Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Inventario das feridas

jueves, 13 de mayo de 2021
A vida é un ir abrindo e pechando caixas de tempo, de sentimentos, de ilusións. Nunca sabemos o que nos agarda en cada nova caixa que abrimos, mais o camiño que andamos apréndenos a desconfiar dalgunhas, a degoirar por outras e a nos sorprender con moitas.

A existencia como un infindo fractal de caixas chinesas que se conteñen, que se suceden e se interconectan. Tal semella ser a filosofía de Caixa das bestas/ Caja de las bestias, poemario bilingüe da coruñesa Begoña Paz que trae á luz o selo tinerfeño Baile del Sol.

Teño escrito con ocasión da aparición do que fora o seu primeiro libro de versos, A mala vida (2011), que a escrita de Paz deita unha visión non pouco escéptica do Amor, alomenos dese amor boubán e hollywoodense que esta nosa sociedade publicitaria e escaparatizada nos vende. Consecuentemente, a súa poesía tínguese, en non poucas ocasións, dunha crítica androcéntrica, necesariamente incisiva respecto do discriminatorio xenérico, que abomina da hipocrisía do falso amatorio, das convencións que presiden tantiñas relacións sociais, perfectamente egoístas, mecanizadas, deshumanizadas.

Así acontece tamén no seu novo libro, Caixa das bestas/ Caja de las bestias, unha viaxe en catro estacións sucesivas, que se enlazan e implican, reflectindo o complexo e inextricable dos sentimentos amorosos e os perigos anuladores da violencia patriarcal.

"Caixa de arelas", o primeiro dos bloques nos que figura dividido, evidencia a trapela da educación machista, ese nacer e ir formándose para compracer o outro, un ser para que anula a identidade propia, predestinación de princesa Disney condenada a vivir para facer feliz o príncipe: "núas/ quedas/ xeadas/ e vimos o devezo/ nos ollos dos/ outros/ e collidas das mans/ ofrecémonos/ ao instinto cru e/ mecánico dos/ buzacos/ eivadas/ insignificantes/ baleiras/ autómatas crebándose/ arreluadas/ contra os seus/ sexos".

Vén logo "O feirón do amor", ese aborrecido agardar por un Long John de amor pirata que roube o corazón da dama para darse toda a el e vivir días de calma aparente, de plenitude ardorosa que estoura nas inguas, que arde en febre, que oculta o monstro: "encetounos coa/ sabedoría/ do que venta o/ anceio da/ presa/ e rendémonos/ entre as súas/ coxas/ coa febre/ toda/ entre os/ dentes/ incapaces de/ fuxir/ cortadas as/ béstas/ húmidas/ buxainas/ dormentes/ a acordar/ no noso/ degoxo por/ el/ e vimos/ nos seus/ ollos/ as súas/ bestas/ todas/ e batemos/ mainas/ na furna/ fera/ da súa/ boca/ el/ os corpos/ todos/ el/ escuma e/ febre/ el/ zugando o/ brume/ ferido/ que nos/ alenta/ el/ só alí/ no límite da/ lastra/ nós/ perfectas/ completas/ sen dúbidas/ nós/ nel".

Mais este espellismo de "Casa de citas", da "Casa grande do noso amor", pronto deixa paso ao terceiro dos estadios desta dramática navegación, un océano que goberna a "Caixa das sombras", territorio no que aniña o reverso escuro da "Casa das bestas", da "Caixa de bonecas", o destino monicreque que comeza a facer presa na muller. É daquela cando a treboada da disolución se consuma e chegan os "días/ de pedrazo no/ ventre", eses nos que el anda xa "cartografando/ esoutros beizos" e apenas se queda un "el/ moqueándose/ da nosa/ insignificancia/ ferida", mouro ceo para as humilladas e submisas "Ghiadiñas": "el acusa/ nós resistimos/ el manca/ nós resistimos/ el abafalla/ nós resistimos/ el deserta/ nós agardamos/ mansas/ a deriva/ deste ciclo de/ dano e/ perdón/ ghiadiñas/ até a/ desesperanza".

O remate do poemario é, porén, a constatación dese tocar fondo, ese vivir instalada na “Caixa de bostelas”, imperio das cicatrices, inventario das feridas, mais tamén un canto á superación, ao renacer, ave fénix que volve da fronteira das sombras, confiada nunha nova folla de ruta, vencedora de todas as cascudas sobre o leito, sabedora de que foi enerxía pura o que a unión trouxo e que a lembranza escintilará por sempre para testemuñar que foi cegadora a luz, intenso o amor, pero que se sobreviviu tamén ao seu vórtice máis escuro, como nos lembra o texto co que se pecha o libro, "Epílogo prosaico para amantes en fuga": "eu estiven/ aí/ nese ser/ observade o doce solpor/ da súa anguria/ a fermosa panorámica/ do seu dó/ eu estiven aí/ si/ fíxenme/ inesquecible/ nesa pel".

Non quixera deixar de anotar outro atractivo, en absoluto menor, que ofrece esta Caixa das bestas/ Caja de las bestias: antecedendo cada un dos textos (bilingües en galego e castelán) figuran uns moi suxestivos poemas visuais da autora, que se serve de creativos collages para plasmar visualmente a esencia dos seus versos, diálogo verboicónico que redondea unha obra sen dúbida moi recomendable, que confirma a sólida traxectoria que Begoña Paz anda a labrar.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES