Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Preescolar na Casa. Un patrimonio a conservar

lunes, 30 de junio de 2008
Sempre escoitei que un pobo debe velar por aquelo que lle ven dado polas xeracións pasadas. Dende obras arquitectónicas, de arte, monumentos, de carácter civil ou religioso -algúns aguantando sécalos-, edificios singulares ata un xornal, a paisaxe que nos rodea, as tradicións, a cultura, a lingua. Todo elo forma parte do inventario dunha comunidade e que todos deberíamos sentilo como propio e coa obriga de mantelo para os que veñan atrás.

Creo non esaxerar cando afirmo que o programa educativo Preescolar na Casa, con só trinta anos de existencia, acredita suficientes méritos para consideralo necesario e útil na actualidade e, seguro, no futuro. Isto ven a conto dos interrogantes que se cernen sobre esta iniciativa que foi creada, entre outros, por Antonio Gandoy, aquel cura da bicicleta, un auténtico home dos que fan historia e ó que se lle debe un recoñecemento contínuo por todo o que el realizou. Este programa naceu para formar as familias con nenos menores de seis anos, fundamentalmente na Galicia Rural, tendo en conta a dispersidade xeográfica, co obxecto de ofrecer a estes nenos e ás súas familias pautas educativas mentres non ían á escola. Resulta apropiado valorar positivamente a profesionalidade, a adicación e o afán de superar obstáculos das orientadoras que executan este traballo polos concellos adiante. Como motivan a participación dos pais e nais (e avós) deses pícaros, a ilusión coa que comenzan o curso, a empatía e complicidade que producen. Auténticas dinamizadoras (falo en feminino porque son maioría aplastante). Preescolar na casa é un programa de formación de familias; convoca reunións periódicas onde xuntan os nenos, levan a cabo distintas actividades, todas elas encamiñadas a favorecer o desenvolvemento deses menores, aproveitando como recursos educativos aquelo que o entorno ofrece. Potencian o papel da muller e a implicación do home na educación dos fillos. Obxectivos desta iniciativa tantas veces recoñecida, incluso internacionalmente, son contribuír a crear na sociedade unha cultura da educación infantil, fomentar o papel clave da familia no desenvolvemento do neno, contribuír ó desenvolvemento da cultura e lingua galega e potenciar as comunidades locais. Estas metas foron alcanzadas por este programa. Trinta anos avalan este traballo.

A desruralización, o cambio na estruturas familiares, a incorporación da muller ó mercado laboral, o descenso da natalidade, a creación de galescolas, a universalización do ensino dende o momento do nacemento son fenómenos evidentes e actuais. Non son incompatibles coa idea de Preescolar na Casa. Coido unha temeridade prescindir del. Máis que nunca os seus principios son necesarios na sociedade de hoxendía. Os valores que transmiten teñen perfecta validez. A educación e formación das familias semellan vitais nos primeiros pasos dun neno -e despois tamén, por suposto-.

Ten só trinta anos, demasiado novo para xubilalo. Forma parte do patrimonio da nosa comunidade. Debemos conservalo, coidalo e, na medida do posible, melloralo para transmitírllelo ós que veñan. Seguro que o agradecerán. Sería un luxo non aproveitar algo que demostrou ser tan bo. Viva Preescolar na Casa.
Veiga López-Castelo, Pablo
Veiga López-Castelo, Pablo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES