Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A frase de Bernard Show

martes, 06 de julio de 2021
Bernard Show foi un escritor irlandés, ideoloxicamente socialista, que pertencía a Sociedade Fabiana, defensora do cambio da sociedade sen métodos revolucionarios. Non obstante, parece que compatibilizaba isto co nazismo e co fascismo de Mussolini. E lembro ler nun excelente artigo, sobre a racionalidade e irracionalidade, de Adolfo Castilla, unha cita deste escritor que lle pareceu de interese. Di así, na tradución miña ao galego:

"Se tes unha mazá e eu outra e as intercambiamos, tanto tu como eu seguiremos tendo unha mazá. Pero se tes unha idea e eu outra e as intercambiamos teremos dúas ideas cadaquén de nosoutros".

Pois ben; considerando que o mundo das ideas non é de natureza material, aínda que se xesta na materia, senón espiritual (psíquico), hai que atribuírlle, non obstante, tanta realidade como ao material ou físico. E afirma A. Castilla que para coñecer o espírito hai que buscar novas formas, porque non se pode someter ás leis das ciencias naturais. É mester, pois, "desnaturizarlo". E remítenos á interesante obra de Jesús Conill, "Intimidad corporal y persona humana. De Nietzsche a Ortega y Zubiri", Tecnos, 2.019. Con isto pretende facilitarnos a comprensión da corrente filosófica do Fenomenalismo, principalmente en E. Husserl, cuxa influenza aborda en Ortega e Zubiri.

Traemos todo isto aquí porque parece resucitar nalgunhas revistas do pensamento filosófico unha polémica acerca do coñecido como CIENTIFICISMO, un termo relativamente novo, que, non obstante, recolle o DLe tamén como CIENTISMO, e define como teoría segundo a que os únicos coñecementos válidos son os que se adquiren mediante as ciencias positivas, engadindo que é unha tendencia a dar excesivo valor as nocións científicas e con pretensións científicas. Como apunta máis arriba A. Castilla, se o mundo das ideas non se pode someter as leis das ciencias naturais, non parece que a realidade deste mundo poda ser obxecto de coñecemento estritamente científico.

Deterémonos un pouco en Zubiri, porque talvez abra horizontes a esta polémica, na que a inmensa maioría dos científicos non están envoltos, en canto entenden a ciencia como interpretación da realidade ou unha marcha en busca do que é a mesma en profundidade, que hai que entender como unha tarefa constante. Pero as implicacións políticas do "cientificismo" hai algún tempo que se deixan sentir nos plans do ensino: En España, reducindo os estudos da filosofía, e nada menos que en EE.UU., potenciando o estudos do STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas). Por outra parte, e noutra perspectiva, cabe, pois, preguntarse se está o home evolucionando ou retrocedendo, no camiño da involución.

Gustaríame ofrecerlles aquí o pensamento de Zubiri sobre o coñecemento humano, do home considerado como animal de realidades, a diferenza dos outros animais que o son de estímulos, é dicir, mentres o home ten que vivir nun mundo no que a realidade imponlle un complicado proceso de coñecemento, aqueles responden aos estímulos cun certo automatismo. Pero do pensamento zubiriano, só unhas liñas para iniciados, e lectores ávidos de pensar.

Cando aprehendemos unha cousa, quere dicirse, cando captamos unha cousa sinxelamente, sen formarnos xuízo dela, sen afirmar nin negar nada sobre a mesma, e queda gravada na nosa mente, ven a dicirnos Zubiri que se trata da simple impresión da realidade de esa cousa, porque a recibimos como algo distinto de nosoutros, como algo DE SEU. Dinos, entón, que esa cousa real quedounos ACTUALIZADA, recibímolas en ACTUALIZACIÓN, posto que a ese estar algo dende si mesmo en algo outro denomínoo ACTUALIDADE. Pois ben; INTELECCIÓN considera que é a actualización de algo real como DE SEU, EN PROPIO. Comprender isto élles elemental para empezar a entender un pouco deste filósofo. E seguimos.

O segundo paso que pretendemos dar é explicar algo do que denomina INTELECCIÓN COMO LOGOS. Xa sabemos que entende por intelección. Procuremos agora aquí reter que a súa idea de LOGOS nun CAMPO é a actualización desa cousa simplemente impresa na nosa mente, mais agora situada nun espazo (campo) con outras; e como non está sola neste campo, está en RESPECTIVIDADE coas demais existentes alí: Vemos, por exemplo, algo como unha árbore estraña entre outras nun campo máis ou menos delimitado polo alcance da nosa vista. Como o temos confuso, procuramos aclaralo, diferenciando a suposta árbore das outras, e para iso temos que movernos, acercarnos, establecer comparacións, e resulta que o que vimos é unha árbore estraña, exótica, que non sabemos clasificar. Pero chegamos a intelección como logos. Non obstante, aínda falta outro paso, porque ata agora só sabemos que esta cousa EN realidade é unha árbore; pero ignoramos qué É NA realidade, é dicir, non coñecemos absolutamente nada dela, senón que é unha árbore, nunca mellor dito, descoñecida para nosoutros.

Reparemos que o LOGOS é esa intelección obtida no movemento polo campo onde hai varias cousas aquende en relación; pero hai outra intelección, hai outro movemento intelectivo, ao que Zubiri chama MARCHA, no que se busca actualizar o que ese algo que vimos no campo, non EN realidade, senón NA realidade. No exemplo que puxen é determinar que PODERÍA SER esa árbore, por agora identificada só como tal, pero sen saber QUE É. A esa actividade intelectiva nesa busca chámalle RAZÓN, que ten tres momentos:

O primeiro momento, é transcender o campo, para ir máis aló del; pero sen saír do mesmo. Como non sabemos o QUE É esa árbore, lévanos o mesmo campo, o AQUENDE (o aquén) -di o filósofo-, ao máis aló del, ao ALLENDE (alén), co obxecto de entender mellor a cousa, neste caso a árbore; entender que é o captado nese aquende no máis aló, no alén, é dicir, máis ao FONDO: clasificalo, saber se produce froitos e que propiedades teñen, calidade da súa madeira, que solo e clima lle son os máis indicados para medrar, etc., etc.

O segundo momento, consiste en moverse no campo en busca sempre fiel á cousa vista nel. E pensemos que é o mesmo campo o que nos impulsou. No exemplo, a árbore concreta, que pretendemos saber máis dela, constitúese na medida da nosa marcha.Velaquí a ACTIVIDADE RACIONAL: centrarse na investigación.

O terceiro momento consiste en considerar que a razón é como un INTELECTUS QUAERENS, un intelecto que busca, nunha dirección en profundidade, e en tanto que tal, vai encontrando solucións provisionais, porque sempre se poden encontrar novas explicacións. A marcha é continua e ven a indicarnos que por moito que saibamos dunha cousa, sempre nos queda moito máis por saber, porque se a certeza do que sentimos está avalada polo DADO na simple impresión da realidade, aí presente, a do experimentado na marcha faise presente nela como algo LOGRADO; hai que acadalo.

Non sei se o que deixo exposto é suficiente para que se entenda o que sigue. Para Zubiri o coñecemento é a intelección racional en profundidade. É a intelección de algo NA realidade. E pon este exemplo: Coñecer o VERDE, é a intelección del na súa constitución, e por isto, diferencialo do AZUL non é coñecemento, porque non se intelixe (necesito este termo) como unha realidade distinta do azul, é dicir, non se intelixe o fundamento mesmo do verde como onda electromagnética.

Aquí Zubiri mantén a perspectiva noolóxica (do grego, NOOS--NOUS=intelixencia, entendemento), non epistemolóxica, da ciencia, aínda que é a base desta; é o último horizonte da comprensión da ciencia. Considera o coñecemento científico COMO UNHA DIVERSIDADE MODAL DESTE, precisamente debido a peculiaridade de que o animal humano ten unha nota esencial na súa constitución con anterioridade á ciencia, a intelixencia, que é o principio que a posibilita.

Creo que tamén é oportuno aclarar que Zubiri substituíu o termo espírito por psique, considerando que a realidade do home, entendida sistematicamente, consta de dous subsistemas, orgánico e psíquico. Non é dualista. Considera a unidade deses dous subsistemas no home como elementos estruturais do mesmo, co-implicados funcionalmente, de tal maneira que todo traballo intelectual esixe necesariamente elementos orgánicos, como as proteínas.

Talvez nun estudo profundo e documentado do que, con toda modestia, deixo exposto aquí, a arrogancia -máis ideolóxica que científica- cientificista (necesito o termo), poda acadar acougo. Como xa no seu tempo intuíu Bernard Show, o coñecemento científico é un modo, iso si, indiscutiblemente valiosísimo, de coñecer a realidade; pero nin pode responder a condición de único nin a todas as interrogantes que se formula o home: É pragmaticamente de gran utilidade; pero nin carece de provisionalidade nin esgota as solucións que require quen o precedeu e impulsou: O HOME.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES