Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Musulmáns e cristiáns en A Coruña

lunes, 14 de julio de 2008
Que Madrid é hoxe un dos grandes centros interculturais do mundo non é noticia. Pero en A Coruña xa hai tempo que tamén se deixa ver a riqueza desta pluralidade humana e relixiosa. Entre ambas cidades van darse a mediados deste xullo o que Xabier Pikaza cualificou no seu blog como “os dous acontecementos máis significativos das relacións entre cristiáns e musulmáns”. A reunión de Madrid (16-18) está promovida polo rei Abdullah de Arabia Saudí, para tratar temas e asuntos oficiais do mundo musulmán, xudeu e cristián en España. A reunión de A Coruña (15-17) está promovida pola Universidade Menéndez Pelayo, convocando estudiosos das dúas relixións, que dialogarán sobre temas claves: o ser humano, Deus, o poder... Á primeira reunión asistirán as autoridades oficiais; á segunda, os que queren iniciar ou continuar un diálogo aberto e leal entre persoas destas relixións.

A iniciativa de Madrid parece boa, pero contradictoria partindo dun persoeiro como o monarca saudí, líder dun islamismo intolerante, o Wahabismo, que denigra ás mulleres, detén a homosexuais e aplica a sharia desde a lectura máis cruel e intolerante do Corán. Unha opinión mantida por gran parte dos musulmáns, que pensan que o monarca saudí “non representa ao Islam, senón que fai dano á memoria do Profeta e aos auténticos crentes”.

No encontro de A Coruña, que tiven o honor de organizar e dirixir, participarán egrexios persoeiros de ambas relixións (Torres Queiruga, Castillo, Xulio Lois e o mesmo Pikaza; a carón de Tariq Ramadán, Asma Lamrabet, Abdennur Prado …) co convencemento da posibilidade dun diálogo e un encontro real, desde o pensamento e o sentimento. Falarase da actualidade do cristianismo e do islam, da perspectiva home-muller en ambas relixións (¿Pode haber un feminismo cristián e mesmo islámico?); falarase da relación coa xustiza e a solidariedade; falarase do poder, que moitos pensan é o tema clave. Falarase, en fin, de Deus, que está no centro do islam e do cristianismo (¿Monoteísmo versus Deus trinitario?). Sendo conscientes das contradiccións inmensas que teñen as dúas relixións en cada un destes campos, cando se vai á raíz as cousas non son tan simplistas como se di moitas veces.
Pérez Prieto, Victorino
Pérez Prieto, Victorino


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES