Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Suscitando ideas sobre a morte do ser humano

viernes, 13 de agosto de 2021
A pandemia do Covid-19, día tras día, vai deixando numerosas mortes de homes e mulleres, de todas as idades, en todo o mundo. Sobre ela derramouse moita tinta, escribindo desde diversas perspectivas. O impacto da ausencia para sempre de queridos familiares, amigos, coñecidos, persoas de especial consideración social, pola súa entrega altruísta aos seus semellantes, ocupan espazos con conmovedoras e brillantes exposicións.

Tamén saen á luz importantísimos traballos científicos e análises económicos e planificacións estratéxicas, preventivamente, para aproveitar ao máximo os esforzos contra a eficiencia patolóxica duns virus que dominan os medios de comunicación. Pero a morte, en si mesma conceptuada, neste ambiente tan propicio, non parece que esperte maior interese que o da súa referencia circunstanciada, aínda que todo o que se está pretendendo é evitala neste momento e por esta causa.

Pois ben. Non parece unha impertinencia intentar algunha reflexión sobre ela. Na existencia humana, como na de todos os seres viventes, a morte é só aprazable circunstancialmente, mais non evitable. ¿Pode darse ao respecto algunha razón que, cando menos, nos axude a entendela, porque, amigos lectores, a nosa vida, a nosa existencia, tal e como a temos, tamén necesita buscarlle algún sentido..., ou non?!.

Como escrebe Diez-Alegría, D. José María, a esperanza transcendente é unha "luz escura" (misteriosa) e a morte está diante como unha realidade tanxible. Non renunciemos, non obstante, a preguntarnos se a experiencia existencial da morte é unha realidade existencial ou un sinxelo sentimento con visos de certeza. Todo depende, por suposto, do valor que cada persoa lle dea a tan decisiva esperanza. O que igualmente ocorre é que para moitas persoas a morte ven a ser un estado de repouso, de descanso, sobre todo cando elas levan unha vida atafegante polo traballo para manterse na existencia; pero o activismo moderno, coa súa desenfreada actividade, parece insensible ás ansias de repouso, sen que isto sexa un descrédito, senón unha esixencia ambiental.

Habitualmente, na nosa época se conceptúa a morte como un inescusable caso accidental de extremados efectos de desagrado, e nada máis, evitando así a reflexión sobre a mesma, consecuentemente, por considerala algo inútil e infantil. Non obstante, a esta reflexión non renunciaron pensadores de talla intelectual, como, por exemplo, Martín Heidegger, quen sostivo que o home é un ser-para-a-morte (SEIN-ZUM-TODE) esencialmente e por constitución. E ven a afirmar que o existente humano (Dasein) que non entenda isto é incapaz de acadar unha existencia auténtica, porque se non temos presente que a morte é un constituinte da existencia, vivimos nun mundo de meras vaidades, no que a angustia devén linguaxe dunha chamada para que nos concienciemos do verdadeiro compromiso coa nosa propia existencia.

Emerxen aquí, no meu modesto entender, as seguintes esixencias de reflexión: 1ª.- Ata que punto a morte é algo que nos constitúe, un elemento constitutivo, non constitucional, da nosa realidade persoal?. 2ª.- ¿O non entendelo así lévanos a vivir unha existencia irreal, de puro engano, que nos impide conceptuar con convicción de certeza o sentido do noso vivir, porque non lle encontramos fundamento buscado nun mundo de vaidades?. 3ª.- Ata onde a ignorancia dos constitutivos da nosa existencia implica descoñecernos a nosoutros mesmos, desatendendo o sabio consello do oráculo de Delfos: "Coñécete a ti mesmo" (GNOTHI SEAUTÓN, inscrito no pronaos do templo de Apolo, en Delfos; nosce te ipsum, en latín). 4ª.- Procede intentar vivir a vida coa morte entendida como un ingrediente positivo da mesma, como algo que lle da sentido, ou hai outras alternativas?. 5ª.- Por que o home ten unha dimensión teologal (non teolóxica), en sentido zubiriano, é dicir, "xusto naquela dimensión segundo a cal o home encóntrase fundado no poder do real"?.

Por outro parte, non é o mesmo a POSIBILIDADE DE VIVIR que un VIVIR como POSIBILIDADE. No primeiro caso, vivimos seleccionando as posibilidades que nos ofrece a vida, e no segundo, estamos vivindo nunha vida que é unha posibilidade en si mesma, coa morte como elemento esencial. A problemática das posibilidades de vivir xorde no decurso da vida entre o polo do nacemento e o da morte. A vida, escrebe Xavier Zubiri, ven a ser a unidade de nacemento, decurso e morte. Polo tanto, o decurso incorpora natureza, liberdade e destino. Isto lévanos a ser axentes, por natureza; autores, polo uso da nosa liberdade, e actores en canto vamos configurando a nosa personalidade mediante a realización das posibilidades ao noso alcance, é dicir, actuando un certo rol na vida, que corresponde a figura que a ela lle fomos dando.

Existimos cara a morte, seleccionando as distintas posibilidades de vivir, non na vida como unha posibilidade. Así entende Zubiri que a morte non pertence a vida porque esta sexa mera posibilidade, senón que a vida é mera posibilidade porque a ela intrinsicamente lle pertence a morte: A VIVENCIA DA MORTE NON É A MORTE, É DICIR, A MORTE É UNHA REALIDADE TANXIBLE, NON UNHA VIVENCIA. E isto creo que debe de entenderse sen dificultade, porque a vivencia é unha experiencia de algo, pero non é ese algo.

Sen dúbida, todos nosoutros estamos emprazados a morrer como unha estrutura real e física da vida. Incluso adoitamos expresar isto cando alguén non inquire coas seguintes preguntas: "Como vai?", que tal?". E contestamos: "Vamos indo, tirando, mentres vivimos". "Ir indo, tirando" equivale a dicir que vamos convertendo as posibilidades que nos ofrece a vida nunha figura persoal determinada, forxando unha personalidade, aínda que non sexa a definitiva, posto que MENTRES VIVIMOS a nosa figura persoal é provisional, só o é definitiva a última acadada, cando morremos, posto que, nese momento, "o provisional convértese en definitivo e definitorio" (Zubiri).

Terminemos con estas reflexións, chaves de horizontes que poden servir de fontes conceptuais para explicar decisións e sucesos no ambiente no que estamos vivindo, cunha pandemia que desencadea a necesidade de poñer coto as mortes circunstanciadas polos coroavirus, en canto reducen o decurso vital e, por conseguinte, esgotan a realización das posibilidades potencialmente sostidas polas estruturas psicofísicas da persoa, cuxa desaparición causa a morte estrutural, que Zubiri deferencia da funcional, na que o organismo pode recuperar as funcións, revivindo, como ocorre nas recuperacións por infarto cardio–vascular: A morte estrutural eleva a definitiva a provisionalidade da figura da realidade persoal, pero a funcional só en caso de fallar a recuperación. Así que morrer é un fenómeno psico–físico, no pensamento zubiriano.

Algo, pois, que deberíamos ter presente, polo menos con xustificación fundamental, é que neste esforzo descomunal que estamos facendo os humanos, coa meritoria cualificación dos nosos científicos no marco da sanidade, non só estamos intentando seguir vivindo, senón tamén EVITANDO QUE A FIGURA PERSOAL DE CADA UN DE NOSOUTROS NON QUEDE FRUSTRADA POLAS MORTES E INCAPACIDADES CONSEGUINTES DESTA OCASIONAL PANDEMIA DO COVID-19. Penso que, só facéndonos cargo desta consideración, a nosa vontade de loita contra a adversidade non pode quedar allea a manter unha colaboración intensa e extensa: intensa, polas esixencias ocasionais, e extensa, pola decidida incorporación ao melloramento ecolóxico, que a soberbia da ignorancia dalgúns capitalistas os leva a poñer en perigo o que aparentan defender: a estabilidade necesaria en todos os sectores dinámicos da vida. Trump foi, e supoñemos que sigue sendo, un bo exemplo disto último.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES