 anos).

A nova "normalidade" non pode ser a precariedade que vimos sufrindo desde antes da pandemia.

O traballo é expresión de amor , de entrega, a nosa contribución singular e única á construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria, sen explotación nin opresión de ningún tipo; é a nosa aposta por crear comunidade para conseguir que estea á altura da persoa e a súa dignidade. Hoxe en día, persisten no funcionamento da sociedade moitas formas de inxustiza no mundo, alimentadas por un modelo económico baseado no beneficio, que non dubida en explotar e descartar á persoa; ante estas situacións precisamos desenvolver unha moral colectiva na que defender o traballo como expresión da dignidade humana fronte ao individualismo e comodidade; medios e ferramentas para coñecer os nosos dereitos laborais. Por iso, nesta Xornada Mundial polo Traballo Decente, desde ITD reivindicamos:

- Que o Estado poña todas as ferramentas e medios humanos necesarios para asegurar o cumprimento da normativa sobre as condicións de traballo e prevención de riscos laborais.

- Facendo fincapé nas condicións infrahumanas nas que seguen vivindo moitas persoas traballadoras temporeiras en asentamentos de zonas hortofrutícolas.

- ou Asegurar un emprego de calidade nos sectores privado e público; diminuíndo a contratación temporal e parcial e impulsando a contratación indefinida e a xornada completa.

- Medidas de orientación e formación, non só para persoas desempregadas, senón accesibles a todas as persoas traballadoras, especialmente para aquelas que sofren subemprego e precariedade no emprego.

- A subida do Salario Mínimo, para que se axuste ás necesidades vitais da sociedade actual, e que familias sen ingresos teñan unha defensa real e a posibilidade de saír adiante; con especial atención aos posibles perceptores do IMV que non poden acceder a esa cobertura por mor das trabas administrativas.

- Modificar o Regulamento de Estranxeiría para evitar a caída en situación de irregularidade sobrevinda das persoas migrantes.

Nunha sociedade realmente desenvolvida o traballo é unha dimensión irrenunciable da vida social, xa que non só é un modo de gañarse o pan, senón tamén unha canle para o crecemento persoal, para establecer relacións sas, para expresarse a si mesmo, para compartir dons, para sentirse corresponsable no perfeccionamento do mundo, e en definitiva para vivir como pobo. (Fratelli Tutti 162)

Como movementos de Igrexa traballamos en equipo co fin de visibilizar o dereito do traballo decente; que sexa unha realidade real na vida das persoas e respecte a nosa casa común. Animámosvos a participar nos actos reivindicativos e celebrativos en todas as prazas e parroquias das dioceses, na súa organización e difusión.

(Manifesto da INICIATIVA IGREXA POLO TRABALLO DECENTE, ITD, na Xornada Mundial polo Traballo Decente. 7 de outubro 2021).
I.T.D., Igrexa polo traballo decente
I.T.D., Igrexa polo traballo decente


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES