Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Filósofos e poetas en tempos de tecnocracia

viernes, 28 de mayo de 2021
Corren ventos nos tempos de hoxe (mais cando en pretéritas épocas non foi isto xa así?), que soerguen a poesía á prestancia do seu propio eido.

Os poetas, elas e eles (este ano celebramos a nosa innovadora Xela), sonvos facedores, creadores da palabra e da imaxe xustas que liberan a realidade, as realidades, do seu aparentemente infranqueábel mutismo. Aprehendíbeis fanse así estas, diáfanas, abertas e, sobre todo, libres e fermosas.
Unha beleza, que non todos son quen de percibir ou de expresar se fican ausentes a sintonía, o sosego e a silente espera do sorprendente, do non dito que se abre á ventura de ser captado e respectado, creando así ó tempo novas liberdades e non estreados amenceres.

O poeta é neste sentido un mundo en si. Dono do seu propio e inalienábel sentir e mais do alleo, que el recrea coa súa limpa ollada. Dardo virxe que é quen de dar así no xusto albo. Deste xeito convértense as poetas en sorprendentes e vivas primaveras, que alteran e recrean os ritmos do xa sabido e do de sempre. E porén son elas e eles estraña e inesperada creación dunha natureza que se recrea a si mesma desde ela mesma.

Estraña, sen dúbida, e case imposíbel unha tal estratexia, que suscitará polo mesmo preguntas fondas nos amigos do saber, naqueles que a nosa vella tradición dende antigos tempos denominou "filósofos" ("amigos da sabedoría") ou "metafísicos", aqueles que tentan ollar alén da natureza mesma.

Porque "habelos, hainos" tamén, ademais de poetas. E boa falta que nos fan, á parte de científicos, tecnócratas e outras múltiples profesións, loábeis en si mesmas todas elas, por máis que ande de aquí para alá, levada por intempestivos ventos, aquela coñecida e irónica pantasma da "funesta manía de pensar"...

Pois, pra máis dun ou dous, aqueles que se dedican a "pensar" (ademais de precisaren facer outras moitas cousas, claro!) semellarían ser estraños entes que vivirían noutros mundos ou que virían deles pra nos aprenderen –inxenuos e inocentes eles!- como hemos nós vivir. É só a xeral inconsciencia do vivir, dun vivir queiras on non ateigado de preguntas de non doada solución, a que está na base dunha tal actitude.

Pola contra, é precisamente o pensamento (é dicir, a filosofía) o que é quen de nos aprender a ver como esa mesma inconsciencia podería estar simplemente provocada, entre outras razóns e de moitos e moi sutís xeitos, por groseiros e agachados intereses de grupos económicos ou de poder que en realidade só se buscan a si mesmos. Sen irmos máis lonxe, abonda con indagar e pensar un pouco, por exemplo, sobre o modo como se desenvolveron e desenvolven a nivel mundial moitas políticas de adquisición e distribución das vacinas contra a Covid.

Actuarmos, pois, cada un á súa maneira, como poetas e filósofos, é dicir, lúcida conxunción de sentimento e pensamento sería seguramente de gran proveito para a humanidade no seu conxunto. Exemplos deste xeito de proceder hóuboos sempre nalgunha medida. Vénme á mente, porén, agora o de alguén que en sinxelos e lúcidos versos se sentía moi a gusto habitando ó tempo nos eidos da filosofía e da poesía. Chamábase Miguel de Unamuno e del son estes sinxelos, lúcidos e ata relixiosos versos que, mantendo a súa propia rima, ouso traducir seguidamente ó galego:

"Agrándame a porta, Pai
porque non podo pasar.
Fixéchela para os nenos,
eu medrei ó meu pesar.
Se non me agrandas a porta,
achícame por piedá.
Vólveme á idade bendita
na que vivir é soñar".
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES