Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Letras mancadas

martes, 22 de junio de 2021
A pandemia do coronavirus vai camiño de se converter na praga bíblica dos nosos días e leva xa causado moita dor e irreparables perdas. Desafortunadamente, as ausencias tamén se contan entre aqueles que andaron os seus días facéndonos felices coa maxia das palabras. Velaí o caso do escritor chileno Luis Sepúlveda, quen falecía o pasado mes de abril en Asturias, logo de loitar durante varias semanas coa covid-19. Infelizmente, non é a primeira vez que a Humanidade se ve en tal situación e, ende mal, que o gremio dos escritores contempla como este letal e silandeiro inimigo que son as enfermidades infectocontaxiosas fai desaparecer parte dos seus activos.

Na Idade Media a peste bubónica fixo auténticos estragos entre a poboación da vella Europa e ese mesmo mal volveu castigar o continente con dureza no século XVII. Os escritores, dende Bocaccio no Decameron ata Defoe no Diario do ano da peste, deixaron testemuño daquel horror, que levou por diante o poeta francés Gautier de Châtillon (autor do longo poema Alexandreis, que serviría de inspiración ao célebre Libro de Alexandre, obra cimeira do mester de clerecía hispano); o florentino Matteo Frescobaldi (voz destacada do Dolce Stil Nuovo e amigo de Petrarca); o dramaturgo inglés John Fletcher (un dos máis gabados do seu tempo, xunto ao propio Shakespeare e Ben Jonson); o fundador da narrativa albanesa Pjetër Bogdani ou a poeta e intelectual norueguesa Vendela Skytte (ilustrada erudita que morreu da enfermidade xunto ao bebé que acababa de ter).

E o que aconteceu coa peste sucedeu tamén ao longo do XIX co temible cólera, que feriu definitivamente o poeta e dramaturgo alemán August von Platen-Hallermünde (no que se inspirou Thomas Mann para o personaxe de Gustav von Aschenbach de Morte en Venecia); a escritora e crítica literaria británica Maria Jane Jewsbury (falecida na India, onde contraeu a enfermidade); a escritora e pintora italiana Bianca Milesi (que feneceu deste mal xunto ao seu marido, que era médico) ou a grande intelectual e feminista, heroína da revolución rusa, Inessa Armand, que foi un tempo compañeira sentimental de Lenin e que terminou os seus días vítima do cólera que contraera durante unha viaxe ao Cáucaso.

Pero se hai dúas enfermidades infectocontaxiosas que asociamos moi a miúdo coa literatura esas son a tuberculose e a sífilis. Á primeira adoitamos engadirlle —dun xeito totalmente arbitrario, xaora— unha aura romántica que a identifica como a forma propia na que morren os poetas, sobre todo os grandes cantores do amor. E velaí como por este mal feneceron, si, John Keats, Gustavo Adolfo Bécquer, Jacint Verdaguer ou Joan Salvat-Papasseit, mais tamén grandes da narración como Emily Brontë, Antón Chéjov, Leopoldo Alas Clarín, Franz Kafka ou D. H. Lawrence.

Pola súa banda, a sífilis, que os descubridores trouxeron de América, foi o azoute do París bohemio, arrasando con Charles Baudelaire, Alphonse Daudet, Guy de Maupassant ou Alfred de Musset.

A lista de males bíblicos non acaba aí e cómpre saber que inclúe tamén a lepra (que terminou co poeta paraguaio Manuel Ortiz Guerrero e co venezolano Cruz Salmerón Acosta, ambos os dous destacados autores nos seus países); o tifo (que foi o final para Charlotte Brönte, Arnold Bennet, Irene Nemirovsky e Gerard Manley Hopkins, quen, malia iso, despediu a vida repetindo no seu leito de morte “son tan feliz, son tan feliz!”); a disentería (que fixo presa de Erasmo de Rotterdam, Thomas Coryat, Pierre Choderlos de Laclos ou Helen Von Druskowitz, autora esta última que atopou tan feroz morte recluída nun psiquiátrico, onde levaba vivindo case trinta anos); a septicemia (que non tivo piedade nin co holandés Louis Couperus, nin co cubano Guillermo Cabrera Infante nin coa ensaísta e novelista británica Mary Wollstonecraft, autora da referencial Vindicación dos dereitos da muller, que faleceu tras dar a luz a súa filla, quen logo se converteu en Mary Shelley, a famosa autora do Frankenstein); a meninxite (que arrastrou o narrador italiano Alessandro Manzoni e moitos outros); a difteria (que se levou a sufraxista inglesa Lydia Becker); a pneumonía (inmisericorde con Francis Bacon, Friedrich Nietzsche, Lewis Carroll, Leon Tolstoi, Dylan Thomas ou Simone de Beauvoir); a hepatite (definitiva con Wolfang Borchert, que sobreviviu ás tropas nazis pero non a ela; ou o gran poeta romanés Nichita Stănescu, bebedor consumado que apedrou o fígado); ou a máis recente sida, que nos arrebatou tristemente a Michel Foucault, Hervé Guibert ou Severo Sarduy e tantas outras persoas, por non falar da febre amarela (coa que marchou Matthew Lewis), a leishmaniase (Marguerite Higgins), a pleurite (Juan Montalvo), a malaria ou a moi común gripe (Bertrand Russell), tamén causantes de sentidas perdas.

Males galegos
Na literatura galega as letais hostes das enfermidades infectocontaxiosas tamén golpearon forte. Poderiamos demorar en casos como o do autor dos históricos Rogos dun gallego, Manuel Pardo de Andrade, que morreu en París de cólera; ou o do líder das Irmandade da Fala Lois Porteiro Garea, que faleceu prematuramente vítima da gripe do dezaoito; mais conformareime con lembrar o celebérrimo exemplo de Manuel Antonio, o gran poeta do mar, que se mergullou definitivamente nel no seu Rianxo natal cando contaba con apenas trinta anos, a idade á que nolo arrebatou a tuberculose.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES