Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sobre 'Fuxindo da Saudade'

martes, 05 de octubre de 2021
Sobre 'Fuxindo da Saudade' Viaxo con pracer ata Alfoz, terra ateigada de historia e mergullada nunha natureza vizosa, onde morou no século XV o Mariscal Pardo de Cela, último mariscal de Galicia, defensor da soberanía do Reino de Galicia contra os exércitos dos Reis Católicos, para presentar o libro de Pedro Rubal Pardeiro Fuxindo da Saudade.

Unha presentación que me dá a oportunidade, ademais, de coñecer persoalmente a Pedro Rubal, profesor, escritor e colaborador en prensa nas páxinas de Galicia Dixital, a quen ó coñecía a través dos seus artigos.

Confeso que axiña me identifiquei con el polo moito que compartimos no triplo oficio de ensinar, escribir e compartir co público os nosos pensamento e angueiras a través de colaboración xornalísticas.

A filosofía descobre a prensa como canle para espallar as ideas filosóficas na Ilustración mais non será ata o século XX cando autores como Unamuno ou Ortega y Gasset empreguen sistematicamente este fórmula para chegar ao gran público. Tamén en Galicia intelectuais como Domingo García-Sabell demostraron que se pode compartir pensamento filosófica a través dos xornais e revistas periódicas, sexa en papel ou máis recentemente en formato dixital.

Pedro Rubal é para min o exemplo vivo que deixa obsoleta a teoría das xeracións de José Ortega y Gasset, quen nos anos trinta do século pasado nos falou da existencia de cinco xeracións convivindo nunha mesma época, separadas cada unha por quince anos. Falaba Ortega da Nenez: que ocupa os primeiros 15 anos de vida; da Mocidade: que iría dos 15 aos 30 anos; 3) da Iniciación: dos 30 aos 45 anos; do Predominio: dos 45 aos 60, onde actuamos para transformar o mundo; e, por último, da Vellez: dos 60 aos75 anos, época de supervivencia na que xa non actuamos no mundo nin o ser humano fai ningunha achega porque se tratar simplemente de sobrevivir despois de ter desempeñado unha actividade profesional.

Moitos filósofos contemporáneos demostraron que esta teoría quedou obsoleta no eido da creación filosófica. Hans Georg Gadamer (1900-2002), o pai da Hermenéutica Filosófica do século XX viviu 102 anos, con gran lucidez e escribindo ata o final da súa vida; o mesmo aconteceu con Claude Lévi-Strauss (1908-2009), pai do estruturalismo, que viviu case 101 anos; o meu mestre francés Paul Ricoeur (1913-2005) finou aos 92 anos e escribiu nos últimos anos algúns das súas obras máis sobranceiras. En Galicia podemos salientar o caso do meu mestre compostelán, Carlos Baliñas Fernández, impulsor e primeiro decano dos estudos de Filosofía na Facultade de Filosofía e Ciencias da Educación a mediados dos anos setenta, nado no ano 1930 e que mantén unha plena actividade social, cultural e intelectual. Non poido deixar de mencionar no eido político ao noso primeiro presidente autonómico, o Dr. Xerardo Fernández Albor (1917-2018), do que en xaneiro do 2022 celebraremos os corenta anos da súa toma de posesión como primeiro presidente autonómico da Xunta de Galicia. Un médico humanista ao que lle preguntaron nun coloquio, logo de pronunciar en Ourense unha conferencia sobre a figura de Ramón Piñeiro, cal era a fórmula para chegar a centenario coa súa saúde e lucidez, e contestou: "non cabrearse por nada e cear un caldiño".

Pedro Rubal e outro exemplo admirable de que a teoría das xeracións de Ortega quedou obsoleta ou polo menos habería que engadirlle unha ou dúas xeracións máis para facer xustiza cunha manchea de intelectuais que, como don Pedro Rubal, seguen activos e interactuando no mundo que lles tocou vivir pasados os noventa anos.

Falando xa do libro quero indicar, ante de anda, que me sorprendeu gratamente o nivel de información que contén e a actualidade dos temas e autores dos que se ocupa. Percorrendo as súas páxinas comprobamos que Rubal Pardeiro fala da posmodernidade, do ateísmo, do terrorismo, da crise económica, da sanidade, dos problemas laborais, da solidariedade, do evolucionismo, da sociedade actual, da liberdade, da cuestión do xénero, do matrimonio e a familia, temas centrais da antropoloxía cultural, da cultura local, a violencia de xénero, da España de hoxe, da mocidade, da ciencia e da técnica, deténdose en cuestións tan actuais como a nanotecnoloxía, da Ética da responsabilidade, de Europa, do progreso, da educación, da ideoloxía, de política, de ecoloxía, entre outros moitos temas que preocupan no momento actual e sobre os que se pronuncia coa súa análise reflexiva e fina o noso autor.

A esta ampla relación de temas habería que engadir unha non menos ampla nómina de autores procedentes de moi distintas áreas de coñecemento e ámbitos científicos: físicos, médicos, filósofos, sociólogos, antropólogos, metafísicos, políticos, etc.

O lector poderá apreciar que as súas colaboracións expresan dun xeito claro e valente as súas opinións sobre todos estes asuntos, ás veces espiñentos, sen ceder á presión do politicamente correcto. Son artigos escritos cunha linguaxe precisa e rigorosa, ás veces técnica e cun alto nivel de especialización, pero sempre interesantes. Uns escritos nos que se aprecia a preocupación constante de conciliar teoría e praxe, é dicir, de pensar a fondo a realidade para poder transformala. Por iso, coido que Pedro Rubal podería ser cualificado como un pensador militante, non porque estea comprometido cun partido político ou mesmo cunha corrente filosófica. Non o seu compromiso e a súa militancia é coa realidade que analiza e busca cambiar.

Estou certo que co traballo que se desprende dun libro que acada as oitocentas páxinas, don Pedro non tivo moito tempo para gorentar a saudade, definida por Ramón Piñeiro como a "soidade ontolóxica". Non dubido de que retirado no silencio do seu gabinete, do seu "laboratorio filosófico", tivo moitas horas de reflexión. Mais durante todo ese tempo atopou un xeito de ser feliz fuxindo da saudade. Velaí a miña interpretación do enigmático título que posúe esta obra. Teño o libro desde hai varias semanas grazas á xenerosidade do autor e a de Xulio Xiz, o factótum que foi quen de lograr que un proxecto tan interesante como este puidera ver a luz.

Permítanme, xa que logo, que devolva este agasallo con outro, entregándolle a ambos un exemplar da miña última publicación titulada Anatomía do pensar, e convidando oficialmente ao profesor Pedro Rubal a presentar na Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela a súa obra, se cadra a mellor maneira para amosar aos nosos estudantes que o compromiso coa filosofía nunca acaba cando un ten verdadeira vocación.

Moitas grazas.

(Palabras de Marcelino Agís Villaverde, Catedrático de Filosofía da USC
e Decano da Facultade, na presentación en Alfoz do libro "Fuxindo da Saudade", de Pedro Rubal Pardeiro).
Agís Villaverde, Marcelino
Agís Villaverde, Marcelino


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES