Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Enrique Angelli Carletti. Un Bispo seguidor do Evanxeo.

miércoles, 11 de agosto de 2021
Estes días, concretamente o 4 de agosto de 1976, segundo a Agenda Latinoamericana, e o 19 de xullo segundo o libro do COSAL, celebramos a memoria do bispo da Rioja, Arxentina, Enrique Angelelli Carletti, de 45 anos, que fora asasinado nun accidente de "tránsito" provocado. Tíñalle eu moito aprecio e admiración a este bispo por ser un dos 40 bispos que, ao rematar o Concilio Vaticano II, foran ás Catacumbas e alí asinaran un famoso e firme acordo chamado O PACTO DAS CATACUMBAS, que veu ser como o programa dos bispos pegados ás directrices do Evanxeo de Xesús, rachando co aparato de grandeza que viñan aparecendo desde tempos ao chegaren ás dioceses como príncipes magnates. Ali nas catacumbas asinaron o pacto de renuncia ás riquezas e ás súas aparencias de ouro ou prata, aos títulos de grandeza, a ter contas bancarias propias, a conceder privilexios aos ricos; as finanzas e os bens materiais da diocese levaraos unha comisión de laicos para dar contas; comprometéronse a transformar as obras de beneficencia. Concretamente Angelelli o día que chegou a Rioja dixo: "Non veño para ser servido senón para servir a todos; como Xesús, quero ser servidor dos pobres". Era o ano de 1968 en que estaba a despuntar a Teoloxía da Liberación nun continente maioritariamente cristián-católico e maioritariamente explotado polo imperialismo norteamericano, e cunha Xerarquía Eclesiástica na súa grande maioría aquiescente.

Arxentina estaba a sufrir a ditadura militar de Videla, de Massera e outros, 1976-1983. Este bispo cos outros tres de Arxentina que firmaran o pacto, Alberto Devoto, Faustino Zazpe e Juan José Iriarte, enfrontáronse con firmeza e valentía de profetas contra os crimes e desaparicións de fregueses e sacerdotes promovidos por aquela ditadura. Este Bispo emitía por radio a misa co espírito de evanxelización e de denuncia profética seguida con entusiasmo e firmeza pola xente de aqueles pobos da diocese. Axiña lla pecharon os ditadores.

Mais non se conformaron con pecharlle a radio, precisamente cando viña de celebrar a misa e compartir co pobo a desgraza do asasinato de dous dos seus sacerdotes e un laico, provocáronlle un accidente de "tránsito" que lle causou a morte. Foi a testemuña do padre Pinto, que viaxaba con el, a que deixou claro que a causa da morte fora uns mocazos que lle propinaron na caluga. Pasaron anos, e despois de declarar inconstitucionais os decretos de Punto Final e Obediencia Debida no tempo do presidente Kichner, en 2003, cando se estabeleceron os xuízos contra os crimes de Lesa Humanidade; Videla foi condenado a cadea perpetua; como tamén a cadea perpetua Luciano Benjamín Menéndez e Luís Fernando Estella, responsábeis dos asasinatos de Angelelli e dos sacerdotes e laico.

"O 27 de abril 2019, o empeño do papa Francisco chegou ao cumio coa beatificación dos catro mártires de Arxentina, o bispo Angelelli, dos dous sacerdotes, Carlos e Gabriel, e do laico, Pedernera, na chaira do parque da Rioxa, capital, diante de miles de fieis (45.000). Así o deixou ver nunha celebración da vila miseria de Bos Aires, o cura "villero", José Ma Di Paola "Pepe": "Este foi un regalo do papa Francisco para unha Igrexa máis comprometida cos pobres". (COSAL, p. 241)
Ferreiro Currás, Anxo
Ferreiro Currás, Anxo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES