Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Romaxe de Irimia

lunes, 27 de septiembre de 2021
A Romaxe de Irimia
(A romaxe e a (boa) relixión)

A Romaxe Galega de Crentes, da asociación Irimia, de tódolos anos coa suspensión do ano pasado por esta maligna pandemia, retomou este ano en Arzúa o segundo sábado de setembro co nº43, desde aquel inesquecíbel día do mesmo sábado de setembro de 1978 no Pedregal de Irimia. De onde tomou o nome da asociación organizadora das romaxes e da revista que edita periodicamente.

Non cabe dúbida que tantos anos de Romaxe por Galiza adiante, compartindo a inquedanza dos problemas da nosa terra e inxectando as lumieiras do Evanxeo de Xesús, están dando froitos de liberación en todo o senso da palabra: liberación do caciquismo, liberación do medo que impuxo a persecución franquista, e sobre todo a conciencia de galeguidade e humanismo cristián sempre liberador, sen perder o contacto coa problemática de cada ano.

No editorial da revista IRIMIA do último número presenta unha reflexión digna de analizar e dialogar, con este título: A ROMAXE E A (BOA) RELIXIÓN. O editorial cúrase en saúde poñendo entre paréntese a palabra (BOA), para que entendamos que tamén hai relixión má. Neste caso hai que ir ás fontes de onde parte a auga limpa e cristalina do Evanxeo. Xesús era moi crítico coa relixión: expulsa do templo feito cova de ladróns (Mateo 21,12-18); dille á Samaritana, que a Deus haino que adorar, nin neste monte nin en Xerusalén, senón "en espírito e verdade" (Xoán, 4,24); na parábola do Bo Samaritano critica aos sacerdotes e clérigos, que, por ir ao templo, deron un arrodeo por non auxiliar ao caído (Lucas 10,30); o sábado, día santo para os xudeus, fíxose para o home non o home para o sábado" (Marcos 2,27). Mais ao traveso do tempo vai recibindo a contaminación do poder, dos fanáticos, das ambicións, das loitas interesadas nas que na práctica arrimábase sempre ao poder. En concreto aquí en España non acaba de desprenderse "do gran pecado histórico da súa complicidade co franquismo e totalmente en Shock pola pederastia".

A Romaxe galega de crentes tomou moi en serio a relixión entendida coa mensaxe de Xesús Ora ben "a Romaxe busca fontes non contaminadas de intereses cativos nin do infame nacional-catolicismo acabado de morrer"; se ben aínda hai quen o quere perdurar ou resucitar. A Romaxe ten a forza do Concilio, a base da teoloxía da liberación, coa seguridade de personaxes tanto en Galiza como internacionais exemplos de entrega e compromiso. E "paradoxos da historia, a Romaxe ten á gala no seu currículo as numerosas condenas de xerárquicos da Igrexa católica de Galicia, que non galega". Mais a Romaxe seguiu "relendo en 'aberto' as parábolas revolucionarias do Evanxeo".

Na celebración eucarística de Arzúa compartimos a inquedanza problemática de Galiza e do mundo: coa denuncia dos recortes neste tempo de pandemia veuse a importancia da Sanidade Pública; a denuncia da aporofobia, rexeitamento do pobre, o desprezo das persoas emigrantes pobres; neste intre, escoitamos emocionados a testemuña da peruana María co seu home enfermo e tres fillos, sen papeis en A Coruña; a denuncia do abuso dos eólicos a maior densidade de aeroxeneradores por km2 en Europa; Galiza resulta unha colonia apetitosa das grandes multinacionais coas celulosas (eucalictais), as centrais hidroeléctricas, minaría, con pouco ou negativo proveito para Galiza; o movemento "Acampa pola Paz e o Dereito ao Refuxio" denuncia a mutación da outra pandemia do fascismo, da intolerancia, do odio, do medo, que nos leva a renunciar na loita polos nosos dereitos"; tamén escoitamos a lectura da carta que nos mandou un preso, "...De entre todos os excluídos, Cristo decide passar á historia como un condenado á morte, e umha parte importante do Novo Testamento foi escrito no cárcere por pessoas que daquela eram considerados delinquentes... Depende de nós ver nos 3000 presos na Galiza seres humanos caídos á beira do camiño, como na parábola do samaritano".

Aquí queda patente a necesidade de que perdure Irimia coa súa Romaxe, coa súa revista, coa súa xente comprometida. "E nesa perspectiva aberta e dialogante, religámonos co misterio da Esperanza contra toda desesperanza e con todas as iniciativas que fan decote unha Galiza e un mundo diverso, vivo, xusto e igualitario".

O berro unánime é: "QUE A ROMAXE VIVA MENTRES DEA VIDA".
Ferreiro Currás, Anxo
Ferreiro Currás, Anxo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES