Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Benjamín Paz Cordal

martes, 15 de julio de 2008
IN MEMORIAM

BENJAMÍN PAZ CORDAL
MESTRE DE MESTRES, MESTRE DA VIDA

Saíu moi novo da súa parroquia natal, Goiriz, coa idea de chegar a ver realizados os seus soños. Mais na capital chairega atopou a ensinantes, dignos do sistema político da época, que lle chegaron a facer dubidar das súas capacidades (os adxectivos que el mesmo me confiou non veñen a conto), da súa valía, e descartar, feita a selectividade, a súa primeira e maior ilusión: ser químico, investigador no laboratorio. Como consecuencia opta por Maxisterio, carreira que lle aseguran máis doada e curta, rematando a mesma con pleno éxito, con acceso directo, sen precisar da oposición para ingresar no corpo.

E daquela en diante exerce o seu labor maxisterial, o MAXISTERIO con maiúsculas, aínda que non só o MAXISTERIO DOCENTE senón tamén o MAXISTERIO DA VIDA, ata que a mesma vida lle couta traidoramente a súa propia existencia logo de lle ter posto ao longo dela multitude de atrancos sen lle permitir tampouco realizar outro dos seus grandes soños: conducir un enorme camión e viaxar polo estranxeiro.

A derradeira vez que vin con vida ao meu amigo foi nunha cama do Hospital Xoán Canalexo de A Coruña, dous días despois de lle ser transplantado un dos seus riles. Teño que recoñecer que me custou moito traballo entrar naquel cuarto.

Soubera da súa operación entre o lusco e fusco do día anterior. Confeso que non durmín ben aquela noite; dunha pola lóxica preocupación que sentía e doutra pola esperanza de que aquelo por el tan agardado tivese un final feliz.

Malia saber que el prefería que se gardase sixilo ata pasado o período crítico da operación, tomei ao día seguinte a determinación de ir visitalo. Mentres agardaba na sala por ver se falaba antes con Marisa, a súa compañeira, vino pasar polo corredor nunha cadeira de rodas. El non reparou en min e eu non me atrevín a falarlle; temía faltar ao seu desexo de telo máis ou menos en segredo.

Preguntei a algún ATS pola súa situación e dixéronme que estaba ben e que podía pasar visitalo sen problema algún. Penseino máis dunha vez, pasei unhas cantas por diante a porta do cuarto e outras tantas dei volta. Por fin decidinme: non podía volver a Vilalba sen ver a cara do meu amigo, sen participar da agardada alegría da recepción dun órgano que lle ía mellorar en diante calidade de vida.

Coido que no fondo se alegrou nada máis verme. Non importa do que falamos, de moitas cousas, das de sempre. Noteino profundamente preocupado, aínda que, coma sempre, a súa cara e o seu trato non parecían denotalo ou el se esforzaba porque así fora. Logo dunhas dúas horas de conversa deixeino por uns intres para ir xantar. Cando volvín durmía e non quixen espertalo...

Seguín paso a paso os seus días no hospital. Cando a esperanza xa non deu máis de si e o amigo se foi, non podía dar creto. A miña primeira reacción foi de indignación; cara a que ou cara a quen debe ser deducción de lectoras e lectores. O caso é que alguén, algúns din que o destino, segou a vida de quen merecía vivir.

Agora, coa serenidade que vai proporcionando o paso do tempo, non quero que pase esta ocasión sen lle brindar a miña pequena, humilde, pero sincera e sentida homenaxe a unha extraordinaria persoa e a un mellor amigo.

Dende que de rapazolo lin por vez primeira as Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, quedoume para sempre gravada a sentencia que a Balbino, o protagonista, lle dá o padriño, seu avó: “Val máis ter amigos ca que cartos”.

Penso tamén a miúdo nuns versos do polifacético Xoán Corral Castro, de Baamonde, quen afirma:

O ben hai que sementalo,
como se sementa o trigo;
co trigo faise o pan
e co ben o amigo.

Benjamín sempre sementou o ben e a amizade. Bo e xeneroso, honrado e ético a carta cabal, alegre, nobre, humilde, dialogante, colaborador, sinxelo, solidario... exemplo de vida. Pagaba a pena telo por amigo, madia leva!

Tentado que foi máis dunha vez por algúns políticos para a súa causa, renunciou a esta faceta, seino ben, porque pensaba que a política quédase as máis das veces na palabra e, o mesmo que a fe sen obras é unha fe morta, a palabra sen acto non ten presenza. E el non estaba feito para a demagoxia, senón para cumprir e actuar en consecuencia coas súas conviccións.

O seu compromiso coas causas nobres e coa xustiza, a súa loita tenaz e incansábel, convérteno nunha das poucas persoas imprescindibeis desta sociedade: non foi das persoas que loitan un día, un mes ou un ano, senón un home bo que loitou toda a súa vida.

A propia vida quixo que dende moi novo tivese que loitar por ela, transmitindo ao tempo a quen o coñeciamos uns desexos de vivir que de estarmos nós, ao menos eu, en situación semellante dubido teriamos conseguido.

Non sei se ás institucións oficiais (Concello e Educación), dadas as máis das veces a homenaxes superfluas, se lles ocorrerá escoitar o clamor popular (véxanse os múltiples recoñecementos, certames literarios na súa honra, solicitudes para que edificios escolares e rúas perpetúen o seu nome...) e ofrecerlle algo a quen tanto fixo pola vida e polos demais. Xa veremos.

O que si sei é que, dende a dor que me produce a perda dunha persoa que apreciaba e que coido me apreciaba, algo cambiou na miña vida porque, cando un amigo se vai, algo esmorece na alma.

Ata sempre, amigo Benjamín.

Vilalba, agosto, 1997.
Felpeto, Xosé M.
Felpeto, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES