Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'De tanto calar xa falo eu solo'

viernes, 04 de junio de 2021
Este é un poema de Uxío Novoneyra. Un só verso lévanos ata o Courel xigante que miraba cos ollos ben abertos un neno en Parada de Moreda. Máis tarde, nos anos de enfermidade e convalecencia aprende o poeta leccións de silencio e soidade: As noites i os días / os días i as noites / e ún xa non sabe / cando foi onte.

De tanto calar... Un verso retrata a xente calada nunha terra de soidades. É o Courel dos tesos cumes, entretecido ó lonxe de camiños sen xente. A toponimia, que tan ben fotografa Novoneyra, tamén vai calando. Dos 32.000 núcleos de poboación de Galicia, uns 8.200 están a morrer en silencio.

- Isto é una tristeza -comenta un veciño ao mestre que volvera de visita a Oirán-. Pasan días enteiros sen atopar a ninguén. A escola? Pechada hai anos, pouco despois de marchar vostede. Xa non hai nenos. Nin xente queda coa que falar.

Outro orientador daquel Preescolar na Casa que aportaba presenza e acompañaba ás familias na tarefa de educar aos cativiños no sur de Ourense, parou a botar un párrafo cun velliño que baixaba coas vacas.

- Pero home, coa súa idade a aínda tornando as vacas! E non haberá que descansar un pouco?

Meu vello cala e, mirando sen mirar, di:
- Ten moita razón. Nin sabe un para quen traballa. Xa non quedan nenos. Xa non queda nada.

Na nosa Galicia rural o proceso de concentración escolar tivo consecuencias demoledoras para a vertebración do territorio. A Administración clausuraba unha escola e a demografía envellecida pechaba unha aldea. Detrás dos nenos que foron estudar nas vilas, marcharon as familias. E calaban as aldeas. Cuns poucos vellos estaban condenadas, no "corredor da morte", demográficamente mortas. Que pase agora nun colexio de Baamonde clama ao ceo.

De tanto calar está a falar soidades o rural mentres contempla lóstregos de progreso en forma de autovías e AVEs. que tecen Galicia co mundo pero descosen o territorio. Calan as paisaxes e berra o feísmo. Calan as árbores asesinadas. Calan tanto e tantos que o silencio fire.

Graciñas a Deus non cala a poderosa voz de Uxío Novoneyra, que sabe e ole a terra, que canta como pintando. A voz que un día de 1957, na longa noite de pedra, abríu en Compostela o ciclo de conferencias "Homenaje a la poesía gallega". No silencio medorento alzouse a voz rexa e chea de coraxe civil do poeta: 'Miñas donas e meus señores...' Toda unha invitación aos caladiños a erguer a voz naquela sociedade pétrea e monolingüe.

Hai unha Galicia onde a xente fala soa, mentres o vento asubía cancións de soidade. Pero outra fala coa voz rexa e ardida. É a Galicia que non cala, que non fala soa, que está a construír o futuro.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES