Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sr. Cancio, primeiro edúquese e despois critique

viernes, 11 de julio de 2008
Ás veces miro os artigos de opinión de páxina Web de Galicia Dixital e un señor chamado Miguel Cancio non deixa de sorprenderme cos seus escritos. Recordo que antes das Eleccións Xerais a súa voz soaba coma daquel inimigo do socialismo chamado Ramón Ruiz Alonso que chegou a odiar en Madrid aos líderes do PSOE e que ao conseguir traballo no daquela recente fundado diario Ideal, de Editorial Católica, non tardou en lanzarse ao combate contra eles. O señor Cancio non sei se sabe que cando se escribe e se publica, non se escribe para un só e daquela hai que enfrontarse aos integrantes da sociedade e que moitos non nos tomamos unhas vacacións moi longas entre un día de lectura e outro e que a liberdade de expresión, que o señor Cancio leva a límites insultantes, convérteo no crítico máis agresivo, farfallán e reaccionario que non tería parangón con aqueles combatentes falanxistas do 1936.

A democracia é, despois de todo, un gran risco, e un dos maiores é que o pobo vote por abandonala. Para o señor Cancio a democracia é un estorbo. Un goberno democrático, un Parlamento composto por representantes dos diversos partidos políticos fala por máis xente, fala pola totalidade do pobo, cumpre cunha obra construtiva e activa da nación cuxos feitos e logros se reflectirán favorablemente no benestar de todos os cidadáns. A liberdade é a pedra fundamental na democracia. A súa importancia foi historicamente suprema na Norteamérica postrevolucionaria. Alexis de Tocqueville, o famoso observador francés sobre Norteamérica, falou a principios do século XIX do poder e prosperidade dese país nas pequenas institucións locais que o ían formando, e Thomas Jefferson, aínda sendo presidente, dicía que aquel poder que permanecía dentro de límites locais era, de feito, repúblicas en miniatura.

Para o señor Cancio, polo que podo comprender dos seus artigos antidemocráticos, digo antidemocráticos porque son antipartidos, non existen máis cuns poucos elixidos, rapados, igrexas... que ás veces se combinan para combater a democracia. No seu derradeiro artigo na páxina de opinión de Galicia Dixital o señor Cancio fala de privilexios. É como se non soubera que política regular abondan os privilexios e as posicións, as intrigas e os compromisos, é inseparable de tal fórmula e os líderes, sexan dun color ou doutro, por moi amigables e coñecidos que parezan, non son o pobo. O pobo é a suma da súa xente, non a elite da súa dirección. Sospeito que para o señor Cancio un goberno á súa medida debería evolucionar das igrexas, para vostede un país no que viven bandas vagabundas, sindicatos, asociacións públicas, partidos políticos e gobernos veciñais, debería ser erradicado, así como todo o que se chame Zapatero, Blanco, ou Fraga Iribarne... Saiba que non escribo este artigo por defender aos señores que cito, pois eles deféndense só, talvez é porque que un tipo que escribe coma vostede é deses que levan os papeis dun lado ao outro, como os que distribúen cheques, regras e regulamentos, que talvez é incapaz de controlarse e que a mostra da súa riqueza de entendemento está baseada en facerse o gracioso cos da súa caste a través de insultos e fanfurriñas. O que debemos saber os cidadáns é canto goberno necesitamos realmente e despois canto queremos pagar por el. Ouvir aos políticos se coinciden as súas promesas electorais co noso inventario de necesidades, sociais, materiais, etc... para manter unha existencia desexable en paz. Non esqueza, señor Cancio, que o pobo emprega o sentido común que lle di se esas situacións insoportables de goberno que vostede ataca constantemente son tan imposibles, e saiba que todos os gobernos teñen nas súas filas milleiros de funcionarios e economistas doutorados que traballan nos seus cadros de persoal e que reparan nas obxeccións dos tipos coma vostede. Non esqueza que un goberno sexa do color que sexa non é estúpido.

Como queira que a descrición dun goberno socialista a vostede non lle parece atractiva e que toda a súa participación é ineficaz ou moi complicada e algunha outra cousa que se non existe vostede a inventa e que se patatín e que se patatán, entón dubido de que a vostede toda idea de goberno democrático lle atraia. A súa sorte, que non a vai ter, e dar cun goberno centralizado, fascista, unha autoridade central no seu peto, no seu fogar e na súa vida e despois terá que crear mecanismos que o protexan dos abusos de poder dese mesmo goberno. Cun pouco de sorte vostede poderá manter institucións que custen miles de millóns de euros e que non fan ningún traballo produtivo, nin valen para ninguén excepto para regular a súa vida e a dos amigos da súa caste. Os gobernos por moi ilustrados que sexan non son produtivos, non cultivan os alimentos, non producen electricidade, non constrúen vivendas nin pavimentan os camiños. Ordenan a impresión dos cartos, pero só o esforzo e o suor do pobo fará valer algo ese diñeiro. Neste país aínda hoxe hai xente que teme o xuízo dos seus veciños, aínda hoxe hai quen pensa que o goberno que está tan lonxe dos nosos fogares poderá interferir nas nosas vidas privadas e que o abuso pode ser maior nos lugares pequenos. O problema da democracia neste país, desgraciadamente está presidido polo terrorismo, e polos ladróns de guante branco, pero este ladrón de guante branco que non ameaza fisicamente á sociedade, causa moito dano e todo iso e moito máis se eses ladróns forman parte do goberno, pois procrean ineficacia, corrupción e abusos.

E xa para rematar despois deste discurso direille, señor Cancio, que se deixe de insultar, empregue ideas, existen infindas familias e rexistros de palabras na nosa lingua que suscitan diversas emocións. Non esqueza que a súa voz fala nos seus escritos e esa voz, esas palabras, ninguén as cre, provocan imaxes nebulosas, espantan, bloquean e confunden. Un patriota, señor Cancio, un demócrata, pode criticar os proxectos do goberno, pero endexamais ao goberno mesmo, e moito menos insultar aos seus membros. O goberno substitúe ao país como foco de patriotismo. Ah, e para terminar non cite a Rosalía de Castro, non escriba metáforas sobre ela. Primero deguste os seus versos, profundamente, cos cinco sentidos e o sexto tamén. Escoite atentamente as súas palabras, escoite o seu eco dentro de vostede, as emocións e as sensacións que lle susciten e esquézase da palabra PRISOE, ZP, Blanquito, ou de dicir que Manuel Fraga non ten principios, fale vostede para que o entendamos. Para vostede a palabra “cama” e un conxunto formado por armazón, colchón, almofada e roupa, un sitio onde as persoas se deitan para durmir pero a palabra “cama” ten outras emocións, só hai que deixar vagar a palabra na mente para que broten un caudal de sentidos ou emocións asociados: “sexo”, “amor”, “parella...”, “cansazo”, “sábado pola mañá”, “almorzo na cama”, “calor da sesta”, “noites de insomnio...” Este exemplo e para que vexa o que calquera lector tende a ver cando tropeza con certas palabras. Cada lector proxecta sobre as palabras todos os sentidos asociados como aquel da palabra “cama” que proxecta “sexo” e “amor”.

Aprenda, señor Cancio, a recoñecer con claridade os sentidos asociados ás palabras que vostede emprega e comprobe se poden perturbar a quen os lea e do que quere vostede expresar.
Piñeiro González, Vicente
Piñeiro González, Vicente


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES