Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

EUROPA E A RAZÓN ILUSTRADA: O CASO GALEGO (I)

jueves, 28 de marzo de 2002
1. O MITO DE EUROPA
Nunha conferencia sobre Europa pronunciada o día 26.10.2000 na Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago o Profesor X.L Abellán aludía ó mito de Europa como punto de partida duna ulterior reflexión. En efecto, Europa era filla de Agenor, rei de Fenicia. Era unha mozo radiante de beleza.
Contan que o deus Xúpiter se namorou dela a primeira vista. Para conseguila disfrazouse de touro e foi a pacer ó prado onde a fermosa princesa xogaba cas súas amigas. Aquel touro chamou a atención das amigas fenicias polo seu porte tan fermoso e tenro. Achegáronse entón ó manso animal e puxéronlle coroas de rosas na fronte e outros adornos. A fermosa Europa acariciáballe o colo e mesmo se atreveu a sentarse sobre el. Cando as compañeiras queren sentarse tamén sobre el, entón, de súpeto, érguese e fuxe veloz cara o mar mergullándose na auga. A moza princesa berra e chora; pero pronto queda abraiada ó ver como se parten as olas para deixarlles paso e os monstros mariños convértense en animais xoguetóns.
Pronto se atopan nas costas de Creta, pero Europa está triste e furiosa contra aquel touro que a arrebatou da súa terra, dos seus deuses protectores e das súas amigas.
A deusa Venus escoitaba os lamentos da novo princesa e, como vía que non se calmaba, dille:
-“ Modera ese furor, pois o touro ven a poñerse nas túas mans para que poidas romper os seus cornos. ¿Ignoras que es a esposa de Xúpiter? Cálmate e aprende a facerte digna da gran sorte que tes. De hoxe en adiante, unha parte do universo levará o teu nome”.
Parece que a lenda respondería a un rapto efectivo duns comerciantes cretenses nas costas de Fenicia. Atoparon unha fermosa mozo e roubárona para ofrecerlla ó seu rei Xúpiter-Asterio. O barco do rei levaba na proa un touro branco e por iso se falaba de que o rei se convertera en touro para roubar a princesa, que logo se convertería na súa muller. Co tempo foi tan querida polo pobo, que á súa morte considerábana divina (1). Tivo tres fillos: Minos, Radamanto e Sarpedón. Minos aprendeu a escritura, o arte de navegar e comerciar e tamén o de fundir os metais.
A lenda ofrece un amplo campo de posibilidades para reflexionar sobre o que significa Europa. É evidente que Europa débelle moito a Asia, sobre todo ás costas que dan ó Mediterráneo: riqueza material que deu lugar a un comercio próspero e riqueza cultural- a reflexión filosófica grega empeza aquí, a onde chegan outras tradicións do afastado Oriente.
Este mito de Europa volve a ser retomado na época do Emperador Carlos I (V en Alemaña). En efecto, no ano 1514, o Papa León X emite bulas de indulxencias para recadar fondos con fin de reconstruír a Basílica de San Pedro. Xa entón a banca (a dos Fugger) se encargou de recadar o diñeiro e de estender o certificado papal da indulxencia. Isto sería a gota que colmou o vaso da paciencia daquel mozo monxe agustino, Martín Lutero. A remates de outubro do 1517 fixa nas portas da catedral de Wittenberg as famosas 95 teses, que alcanzan unha rápida difusión por toda Alemaña. Tres anos máis tarde publica os tres manifestos (doutrinal, moral e político) dirixidos a todos os alemáns. Moitos príncipes ven agora a oportunidade de independizarse do poder papal e imperial ó mesmo tempo. Prodúcense entón insurreccións populares en contra do poder da xerarquía católica alemana e do mesmo Emperador que rematan en guerra aberta. No ano 1543, ansioso de poñer concordia, convoca o Emperador ós Príncipes electores en Colonia. Con ese motivo o amigo e médico imperial, D.Andrés Laguna, lelles un discurso sobre a idea de Europa, que agora presenta como unha vella farrapenta e fea porque os seus fillos a maltratan e dilapidan os bens e tesouros que durante tanto tempo foron reunindo. As divisións relixiosas son as causantes do desastre de Europa.
O pesimismo que rezouma i discurso de Laguna é comprensible, tendo en conta as fortes tensións polas que pasaba a política alemana debido a guerra dos protestantes. Sen embargo, iso non é o comezo do fin de Europa, como parece dar a entender a imaxe que a representa. Esa imaxe da Europa moza e a Europa vella o que revela en realidade é algo distinto: que Europa é unha realidade viva e como tal é histórica. Como logo o tempo se encargaría de demostrar a imaxe pesimista e un tanto catastrofista de Laguna era froito do momento histórico polo que pasaban as relacións políticas do Emperador. Servíndonos da imaxe, diríamos que aquel momento representa tan só unha etapa da vida de Europa: a adolescencia, que amosa así a súa rebeldía. Igual ca unha adolescente de dezaseis anos que trata de afirmarse a si mesma fronte ós demais, que se mostra respondona e que un día pode romper ca harmonía familiar e cas súas normas escapando da casa e regresando tarde e cariacontecida; así tamén podía interpretarse aquel momento, como o paso da adolescencia de Europa, non sempre fácil. Pero igual que un caso semellante dunha adolescente non debería supor a ruptura familiar definitiva, tampouco as divisións relixiosas supuxeron a ruptura de Europa, porque a fin de contas, católicos e protestantes coinciden en ser cristiáns.

2. EUROPA, REALIDADE HISTÓRICA
A realidade de Europa non é algo que acabemos de descubrir a remates do século XX.. Como xa queda dito, ten unha historia que pasa por distintos momentos.
Se Europa é un espacio constituído por diferentes pobos, pero unidos por tres elementos básicos que son a Filosofía grega, o Dereito romano e a Relixión cristiá, entón xa podemos dicir que esa idea está xa fai moitos séculos no Occidente. Podemos distinguir os seguintes momentos:

1. O Imperio romano.
Roma uniu baixo o seu domino nos momentos de esplendor case todo o que é hoxe Europa. Aínda que polo Norte tiña o fronteira do Rhin, tamén estaba estendida polo Norte de África e con fondas penetracións en Asia (Siria, Capadocia, Armenia etc.). Pódese afirmar que a partir do século III a. C., en que eliminou o poder de Cartago, Roma queda durante séculos sen ningún rival suficientemente forte que a ameace ( ata mediados do século V).
A unidade imperial é imposta pola conquista, pero logo tamén se ocupa de facer unha unidade de tipo cultural, relixiosa e xurídica. Roma ocúpase de facer toda unha rede de vías e calzadas que cruzan ó longo e ancho do Imperio e que permiten levar a cultura romana ata o último recuncho.
Tras a conversión de Constantino, publícase o Edicto de Milán ( ano 313) que supón o recoñecemento oficial do cristianismo e a devolución dos bens que con antelación lle foran expropiados ós cristiáns .O concilio de Nicea e o de Constantinopla tratan de unificar as crenzas cristiás.
O Dereito romano empeza pola norma escrita na Lei das Doce Táboas. As normas aprobadas pola asemblea van formando o ius scriptum. A vez existen os costumes que forman o dereito consuetudinario. Existe tamén unha intensa labor dos xuristas que crean escolas. As respostas dos xurisprudentes serven de pauta ós xuíces á hora de emitir as súas sentencias. O dereito termina compilándose nun Corpus iuris que serve de referencia para todos os pobos do Imperio.
A nivel de pensamento, Roma non é creativa e ten como referencia a Filosofía grega. O estoicismo estivo moi presente entre a elite intelectual romana.
Pódese dicir pois que en Roma atopamos xa presentes os tres elementos básicos do que chamamos Europa.
Pero Roma é cobizada polos veciños que a ven como unha moza seductora, igual ca sucede hoxe con respecto a Europa, que se ve como un oasis de abundancia e de felicidade. Os pobos bárbaros empurran nas fronteiras do Norte tentando unha e outra vez de romper as barreiras que os separan do Imperio. Logran penetrar en sucesivas ouleadas. A súa forza é superior a da esgotada Roma e terminan por vencela.No ano 410 Alarico queima Roma causando un gran impacto no resto dos pobos do Imperio, xa que tiñan moi idealizada a capital. Pero os novos pobos son os que dominan agora e iso supón unha rexeneración do vello sangue romano e unha revitalización dunha poboación xa gastada. Pero aínda que conquistaron o Imperio pola forza, sen embargo foron conquistados pola cultura romana, como corrobora o feito da conversión de Clodoveo ó cristianismo, sendo bautizado en Reims polo Bispo Remixio no Nadal de 497.

2. O Imperio de Carlomargo
O territorio baixo dominio carolinxio foi menor que o de Roma, pero case coincidía co que hoxe ocupa Europa; aínda que quedaba excluída case toda España que estaba en poder dos árabes e tamén boa parte de Italia.
Carlomagno, aínda que non sabía escribir, sen embargo foi moi consciente da importancia que ten a cultura para manter unido un pobo. Á súa corte chamou ós principias sabios da época, de España, Italia, Inglaterra, Irlanda, principalmente.Na súa corte aparecen Clemente, monxe celta irlandés, quen ensinou Gramática. Outro irlandés incorporado foi Dungal, especialista en cuestións de Astronomía. De Italia trouxo consigo a Pedro de Pisa e a Paulino de Aquileia. O mesmo Carlomagno asistía ás clases de Pedro en Aquisgrán . Einhard ou Eginardo foi o arquitecto de Carlomagno para dirixir as obras da catedral de Aquisgrán. Pero sen dúbida a personalidade máis fecunda foi o anglosaxón Alcuino de York, alma da cultura carolina, máis como organizador que como pensador orixinal. El organizou a Escola e o plan de estudios seguindo como programa o Trivium e Quadrivium, tal como se ensinaba en York , onde el se formara.

3. O Emperador Carlos I
Gracias ó descubrimento e conquista de América, reúne baixo o seu mandato unha extensión territorial, como nunca se dera antes. Pero para Carlos I o centro do mundo e a referencia é Europa. A súa cultura e a súa relixión son o modelo que deben seguir os países descubertos ou os que quedan por descubrir. Hai unha inequívoca visión etnocéntrica con relación a América. A relixión cristiá é para el o referente fundamental. Foi a ruptura protestante a que o fixo especialmente sensible ó problema relixioso. Para tratar de evitala non escatimou esforzos. A unidade de credo considerábaa esencial para manter a unidade do Imperio. Por iso se sente abatido ó fracasar no empeño.
Estes tres modelos históricos de Europa tiveron transcendencia na formación duna conciencia de unidade de distintos pobos, pero os tres adoecían do mesmo mal imperialista. A preocupación por manter unha autoridade forte que aglutine e cohesione non deixou a importancia e o papel das individualidades e liberdades de pobos e grupos sociais.

3. O PAPEL DA ILUSTRACIÓN NA FORMACIÓN DE EUROPA
Kant define a Ilustración como a saída da autoculpable minoría de idade. A Europa do mito faise adulta, chega á súa maioría de idade. Reivindica entón a súa autonomía e liberdades. Esixe o dereito a organizar a vida ó seu antollo.
A Ilustración supón unha toma de conciencia de maioría de idade dos pobos fronte a tiranía e submisión. Agora o ser humano pasa de súbdito a cidadán.
Xa durante o XVII aparece en Inglaterra un precedente dos Dereitos humanos, a Bill of Rights que prohibe a detención arbitraria e asegura a presunción de inocencia e ven a recoller o Habeas Corpus Act dada por Carlos II polo 1679: toda persoa detida pode dirixirse a un xuíz da Corte de Xustiza para solicitar a súa liberdade ou ser conducido ante el co fin de probar as causas da súa detención.
Locke fala do estado de natureza para fundamentar a orixe da sociedade. Di que é un estado de liberdade e igualdade, pero non de licencia, xa que tampouco nesa situación é libre para destruírse a si ou a outra criatura súa , de non ser requirido por un fin máis nobre que a mera conservación. Hai uns dereitos naturais do obrigado cumprimento. A razón ensina que ninguén debe facer dano a outro. Sobre estes dereitos están os dereitos cívicos que afectan ós que teñen propiedades.
Montesquieu (1689-1755) pensa que igual que Newton logrou entender as leis que rexen a natureza, tamén se poden entender as leis que gobernan a sociedade. O feito de que un pobo teña un determinado tipo de goberno débese a súa particular idiosincrasia. Na forma de ser dun pobo hai factores físicos, como o clima que inflúe na súa psicoloxía e economía: tamén está a cantidade de territorial: un pobo pequeno está máis concentrado e ten hábitos máis uniformes, mentres un pobo disperso ten costumes e normas diferentes. Tamén inflúen as prácticas relixiosas que se dan, as organizacións sociais etc.
Distingue Montesquieu entre liberdades civís e políticas. Estas parten da constitución e serven para por lindeiros ó poder, para evitar abusos. Por iso son necesarias as institucións civís para controlalo. A función das leis civís, en cambio, é para garantir a seguridade cidadán, como a propia integridade ou a presunción de inocencia. A liberdade é actuar conforme á lei, non ó meu capricho, xa que do contrario so uns poucos gozarían da liberdade.
Tamén reivindica a liberdade de pensamento e de expresión. Non pode ser castigado quen critica o poder.Aquí vese o grao de liberdade dos estados.
Rousseau fala de tres formas de goberno:democracia, aristocracia e monarquía. Son formas adecuadas segundo o tamaño do país.O rei que é cobizoso necesita un territorio grande; os aristócratas necesitan un territorio medio no que imporse e gobernar as asembleas; e a democracia funciona en territorios pequenos. O mellor modelo é a democracia porque mantén a liberdade e igualdade dos individuos.
A sociedade aséntase nun contrato social. Pactamos para defender a propia vida e seguridade así como a nosa propiedade privada; pero nunca o pacto significa claudicar e renunciar ás liberdades básicas. En virtude do pacto, aceptamos someternos á vontade xeral, ás decisións que se toman en asemblea.
Ca Ilustración póñense as bases da democracia, dunha Europa que comparte uns ideais comúns; pero á vez respecta os dereitos das minorías e dos individuos, onde trata de conxugarse o universal e o particular, xa que o universal ten realidade dende os individuos e estes teñen sentido en canto se miran naquel.
Chegamos pois o que é motivo central da presente exposición: ¿Qué aporta a Ilustración á Galicia e, por tanto, á construcción de Europa?

NOTAS:
(1)Cfr.HUMBERT,J.:Mitología griega y romana, Ed.Gustavo Gili, Barcelona, 1958, páxs.237-8.
Rivas García, Manuel
Rivas García, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES