Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

... E sempre volvían para o San Ramón

viernes, 27 de junio de 2008
“Castellanos de Castilla,
Tratade ben ós gallegos:
Cando van, van como rosas,
Cando vén, vén como negros”

(Rosalía de Castro)


Sempre se ten dito que Galiza foi país de emigrantes, non sabendo as máis das veces se quen con evidencia afirma tal cousa se refire ao pasado ou fai se cadra unha reflexión atemporal. O certo é que, retrocedendo no tempo, a miseria que asolaba ao noso país na segunda metade do s. XIX, semellante á da Idade Media, determina unha forte emigración a América, feito que se repetirá nos anos 60, esta vez aos países máis desenvolvidos de Europa.

Pero houbo outro tipo de emigración temporal non menos importante no interior do estado español, non contabilizada por elo como tal, da que se ten falado menos ou simplemente se ten ignorado. Foron os segadores dos que se laia Rosalía en Cantares Gallegos.

“Cantan os galos pró día” aló pola segunda quincena de maio cando homes, mozos e mesmo nenos de Alba, Belesar, Boizán, Insua, Ladra, ..., collen ao lombo o fardel con zocas, roupa, dedís, pedra de afiar, etc. e, con máis tristura no corazón ca bágoas nos ollos, vanse botando aos camiños cara a un destino que os afastará uns tres meses dos seus fogares. Que o ceo os guíe, Deus os volva con ben, van oíndo nas despedidas ao iren recollendo compañeiros nesta e naquela casa. Atrás quedan por algún tempo “viúvas de vivos...”, “nais que non teñen fillos” e “fillos que non ten pais”.

Arredor das catro da madrugada as cuadrillas van facendo camiño a Baamonde, onde ás dez collerán o tren cara á extensa chaira castelá, que tan ben cantara Machado, nun traxecto que noutrora facían a pé en 15 días antes de se construír o camiño de ferro do norte. Se ao chegar a Pígara atopan O Zarrulleiro aberto, os homes deteranse uns momentos para botar ao corpo unha copa de augardente do país, aconsellando a mozos e nenos que vaian andando, que os pillarán máis adiante.

Xa en Baamonde, abren se cadra o fardel no Ribas, fronte á estación, piden viño e, mentres almorzan agardando a chegada do tren, un factor de RENFE pregunta a un dos máis novos, que xoga fóra ao tempo que remoe unha codia de pan e un anaco de chourizo:

- “Pra” onde vas, neno?

- Vou “pra” Castilla, carallo! –responde fachendoso o infante-.

Pita ao lonxe a locomotora de vapor e póñense todos en garda para iren subindo máis tarde pouco a pouco.

Ao pasar o Bierzo son recoñecidos pola xente que se vai agregando á viaxe, aos veren, coa mesa posta, repoñendo forzas a base de pan, touciño, chourizo... Unhas 26 horas máis tarde están en Madrid, onde agardan na Estación do Norte a chegada dun novo tren que os levará ao destino definitivo. Alí dormen agrupados por cuadrillas mentres uns poucos, caxato en man, vixían para non seren roubados por lapias ou amigos do alleo.
De novo o tren, e por fin o pobo e as leiras que foran tratadas entre maioral e amo, en carta que este dirixira a aquel en tempo e hora coa finalidade de formar a cuadrilla precisa para a sega.

De contado o maioral disporá o traballo. El ordena, manda, e só segará se a cuadrilla é pequena. Ás veces mesmo ten ao seu mando varias cuadrillas.

O trasmaioral substituirá ao maioral na súa ausencia e será o que vaia diante segando se aquel non o fai. Terá tamén ao seu cargo facer as partillas da carne (becerro e porco) unha vez comidos os garavanzos en comunidade nunha única perola. O reparto da carne será proporcional ao status, de xeito que, aínda que nalgunha ocasión chegue o touciño, as máis das veces non queda para os atadores:

- Neniños, a ver se mañá mandan máis, que hoxe veu pouca, comede pan.

O dos tres é o seguinte segador, en posto de sega e categoría, sendo o encargado de repartir o viño por vez en vaso común, empezando e rematando polo maioral, quen deste xeito bebe dobre ca os demais.

O dos catro repartirá o pan, que o amo proporciona nun costal. Debe poñer coidado en comezar sempre polo máis reseso e non reparar na cantidade se hai abondo.

O dos cinco responsabilízase de ir buscar a auga, de vixiala e de soterrala para tentar tela o máis fresca posíbel.

O dos seis é o dos atillos, que recolle na casa do amo cando se precisan, para ataren os mollos coa palla contrapeada, espigas cara a fóra.

Disposta a primeira categoría ou segadores completos, veñen logo os medias fouces e os atadores. O último media fouce ou o primeiro atador encárgase da burra para transportar atillos e alimentos da casa do amo ás leiras.

Disposto todo, afían con pedras de Soexo as fouciñas fabricadas polo Lombafarda de Pígara ou outros ferreiros chairegos, poñen os dedís que fixeran na casa con cana de bambú para protexeren os dedos e dispóñense á faena.

Segan e atan arreo mentres hai luz, e mesmo en noites de luar se é preciso. Comezan pola alfalfa, se marchan en maio, ou a cebada, se o fan máis tarde, para continuaren logo co trigo, a avea e remataren arrincando os garavanzos. En terreos fraguentos calzan abarcas no canto de zocas, que lles amolan os nocelos ao non poñeren medias.

Dormen habitualmente nas propias leiras, coa perigosa compañía dalgúns réptiles descoñecidos, aínda que cando vai mal tempo e hai que parar algúns días permíteselles facelo na palleira do amo sobre a palla trillada.

En xeral o trato do amo rico, alcumado escaldarroza polos segadores, é peor ca o do menos favorecido, ao que denominan farracán.

Na antiga Castela A Nova o almorzo e cea son lixeiros: gaspacho a base de auga con vinagre, cebola relada, pan para mollar e, con algo de sorte, aceite, producto que as máis das veces cambian ao amo por viño a razón de un litro daquel por dous deste. O almorzo está constituído por garavanzos, pan, e carne para algúns como se ten dito. Quen perda a súa culler, deberá facer unha de pao se quere alimentarse.

No caso de sobras ou releves, a cuadrilla cóidase ben de os enterrar para que o amo non acurte a ración do día seguinte ou se lle ocorra, como di o cantar:

O cacique deste pazo
non che pregunta se bebes:
ás veces dáche das sobras
pero nunca dos releves.

Non importa pois que o amo, ao quedar sempre a perola baleira, exprese con certa sorna en alusión aos nosos compatriotas:

Barriga de gallego,
caldera del infierno.

Cada mediodía o burriqueiro vai buscar á casa do amo a bebida e os alimentos para o xantar, a cea e o almorzo do outro día, así como os atillos necesarios.

Na outrora Castela A Vella, as condicións son mellores, xa que traballan a xornal e a alimentación non ten comparanza. Para o almorzo dispoñen dun par de ovos fritos por cabeza, chourizo ou liscos, queixo, pan e viño. O xantar está composto por carne xa tallada para todos, garavanzos con patacas, pan e viño sen taxa. Á merenda froita ou tomate e pan. E para a cea, que comen en prato na casa do amo, fabada, lentellas ou coello guisado, queixo, pan e viño.

Neste territorio a burra queda para emerxencias e é o amo quen traslada en carro de bois ás leiras todo o necesario. Por certo, a burra dorme coas patas dianteiras soltadas e atada a unha perna do seu coidador para que non se mande a mudar, como din noutras terras.

Os segadores levan por encarga navallas de Taramundi ou do Lombafarda, que son cobizadas e cotizadas e ás que lles sacan o correspondente beneficio.

E, rematado o traballo, chega a hora de barbearse, lavarse e faceren a distribución crematística, que é tamén proporcional á categoría do traballador. En primeiro lugar establécese unha cantidade determinada para os segadores e logo, unha vez feitos os cortes e os quites, para os demais. Poñamos por caso: se un segador recibe 1.000 ptas., aos medias fouces correspóndenlles 700 e aos atadores 500, sendo o restado respectivamente eses cortes e quites, que logo son repartidos en relación ao status entre maioral e segadores.

E aló contra o 15 de agosto, pola Nosa Señora, regresan entre aturuxos a cadanseu lar. Veñen fracos, cansos, medio eslombados logo de tres meses de penuria, e mouros coma o chamizo por mor do abrasador sol castelán. E na estación de Baamonde repítese case a mesma escena:

- De onde vés neno? –interpela o factor-.

- Veño de Castilla, meu señor –responde esta vez apoucado o rapaz-.

Pero veñen satisfeitos, co escaso capital gañado cosido á parte interior da cintura do pantalón, a tempo de remataren a sega propia e faceren a malla. E mesmo aínda lles quedan azos para se achegaren quince días máis tarde a Vilalba para celebraren o San Ramón.

De todo isto sabe moito Ángel Guerrero López, que sufriu en propias carnes esta emigración non contabilizada. En 1942, con a penas 12 anos, atou durante tres meses en Torrejón de Velasco (Toledo), volvendo con 700 ptas. no peto mentres cada segador traía 3.000 ptas. Na súa derradeira andaina a Castela, en 1960, regresa con 16.000 ptas., de segador completo, cartos que entrega ao seu pai á chegada. Atrás quedaron Navalcarnero, Parla, Pinto, Brunete, Getafe, Móstoles, Leganés, Alcorcón, Arganda, Talavera e tantos outros lugares de traballo. Pero sempre chegou a tempo para coller polo San Ramón o sangai dos Veigas, se cadra co Daniel do Portela de chofer e o Pepe Dorado de revisor, e botar unha peza na desaparecida Alameda.

Eran sen dúbida outros tempos.
Felpeto, Xosé M.
Felpeto, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES