Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Fallo do Premio de Poesía González Garcés

jueves, 17 de julio de 2008
Recentemente fallouse o premio de poesía González Garcés. Este certame gañouno un poeta que expuxo na rede os seus traballos de creación a través dun blog. Digo que eses poemas non se axustaban ás bases do Certame porque eses poemas non eran inéditos, a non ser que haxa bases diferentes para cada poeta. As bases que a min me deron non permitían que os meus poemas fosen coñecidos, nin presentados a outros concursos literarios, nin patatín, nin patatán, lerias.

Déuselle moita importancia a que o poeta gañador -dito sexa de paso ao que desde aquí lle dou a miña felicitación- tivo durante o ano 2006 exposto na rede, é dicir ao público, o proceso de creación de ditos poemas premiados.

O poema só se empeza a escribir cando empuñamos o bolígrafo ou a pluma e nos enfrontamos ao papel como o pintor ao lenzo. Carecemos de mapas que nos orienten, compases, soles e estrelas para chegar, alcanzar o obxectivo. Que emoción pode alcanzar un poeta que non se encarna el só nunha loita coa palabra?

Ao poeta o primeiro que lle aparece é un xordo xerme creador, unha materia psíquica, o segundo, as palabras que ten a man, que son de todos, e que pode manexar e poñer en orde e movemento. As palabras coñecen ao autor e o autor coñece as palabras e todas se ordenan ao seu redor, pero unha vez unha desas palabras inquiétano, ocúpano, excítano e esa palabra emprégaa o poeta como fío condutor, coma a máquina que tira polas demais, como o fío de Ariadna que lle axuda a saír do labirinto no que está metido que, pouco a pouco, tirando do fío desenrólase o misterio e vai aparecendo o poema, o texto que o poeta aínda non coñece.

Que pensaba este poeta premiado cando escribía? Como se pode expoñer durante un ano esa previa sensación, esa vaga sensación, ese xordo xerme creador, esa materia psíquica, esa sensación de que algo, axiña, está a punto de ocorrer?

Quen cae nas mans do amor, perde a cabeza, pásanlle imaxes eróticas. Co xerme creador e coa materia psíquica ocorre o mesmo, e para converter todo iso en poesía búscanse as palabras. O fío de Ariadna só o ve quen se guía del polo labirinto, non o mundo enteiro. Nin as ideas, nin as imaxes son poesía, nin os sentimentos máis puros ou as emocións máis intensas son garantía de calidade dos poemas que inspiran. Non se pode escribir un poema na rede, oscilante de ton e ritmo, abarrotado de ideas e imaxes mentais en palabras, visto por todos, compartido por todos, lido por todos.

A ponte entre a emoción creadora e a linguaxe non se pode cruzar se está abarrotada de xente porque non permite abandonarse ao viaxe gozando dos momentos da emoción creadora, para que pensamento, imaxinación e palabra nazan á vez.

Cascudo de San Cibrán, poeta.
Piñeiro González, Vicente
Piñeiro González, Vicente


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES