Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O que agocha o postureo

viernes, 20 de agosto de 2021
Unha mesa para dous nun coñecido restaurante, unha parella de influencers –xa saben, eses reis Midas dos tempos modernos que converten en ouro todo o que tocan ou, mellor dito, todo o que postean- e unha sobremesa que ben merece unha instantánea. A parella pide a colaboración do camareiro que, amablemente, lles realiza varias fotos mentres eles posan para a ocasión erguendo as copas e mailos sorrisos impostados.

Segundos despois, a imaxe aparece nas súas redes sociais acompañada do texto "Desfrutando da cea e da boa compañía", que supostamente resume o momento que están a vivir. E digo supostamente porque o que acontece ao cabo dun minutos semella non casar ben con esta descrición. O que nun comezo parecía unha pequena discusión vai en aumento até chamar a atención do resto de comensais. Estes, incómodos, xíranse alertados polo ton do que era xa unha boa liorta, que parecía continuar mentres os protagonistas deixaban o restaurante.

Paralelamente, nas redes sociais, os me gusta pola foto non deixaban de multiplicarse. Alí, no mundo virtual, a porfía non existira. O tempo detivérase no fotograma previo, o da felicidade, e así debía continuar: non deixes que a verdade che estrague un bo postureo.

Mais coido que para os testigos da escena a cousa foi ben distinta. Pois unha cousa é a intuición que probablemente todos temos de que as redes sociais se basean cada vez máis nesta tendencia a aparentar, a amosar que somos felices independentemente de que o sexamos ou non; e outra ben distinta é comprobar de primeira man o engano. Até os máis escépticos, os que, coma Tomás, necesitan ver para crer, caerían da burra se puidesen ver, coma neste caso, o que se agocha tras a tremoia do aparenteo.

É importante que coñezamos tamén as sombras do mundo virtual, o que pasa máis desapercibido e máis importante aínda que llo expliquemos aos máis novos, pois do contrario serán facilmente manipulables. Respecto desta cuestión, o filósofoJosé Carlos Ruiz afirma en El arte de pensar que "estamos comezando a darlle máis importancia á circunstancia virtual que á real". Ante este panorama, o que resulta máis que preocupante, sobre todo a nivel educativo, non é soamente a perda de valor do mundo real como consecuencia do auxe do mundo virtual, senón o feito de que este último sexa, como demostra a anécdota anterior, cada vez máis superficial e frívolo. Conseguir a foto máis orixinal, no lugar máis exótico e coa compañía máis marabillosa semella ser o leitmotiv predominante nas redes. O aparentar por riba do ser, o artificio por riba da sinxeleza.

Por este motivo, de cando en vez un agradece, incluso durante a sobremesa, coñecer a outra cara da moeda: coñecer a verdade, por moito que esta sexa, como diría Al Gore, Unha verdade incómoda.
Riera, Martiño
Riera, Martiño


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES