Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo: Saír / Polas cores do Arco da Vella

viernes, 03 de septiembre de 2021
Saír
Tan axiña como rematou a etapa da Volta Ciclista a España, saín. Saín ó sol. Saín á rúa. Saín porque tiña que saír. Saín para non quedar pechado. Pechados só están os presos e algúns canarios nas súas gaiolas. Pechados están algúns pensamentos ou sentimentos que, ás veces, cando saen é coma se rebentara o mundo. Coma se rebentara de felicidade, se entende. Pechadas están algunhas ideas ou maneiras que cando lles abrimos a porta semella que se agariman, que se achegan á maldade. E antes de que a maldade se faga dona e señora da misericordia, o mellor é saír.
Pingas de Orballo: Saír / Polas cores do Arco da Vella Tamén saín para escoitar polo camiño a Serrat, e a Milladoiro, e a Víctor Manuel, e a Leonard Cohen, e a Guadi Galego, e a Metallica, e a Aretha Franklin, e un tema da banda sonora de "Baixo o fogo". Saín para ver como cruzaban correndo no atallo tres ou catro lagartiñas que estaban ó sol. Fuxían de min por medo. Non tiñan por que. Non son quen de molestar a ningún ser vivo do planeta Terra. Antes aínda cazaba moscas coa man (o mestre de "achapar" moscas, escribiu unha vez unha das miñas sobriñas), agora xa nin iso. Sei seguro que, ó pouco de pasar, as lagartiñas volverían a tomar o sol.
O sol tamén sae. Sae por Antequera e ponse polo outeiro de Brandín. Eu saio pola porta da casa e a pena é que teño que volver entrar por ela. Din que todo o que entra sae. Hoxe xa non, pero mañá... mañá vaia se saio! Lembrade que pechados só están os presos ou reclusos e algúns canarios. Eu son libre e non son ningún paxaro.

Polas cores do Arco da Vella
Pintei as uñas de cor salmón, díxolle ela a el. El quedou coa boca aberta e case sen reaccionar porque sabía de certo que o salmón é un peixe. E para el só hai dúas cores: branco ou negro. Tamén é verdade que non sabe de que cor é o salmón. Ó mellor é branco. Ou pode que negro. El nin tan sequera sabe que o arco da vella ten cores; tan só ve un arco no ceo e nada máis. Ela sente mágoa, algo de pesar por el e, con agarimo, deixa que a súa man dereita acariñe a meixela esquerda del. Ela nota e ve ó instante un Pingas de Orballo: Saír / Polas cores do Arco da Vellaleve brillo, un certo resplandor nos ollos del. Ela nota e sabe que o corazón del está a piques de estoupar. El non sabe cal é a cor do tomate, pero sabe que lle arde a cara. Pobriño, pensa ela. Ata poida que o murmurase.
Ela ensinoulle por varias veces as uñas coa cor do salmón. El non sabía dicir se eran negras ou brancas. O único certo é que lle gustaban así. De verdade que é así o salmón?, preguntoulle el. Ela volveu pasar a súa man pola cara del. El fervía de ansiedade e non sabía onde meterse. Ela abriu os seus beizos nun gran sorriso para tranquilizalo. El tremía de nostalxia. E brillábanlle os ollos coa emoción.
Os dous, collidos da man, foron buscar unha escaleira para subir ó arco iris. Pasearon dunha punta á outra polas sete cores, aínda que el seguía sen saber que cores había. El, agora, vía todo branco; porque a felicidade é de cor branca. Ela, agora, sentíase a almofada sobre a que durmían os soños del. Seguiron paseando, collidos da man, polas cores do arco da vella.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES