Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Chaira: Terra e literatura

lunes, 28 de julio de 2008
Non resulta especialmente doado establecer un criterio válido co que marcar o momento no que unha comunidade se manifesta en calquera das súas dimensións, tamén na literaria, se previamente non existe unha realidade territorial, unha lingua e unha conciencia identitaria que vencellan ás súas xentes nun proxecto común.

A Terra Chá, comarca claramente diferenciada pola propia natureza, sobrevive hogano con identidade propia malia que a insensata oficialidade lle teña engadido montaña e furtado planicie en virtude de quen sabe que circunstancias ou intereses políticos e/ou económicos provincialistas. Este enorme “mar en calma” que diría Manuel María, ten a xuízo deste autor perfectamente delimitada a súa xeografía: ao norte as Serras da Corda e da Carba, ao sur os montes de Outeiro Maior e a Serra do Fitoiro, ao nacente a Serra de Meira e ao oeste a Serra da Loba, Cordal de Montouto e Cova da Serpe. Obviamente as demarcacións municipais non cadrarían exactamente coas da bisbarra conforme a esta concepción, pero prevalecería o sentido común como é de supoñer que teña sido dende sempre.

Mais isto non abonda en si mesmo porque, como ten dito nos seus versos o bardo de Outeiro de Rei, “Pra medila só valen dúas mensuras:/¡ferrados de corazón, fanegas de alma!”, sentimento que evidentemente transcende ao territorio. Extrapolando palabras de Pepe Chao, que renace galego precisamente na Chaira, diriamos que “Non se trata de salvar a ninguén, senón de chegar a ser nós mesmos e ser o que cómpre que sexamos”, de sermos galegos sen deixar de ser chairegos.

Pois ben, co espazo real inequivocamente definido, xorde nalgún momento da historia chairega unha auténtica “República Literaria”, como ten dito o historiador e presidente do IESCHA José-Luís Novo Cazón en referencia ás plumas vilalbesas, unha morea de autoras e autores identificados coa bisbarra que van deixando tras súa a pegada especial da autoestima e amor ao propio, ao que nos foi dado en herdanza e ao que temos a obriga de conservar e transmitir. Nomes ilustres, esquecidos algúns deles por circunstancias históricas e afortunadamente recuperados por investigadores como Ricardo Polín, que fixeron e fan historia dando brillo e esplendor á literatura chairega e galega.

Pero a carón de mulleres e homes que gozan do privilexio do recoñecemento ao seu labor, é de xustiza lembrar tamén a figura do vate popular, iletrado as máis das veces e mesmo analfabeto noutras, “poeta das silveiras” en palabras do profesor Alonso Montero, que por formar parte se cadra da nación sociolóxica das clases humildes, non ten acadado o parnaso dos máis notábeis aínda tendo contribuído coa súa habelencia versificadora ao patrimonio común das nosas letras.

Nesta terra pois de sentimentos e emocións, patria frutífera de ilustres persoeiros da arte ou do pensamento, da poesía ou da narrativa, indiscutíbel nas formas e na paisaxe, que mesmo se permite idioma propio, o “chairego”, lingua que o Paco Martín puxera hai tempo no quefacer didáctico de D. Ramón Lamote, é de agradecer e gabar a iniciativa de TerraChá.xa de crear unha sección especial nos números que sexa mester para achegarnos a esa tribo de auténticos cultivadores da palabra que fertilizaron dende os inicios os eidos da nosa cultura.

Non viría mal recuperar paralelamente o espírito do 21 de marzo de 2000, data na que se celebrou por vez primeira o Día das Letras Chairegas como culminación dunha idea que abrollara tempo atrás no IES Xosé Trapero Pardo de Castro de Ribeiras do Lea e que de contado se fixera xenerosamente extensiva aos demais centros educativos, colectivos culturais e institucións oficiais da Terra Chá coa finalidade de achegar a cultura literaria viva ao alumnado e ao tempo homenaxear a quen correspondese. Abofé que pagaría a pena; hai cousas que co tempo resultan verdadeiramente efémeras, pero o poder da palabra permanece e ficará no tempo mentres a Chaira dure. Que así sexa.

Vilalba, marzo de 2006.
Felpeto, Xosé M.
Felpeto, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES