Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'Hoxe Amor, Amor, Solo Hoxe' (1)

viernes, 09 de julio de 2021
A POESÍA EN GALEGO DE FRANCISCO DE FIENTOSA

X
Hoxe amor, amor, solo hoxe.
Espiñas non, hoxe non.
Espiñas xa teño abondas.
Abondas e ben fondas.
Quero amor, sólo amor, amor.

Neste poema e nunha nota a pé de páxina do libro Á primeira luzada de Ricardo Polín, pode lerse o seguinte:

"Versos de arrebatado amor recentemente descubertos pola nosa alumna Tania Iglesias Rivera na casa patrucial do poeta mindoniense Manuel Leiras Pulpeiro, en Lindín (Mondoñedo), hoxe deshabitada. Malia estaren expresamente atribuídos a Fientosa, incluímolos na edición da súa obra coas reservas propias do caso, a falta doutros elementos de apoio".

Nós tamén pensamos que o poema pode ser de Fientosa porque cumpre as características propias do autor como son, entre outras, a brevidade, o número de versos e de sílabas, as repeticións, etc.

O poema é unha estrofa de cinco versos de arte menor posiblemente formado sobre a redondilla (a b b a), que aparece nos últimos catro versos aos que se lle engade o primeiro verso que podía ser tamén o título e que non rima con ningún outro.

Rima:
( - : Libre) + ( a b a b: Redondilla) = Quintilla

A estrofa sería unha quintilla porque rima á vontade do poeta e coa condición de que non haxa tres versos seguidos coa mesma rima e que os dous últimos non formen un pareado (1). Os versos predominantes son octosílabos, concretamente os tres primeiros, o cuarto é heptasílabo e o quinto, enneasílabo. O feito de quedar solto o verso primeiro e o de ser versos octosílabos, un heptasílabo e outro enneasílabo, coidamos que, malia representar unha rémora para a súa clasificación como quintilla, debe estar construída sobre un tipo de redondilla, que é como naceu a quintilla.

A composición podemos dividila en tres partes que se ven diferenciadas polo contido significativo e mais pola forma externa dos versos:

Primeira parte: Verso 1
Segunda parte: Versos 2, 3 e 4.
Terceira parte: Verso 5.

PRIMEIRA PARTE
"Hoxe amor, amor, solo hoxe".

Como podemos observar, a composición parte, como a maioría de poemas de Francisco Vega Ceide, co tratamento do tempo que abrangue todo o poema nunha aperta dun día e suponse que os outros días serán máis desgraciados; neste abrazo temporal representado polos brazos dereito e esquerdo, correspondentes ao "Hoxe" do principio e ao "hoxe" do final, apreixando nesa aperta ao "amor" que conforma unha figura literaria por repetición, chamada xeminación, e consistindo na repetición dunha ou de varias palabras en calquera lugar do texto procurando que estén próximas, como é o caso, sendo a palabra "amor" que volve estar temporalizada por "hoxe" e ademais recalcado por "solo"; é dicir, unha verba en función de adverbio co significado de “nada máis ca hoxe" ou "unicamente hoxe".

SEGUNDA PARTE
"Espiñas non, hoxe non.
Espiñas xa teño abondas.
Abondas e ben fondas".

Hai un cambio de contido significativo radical, pásase dos desexos desenfreados de amor a unha contrariedade simbolizada por "espiñas", que se ven diminuídas pola presenza outra vez do adverbio de tempo, "hoxe", e de dous adverbios negativos, "non" e "non", que pretenden abandonar a dor que representan as espiñas que, evidentemente son unha metáfora da súa vida.

"Espiñas xa teño abondas"

Este verso comeza cunha anáfora ou figura literaria que consiste na repetición dunha palabra ao principio do verso, "espiñas", e que comprende todo o contido desta segunda parte reflectindo a situación vital de Fientosa ao longo da súa vida. Entre outras, a de quedar orfo de nai no ano 1917 por morrer Modesta Ceide, a súa nai, e orfo de pai ao ano seguinte, 1918, que morre o seu pai, Francisco Vega, quedando o pequeno Fientosa con apenas oito anos orfo de nai e de pai, residindo unha tempada cos seus avós e logo marchando cos seus tíos Remedios Vega e Euxenio Crecente, á Ponte de Outeiro. Posteriormente perde a súa irmá política, esposa do Secretario do Centro Galego de Oviedo e irmán seu, César Crecente Vega, nos combates orixinados en Oviedo ao principio da Guerra Civil onde tamén perde o poeta a súa magnífica biblioteca.

"Abondas e ben fondas"

No comezo do verso temos unha concatenación, que consiste en iniciar o verso coa mesma palabra final do verso anterior, "abondas", palabra que supón unha cantidade tal... que chega suficientemente. Máis aínda, a esta dor indefinida engádeselle ademais da cantidade, a fondura desas espiñas que incrementan a dor co adverbio de cantidade "ben", "ben fondas", coa equivalencia a moi fondas.

(Continuará)

NOTAS:
1. QUILIS, Antonio.- Métrica española. Ed. Alcalá. Madrid, 1975, 3ª ed., páx. 99.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES