Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As historias da Ogra Pinta

jueves, 07 de octubre de 2021
As historias da Ogra Pinta é un libro de Ánxela Gracián con ilustracións de María Villarino López que acadou o XV Premio de Literatura Infantil e Xuvenil Pura e Dora Vázquez.

É este (o Pura e Dora Vázquez) un premio que non sempre chega nin lectorado para o que vai destinado nin ás persoas mediadoras de máis alá da provincia de Ourense. Esta vez, tivemos a sorte de que a propia autora nolo entregou e desta maneira non se demorou a súa lectura.

Ela, Ánxela Gracián, é unha maga das palabras, conta cunha enorme riqueza en vocabulario e sonoridade, en recursos da tradición oral infantil, en bo facer... de aí que combine marabillosamente a súa labor de escritora coa de tradutora. Certamente quen saiba dela, quererá que lle pase á nosa lingua as súas creacións.

Neste caso atopamos unha historia difícil na que o encontro duns rapaces coa Ogra Pinta As historias da Ogra Pinta provoca que ela lles conte moitos contos, porque á Ogra non hai que terlle medo a pesares do tamaño, o ruído dos seus pasos con seis zapatóns e do que din os pais. A Ogra séntese soa e quere rapazada á que facerlles a merenda de chocolate e chulas e, máis que nada, contarlles contos. Moitas veces eses contos quedan inacabados para que sexan eles quen imaxinen a continuación (como sucede co da raposa Cachús que se quere facer fina e ir mercar os polos desplumados á carnicería, o de Xián ao que lle medraron -mentres durmía- unhas ás coas que voa... ), outros rematados que acostuman levar mensaxe (como os da ogra Andrea, o dos trasnos Aín, o da galiña Mixurriña, o da Unicornia Azul, a de Clocir, a nostalxia do brazo perdido, o da palabra que perdeu o Dicionario, o da vaca comellona, o do coxecólogo, o dos estorniños...) e outros que aí quedan... (como o dos mabuses, o da moura da Fonte das Ninfelas, o do paporrubio...); por haber... incluso hai un en forma teatral -o das megapartículas-, unha homenaxe a Fréderick o rato poeta, un par de contos contados doutra maneira (como o de Carapuchiña e o parrulo), un conto que trae memoria histórica ("Era entón cando o avó marchaba lonxe coa memoria e Martiño víalle aquela engurra fonda a atravesarlle a fronte. / -Cobras verdes?- preguntara estrañado Martiño. / -Si, vestidas de capas e tricornes que sementaban a morte por onde pasaban. Eu era tan pequeno como es ti hoxe cando levaron a meu pai –continuara o ancián, traendo ao presente lembranzas das que nunca antes Martiño lle oíra falar-. Nunca volveu. Nin sequera hoxe sei onde están os seus ósos. / -Non lle enchas a cabeza ao rapaz con vellos rancores! -Reprendera a avoa cun ton doce. / -Muller, alguén terá que lles contar aos que veñen o que pasou!") e remata co Dicionario Alicia para que lembremos o valor das palabras e dos contos que non morren; no medio, un relato que atravesa a narración, aquel de Martiño (un dos rapaces das merendas) e o seu avó, a quen tanto bota de menos.

Debo confesar que as ilustracións me resultan irregulares (destacando ao meu entender aquelas nas que traballa con detalle (case a modo de decoración barroca algunha delas) e isto chámame moito a atención despois de que esta é a segunda ocasión na que a ilustradora resultase ganadora deste premio. Ben é certo que o produto final resulta moi atraente con esas tonalidades alaranxadas e solapas enormes.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES