Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Divagacións arredor dunha peza...

lunes, 24 de mayo de 2021
Cara pintada sobre anaco de cerámica aparecida no leito do río Tinto, aquel
que atravesa o pazo do Faramello.

O Tinto, puido adoptar ese nome pola cor que nalgún tramo había ter a causa dos minerais que o acompañaban (porque cando se xunta, en Ríotinto, soa a minería) pero tamén pode responder aos restos fabrís da papeleira. Este río discorre por terras anónimas recollendo o arrecendo das herbas e as referencias a Ofelia deitada nas augas, pasa por debaixo da ponte romana de Paradela, mira ao castro Lupario (que garda amemoria de Lupa e tamén dos lobos que un día deron orixe á palabra), deixase oír na Rúa de Francos (ese lugar mítico onde a carballeira segue a conservar a redondez dos antigos castros e lugares sacros), saúda o prodixio do pazo do Faramello, continúa por Angueira de Castro (que con ese nome semella andar entre quefaceres e ansias) e se deita no Sar(o río pai que cantou Rosalía situada nas súas beiras, entre Santiago e Padrón, lugares fulcrais da súa vida).

Cando segues co dedo o río Tinto cara ao outro lado, lonxe do Sar, hai un intre no que a liña azul desaparece, queda cortada coma o fío co que imos coser as lembranzas. Un misterio: de pronto está onde non estaba, de repente desaparece, sen que o mapa mostre a razón.

Así tamén, o fragmento de cerámica e cemento aparece mirando ao pazo, coma o resto dun naufraxio, que é recuperado para converterse noutra cousa. Un obxecto atopado: esas pezas artísticas que a partir de Duchamp recolle a historia da arte, e que, especialmente os surrealistas, traballaran sobre elas deixando que o inconsciente lle fora engadindo trazos ata darlle a imaxe que gardaba en segredo.

Polas proximidades do pazo, nos tempos das lendas, seguramente pasaron os discípulos de Santiago (Teodoro e Atanasio) cargando o Corpo Santo cara ao Pico Sacro e o bosque Libredón. Despois deles, moitos peregrinos que buscan a Itaca do poñente.

Dixo Cela que o pazo era o segredo mellor gardado dos camiños a Compostela. Escribiu Felipe Senén, e repito eu, que o pazo é un lugar máxico que forma parte desa Galicia descoñecida, na que o tempo se detivo, afirmo. Un pazo creado por ilustrados que viñan de fóra (Italia e Portugal) a montar a primeira fábrica de papel, haberá produto máis merecente?

O pazo é un lugar máxico, case irreal. Tanto, que estou segura que non sempre está aí, que hai días nos que desaparece detrás dunha cortina de realidade que non o é, como nos pixelados das fotos ou, na manipulación das imaxes. O pazo auséntase como lle pasaba a Castroforte del Baralla, a Comala ou a Macondo. Só así se pode entender que estivera detido no tempo, envolto pola vexetación, que escoita a música do río, mentres invade o xardín de pedra.

O pazo é unha mostra deses espazos que non son cribles, que non se entende como puideron conservarse sen que algún bárbaro o transformara ou destruíra. Porque cando atravesas o portalón e vas baixando polo camiño de muros vexetais, deixando á esquerda a capela, vaiche entrando o impenetrable no corpo, Tes que respirar forte para recuperar o eu e non deixar que se dilúa. Debe coidarse, quen viva no pazo, porque corre o risco de esvaecerse como lle sucedeu ao personaxe de Cien años de soledad que nun soño foi atravesando portas e non soubo volver; el pode irse co lugar a outra dimensión sen saber se vai voltar nin como.

San Ero quedou escoitando o canto dun paxaro e cando volveu en si pasaran séculos, non se sabe se o paxaro era o mesmo ou o que vemos pousado na ponla da árbore de todos os edéns.

Pedregullo seica é o significado de Faramello, por iso, tiña que aparecer alí a pedra que dará lugar ao rostro feminino. Alí, onde nas mans de Alfonso Rivero de Aguilar, o primo artista, esperta a lousa e mostra a súa alma para deixarlla ver ao artista. Hai lectores de enigmas, intérpretes da cerna das pedras e os seus derivados, Alfonso é un deles. É o amor o que lle abre as portas do arcano, porque todo xurde da mirada curiosa, da escoita activa, do abrazo co que as súas mans tocan e rodean o material. Como unha virxe abrideira a substancia mostra o alento que levaba gardado dende o principio dos tempos, e deixa que o feiticeiro a desadormeza para convertela na obra que levaba gardada dentro de si.

Alfonso ten querencia pola figura feminina, sempre, por iso non solta as pedras que lle traen a unha muller no seu interior. Neste caso trátase dunha peza na que a intervención é mínima: dúas raias horizontais para os ollos, unha vertical para o nariz, pero a cor colabora na expresividade, verde e vermello sobre branco con verde na parte posterior, para ser coroado por un resto marrón a modo de informal melena adornada co barroquismo e o naif dun Virxilio, nesas motiñas de cor que iluminan o parduzco.

Cando a peza ten detrás flores semella levalas no pelo. A peza está enriquecida por esa mestura de primitivismo amable cos enfeites a modo de orla, que lle achegan un aire novo a esa obra que se podería considerar rexionalista da segunda ola, pero que é dunha actualidade fascinante, expresionista cun mínimo de recursos… coa amabilidade das cousas sinxelas que ocultan moita riqueza.

O río Tinto atravesa as terras do pazo e o apelido Rivero de Aguilar cruza o parentesco. Tres primos, un dentro e dous na proximidade. As mulleres, con inicial en M: Marisina e Marilina. Alfonso agasalla a Marilina coa peza e Luís agasállanos a todos nós coas frases de cada día de confinamento.

Os afectos e os encantos, familia e amizade e… o tempo coidando das idades.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES