Hoxe houbo unha gran riada (2)
viernes, 04 de junio de 2021
A POESÍA EN GALEGO DE FRANCISCO DE FIENTOSA
"HOXE HOUBO UNHA GRAN RIADA" VII
VII
Hoxe houbo unha gran riada:
as samesugas dos cómaros
botáronse sobre a agra.
Os ourizos do caneiro
fuxiron da auga ó monte:
Hoxe son toxos no vedro.
Tan grande foi a crecente,
que veu a fouce da lúa
a segar na auga corrente.
Hoxe houbo unha gran riada:
Tódalas redes pesqueiras
andan no ar pervagadas.
Redes de troitas e peixes,
redes de anguilas e oucas;
hoxe unha gran riada,
¡ai, as zoquiñas das dornas!
SEGUNDA TERCERILLA
"Os ourizos do caneiro
fuxiron da auga ao monte:
Hoxe son toxos no vedro,"
Se na primeira estrofa o substantivo que desfiaba o nobelo eran as samesugas, nesta tercerilla son os ourizos. Estes son os ourizos dos castiñeiros que traía o río e que seguro ían pola embocadura do caneiro e quedaban flotando pola parte de abaixo do caneiro dos Basanta (Familia de Vilalba que tiña moitas pertenzas na Ponte de Outeiro).
Por iso, coido que a riada era a finais de novembro ou, en todo caso, a principios de decembro, que é cando empezan as enchentes e os castiñeiros xa deran os seus froitos, castiñeiros que estaban ao lado do río que levaba os seus ourizos a corrente.
O que máis nos chama a atención é a fuxida dos ourizos, porque se fuxir non é unha figura literaria referida á enchente, entón, hai que pensar nos outros ourizos ou pequenos mamíferos cubertos de espiñas, que se alimentan de insectos, mais eu coido que non se refire a estes animais xa que aos ourizos gústalles máis a folla que a auga.
Remata a tercerilla cunha metáfora ao estilo propio de Fientosa de tipo: A é B
"Hoxe son toxos no vedro"
A é B
Os ourizos hoxe son toxos no vedro
O que supón unha semellanza entre as espiñas que teñen os toxos e as espiñas que teñen os ourizos, evidentemente, aquí é máis críbel que son espiñas dos ourizos do castiñeiro, pero a xulgar pola distancia á que se atopan os Vedros, parece máis acertado pensar nas espiñas dos animais, aínda que a enchente non podía chegar ao Vedro do Monte.
TERCEIRA TERCERILLA
"Tan grande foi a crecente,
que veu a fouce da lúa
a segar na auga corrente".
Diciamos antes que as crecentes na Valuria, e principalmente na Ponte de Outeiro, aínda hoxe, son de campionato, sendo unha ampla chá alongada no sentido do río, cubrindo os medianís e as leiras nas que, de noite, había moita luz porque se reflectía a lúa na auga e se era cuarto crecente ou minguante, viña "a fouce da lúa" noutra metáfora visual
"a segar na auga corrente"
Que beleza! Porque a lúa reflectida na corrente parece que está a segar a auga que baixa a toda velocidade pola carrilleira do río.
(Continuará)
Otero Canto, Xosé
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora