Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Dúas visións opostas da vida

viernes, 21 de mayo de 2021
Non sei ata que punto un comentario acerca da nosa vida pode resultar incómodo para algúns lectores; pero é algo que está aí e aquí condicionando os nosos comportamentos, individuais e sociais, principalmente segundo consideremos a vida como un valor, incluso supremo, ou como un feito. Para situarnos nesta temática, permítanme que recorra a dous autores: Ludwig Klages e José María Méndez.

Ludwig Klages, científico e psicólogo alemán, estudou na Universidade de Munich filosofía e química, na que se doutorou no mesmo centro e morreu en 1956. Estes non son datos de recheo, senón absolutamente necesarios para contextualizalo. Mentres o noso metafísico Xavier Zubiri concibe a realidade da persoa humana como un sistema integrado por dous subsistemas, corporal e psíquico, que permiten definila como unha "sustantividade" corporalmente psíquica ou psiquicamente corporal, buscando unha harmoniosa dualidade complementaria, L. Klages complícaa bastante facendo unha concepción especial do espírito e do que chama alma (Seele).

Pero… que entende Klages por espírito?. Ven a ser a expresión do racional, de todo o que se opón a esa forza creadora, á alma, que aquí é unha forza que está en conexión coa Natureza, é irracional e ilóxica, en oposición ao espírito, e identifícase co vital. El ve o mundo como unha espontaneidade creadora da vida, por iso se opón a todo intelectualismo e tecnicismo, á mesma beleza, e convén resaltar que está en consonancia co dionisíaco de Nietzsche. Di que o espírito xulga mentres a vida vive. O espírito destrúe o mundo dos mitos, que crea a alma.

En filosofía, cando se inicia o estudo do pensamento grego, fálase da substitución do mito polo logos, pola razón, que ven a ser a destrución do produto vital polo espiritual, racional. Por iso enténdese ben que para Klages, o verdadeiramente real, non é o ser, nin o ente, como algo que está máis aló do que se vive, senón a natureza–vivente. Creo que non se necesita moito esforzo para considerar que esta metafísica perturba a concepción científica, racional, da Natureza, e achega distorsión á mesma ética. Levaríanos lonxe abordar todo isto. Só nos interesa destacar un vitalismo que entende que a vida é un valor supremo.

Traiamos agora aquí o que nos di D. José María Méndez, que vive cuns noventa e dous anos, madrileño, a quen, entre outras moitas ocupacións, o estudo do fundamento dos valores económicos levouno a dedicarse a Filosofía dos Valores, fundou a Asociación de Estudos de Axioloxía, e participou, invitado, no Congreso sobre Valores Humanos, en México, en 2006. Nas miñas mans hai moitos anos que caeu o seu libro Valores Éticos, publicado en Madrid en 1978. Teño o honor de coñecelo persoalmente e considéroo unha persoa boa e honesta, moi culto e humilde. E revelo estes cualificativos, para que a exposición do seu pensamento respecto á vida non os leve a unha falsa interpretación.

Referíndose aos valores, distingue entre valores propios, intrínsecos, non recibidos, valores–fins das persoas; e valores derivados, que poden ser subxectivos e de cousas. Non son valiosos por si mesmos. Só o son cando son útiles para realizar os valores propios. Non son fins, senón medios. Por iso teñen valor en canto son útiles, e son tamén os valores das cousas que utilizamos como medios para realizar valores propios. E se deixan de ser útiles, tamén perden o valor. COMPRENDER ISTO É NECESARIO PARA ENTENDER BEN O QUE NOS DI DON JOSÉ MARÍA DA VIDA, SEN ESCANDALIZARSE.

É que a vida non a considera este intelectual como un valor propio. Os valores deben existir, existan ou non. A bondade debe existir. Aínda que non exista en determinadas circunstancias, sempre estamos obrigados a que exista. A vida non é necesariamente algo que deba existir. É un feito, non un valor. Nosoutros vivimos, pero se non vivíramos, se non viñéramos a este mundo, a ninguén se lle ocorrería pensar que debéramos vir. Isto non quere dicir que a nosa vida non teña un valor derivado; pero o que non ten é o propio. Temos valor en canto na nosa vida realicemos os valores propios, posto que se o que facemos é sempre o mal, en vez do ben, carecemos de valor. O que si é un valor élles, segundo este filósofo, O RESPECTO Á VIDA.

Si…, o respecto a vida propia e das outras persoas. Aquí , non obstante, convén deterse en que se a vida tivera un valor propio e non derivado, a eximente da defensa propia, evitando que alguén nos asasine, sería sempre ilexítima, é dicir, non poderíamos defender a propia vida ata o extremo, se fose necesario nunha defensa proporcionada, de privar ao agresor da súa, para salvar a propia. Pero si a vida perde o seu valor derivado cando se utiliza como medio para realizar o mal, é xustificado, porque xa non o ten. Esta élles a postura de D. José María.

Os vitalistas, como Klages, consideran a vida como un valor supremo, que lexitimaría o absurdo de deixarse matar para non por en perigo a do agresor, que, neste suposto, consideraríase de maior valor. Aquí os vitalistas non respectan o principio de que a vida ten moito máis valor se viven valores que se se viola. A vida, en todo caso, é o soporte do que designa Klages como espírito pensante e libre en sentido positivo, e pertence ao mundo da natureza causal, e só adquire valor derivado na medida en que a utilizamos para vivir valores. Afirma o citado estudoso dos valores humanos que a escravitude é intolerable, porque atribúe á vida un valor económico, que tampouco o é, xa que en si mesma considerada non escasea, condición sine non dos valores económicos.

Se aplicamos todo o exposto a nosa situación actual pandémica, talvez se abra canle a dúas conclusións completamente diversas: A corrente ó vitalista apoia a vida sen establecer xerarquías porque como valor supremo non as admite; pero na outra concepción da vida non se descartan decisións vinculadas a como cada vida persoal vive os valores, que nas institucións sociais poderían incentivar perigosamente os sectarismos, que con non pouco descaro non reparan algúns políticos en facernos vítimas deles.

Se consideramos estas dúas posturas é máis fácil aplicar o vitalismo no
caso da pandemia que o criterio sostido polo Dr. Méndez – porque deféndese a vida como un valor supremo – ante a dificultade de establecer preferencias, xa que a personalidade só se forxa no decurso da mesma vida. Como di Zubiri, a traxedia da personalidade está en que sen vivir é imposible ser persoa: Somos persoas na medida na que se vive.

Pois ben, non parece que se poda valorar a vida dunha persoa como non sexa no seu dinamismo da "personalización", e isto esixe considerala, cando menos, como condición indispensable para poder concluír ata que extremo viviu realizando valores. E insiste Zubiri que a vida considerada eticamente dende o punto de vista do emprazamento ante a morte, consiste nun MENTRES: mentres seguimos vivindo. Polo tanto, está xustificada na pandemia o seu mantemento, por igual, de todos os cidadáns.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES