Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As novenas dos Milagres

lunes, 30 de agosto de 2021
As novenas dos Milagres Este recuncho adoita ser para comentar cousas que aconteceron a semana pasada ou para escribir sobre asuntos do pasado. Hoxe este hebdomadario irá sobre o futuro, ou mellor aínda, sobre o presente xa. Porque hoxe, precisamente hoxe, 30 de agosto, empezan as novenas en honor á Virxe dos Milagres, no santuario do Medo, en Baños de Molgas. E como abarcarán ata o día 8, inclusive, pois de aí o de futuro. A intención é comentar algo de todos ou sobre todos eses días.

É certo que a pandemia da Covid-19 bota para atrás aínda a presenza dos peregrinos, pero aínda así intúo que a fe (?), ou quizais máis ben a tradición non son quen de facer recuar á maioría. O ano pasado estabamos en peor situación e houbo novenas. Este ano teñen que ir a máis. Pero, iso si, por favor, con moita prudencia; que a pandemia aínda anda por aí moi solta.

As novenas, xa o día a palabra, son nove días, aínda que nós sempre lle sumamos os dez polo famoso Día 8, que é o día grande, o día da Virxe. Pero ese día, claro, non hai novena. Todos os días están dedicados a certas intencións (emigrantes, anciáns, enfermos, xuventude, etc) e sempre había o chamado Rosario d´Aurora, no que, cada día, e por parroquias da contorna, saían en procesión de mañá cedo cara ó santuario rezando o rosario.

Como toda celebración longa sempre hai uns días especiais que merecen algún comentario á parte. No caso das novenas dos Milagres, son dous; ademais os dous últimos: o día 7 e o día 8. O día 7 pola celebración do Rosario das Antorchas, un rosario nocturno (ás 23:00 horas) no que miles de velas e cirios acendidos iluminan a noite nun espectáculo realmente bonito e impresionante. Logo do rosario, e se as autoridades o permiten (polo asunto dos incendios), outro espectáculo cheo de luz e son a causa dos fogos de artificio segue alumeando o monte Medo.

E ó día seguinte, o famoso Día 8, o espectáculo baséase en milleiros de panos das mans bambeando ó vento, despois da correspondente procesión da Virxe pola explanada do santuario. Ó rematar todo isto, empeza unha tradición que, co tempo, semella que vai a menos: a de espallarse polo monte, por entre os piñeiros, para xantar sobre uns manteis ou mantas que se estenden polo chan. Agora (unha pena), a xente empeza a afastarse cada vez máis do recinto; ou ben para comer en parques das vilas dos arredores ou ben para facelo en restaurantes das mesmas vilas.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES