Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

VI Premio Trapeiro de Honra

lunes, 23 de agosto de 2021
O xornalista Germán Castro Tomé 'Man Castro' será o premiado este ano.

A Asociación Socio-Cultural Lareira de soños dos Vilares acorda dedicar a sexta edición do Premio TrapeirX de Honra 2021 ao xornalista Germán Castro Tomé, Man VI Premio Trapeiro de HonraCastro. Nas edicións anteriores foron recoñecidas as seguintes persoas e entidades:

2014. Xosé María Díaz Castro (Póstumo, entregado a Alfonso Blanco).
2015. Romaría Labrega da Chaira.
2016. José López Díaz, 'Pepe de Cristos'.
2017. Asunción Lobeiras Díaz, 'Asunción dos Ares'
2018. Raúl Río Díaz.
2019. Sara Veres, 'Sara das Reixas'.
2020. suspendido pola pandemia.

O premio Trapeiro de Honra foi concebido como un recoñecemento ás voces silenciadas do rural, as persoas e entidades que co seu traballo silencioso constrúen a nosa historia dende o anonimato e a humildade. Leva o nome de TrapeirX de Honra por ser o de trapeir@s e farrapeir@s un oficio humilde moi arraigado na parroquia chairega dos Vilares e que ten en Pedro Patricio o máis coñecido deste oficio nómada, con pezas musicais adicadas por Xosé Luís Foxo ou Fuxan os Ventos e un fermoso romance de Marica Campo, artigos etc. Como exemplo desas persoas que fan avanzar o mundo sen pedir nada a cambio máis que a felicidade da súa xente, que somos todos e todas; así, o poeta do Vilariño, o poeta das cousas pequenas puxo Os Vilares no mundo, a Romaría Labrega amosou varias décadas o orgullo do que somos, da etnografía chairega, Pepe de Cristos representa a aqueles músicos da posguerra que deron alegría nas aldeas en tempos escuros de necesidades e sofremento, Asunción dos Ares' ás mulleres loitadoras do rural, Raúl Río é exemplo de emigrante integrado na terra que o acolle pero que leva as súas raíces con él a onde vai e Sara das Reixas, muller emprendedora e independente en momentos nos que era casi impensábel.

Colaborador da Lareira de soños e un dos fundadores da NPG Nova Poesía Guitirica, Man Castro foi tamén o prologuista do libro Lareira de soños de Pastora Veres. O premiado recibirá unha peza elaborada pola artista Viki Rivadulla. Man Castro naceu o 28 de abril de 1944 en Esmelle, Ferrol (A Coruña). Curmán do poeta Xosé María Díaz Castro, toda a súa familia procede das estirpes de Camuza e Os Manchás dos Vilares.

Cursou estudos de Latín, Humanidades e Filosofía no Seminario de Mondoñedo (1954-1961). Tras deixar a carreira de sacerdote finaliza o Bacharelato Superior en Ferrol e cursa estudos de Maxisterio na Coruña. Desde moi novo vincúlase ao xornalismo como amateur, exercendo como correspondente de La Voz de Galicia e Ferrol Diario, así como a coordinación da área de deportes para a zona de Ferrolterra en El Ideal Gallego. En novembro de 1974 inicia a súa traxectoria profesional no Ferrol Diario. Pouco antes de que o rotativo ferrolán -que na última etapa se chamou El Norte de Galicia- pechara, causa baixa voluntaria e pon en marcha unha delegación do Faro de Vigo, que desempeña entre 1981 e 1984, ano no que pasa a formar parte da redacción da delegación ferrolá de La Voz de Galicia, na que permanece ata 1999, cando é chamado para sacar á rúa e dirixir Diario de Ferrol, auspiciado polo Grupo La Capital.

Ao longo da súa traxectoria profesional, que exerceu sen moverse de Ferrol, foi correspondente de La Región de Ourense, El País e Radio Nacional de España (RNE), así como critico deportivo da desaparecida Hoja del Lunes da Coruña.

Desde o seu posto de director de Diario de Ferrol, puxo en marcha Nordesía, suplemento dominical cultural, abriu o museo xornalístico "Xornalismus" e implantou os "Premios Diario de Ferrol", que se entregaban anualmente coincidindo co aniversario do rotativo local. Foi tamén o impulsor do "Foro Ferrol Futuro", tribuna de debates e conferencias, coa colaboración da Universidade da Coruña.

Paralelamente ao desempeño da súa profesión de xornalista, Germán Castro Tomé, xunto con outros profesionais ferroláns, promoveu (1987) a creación do Club de Prensa de Ferrol. Co aval desta entidade, creada con fins lúdico-culturais, entre outras iniciativas lanzou e dirixiu ata 1999 a revista de pensamento e cultura VI Premio Trapeiro de HonraFerrolAnalisis, o certame de fotoxornalismo galego "Galicia en Foco", a "Revista Oral" (xornalismo falado) e o "Curso de Pensamiento Español Contemporáneo Carlos Gurméndez", neste caso apoiado pola Universidade da Coruña. Actualmente é presidente de honra da citada asociación.

Está en posesión, entre outros, dos seguintes premios: Fundación Luis Tilve (UGT/1990, polo traballo "Las relaciones entre partidos y sindicatos en las sociedades democráticas europeas"), Fundación 10 de Marzo (CC OO/1999 "polo seu compromiso co rigor informativo e a defensa do pluralismo político así como a recuperación da memoria histórica de Ferrol"), premio a unha traxectoria de Diario de Ferrol/2011 e Premio Diego Bernal/2013 da Asociación de Xornalistas de Galicia. Á súa xubilación recibiu diversas distincións e homenaxes de institucións e entidades veciñais, deportivas e culturais. A biblioteca de Esmelle, a súa parroquia natal, á que doou mil cincocentos volumes, leva o nome deste xornalista.

Actualmente explora o xornalismo dixital como columnista nos medios Mundiario, Publiscopia e Galicia Digital, ademais de desenvolver actividade como blogueiro: deferrolparaelmundo.blogspot.com.es e o "Diario de Man Castro": http://paper.li/esmudiense/1337472031#. Tamén ten contas activas en twitter e facebook.

Man Castro é o exemplo perfecto da persoa comprometida coa sociedade, xornalista de raza que leva además por onde vai o orgullo das orixes dos seus ancestros, un vilarego nacido en Esmelle e con sangue chairega nas súas veas.

*O acto de entrega está por concretar e será comunicado con tempo suficiente.

* Caricatura de Siro López de Man Castro e imaxe de Man Castro con Pastora Veres.
Os Vilares, Lareira de Soños
Os Vilares, Lareira de Soños


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES