Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Aquel zoqueiro (11)

martes, 27 de abril de 2021
.../...

O Zoqueiro deume a man, como fan os homes entre si para felicitarse:

-¡Así se razoa; e que Deus cho conserve! Para que vexas con que rapidez o amigo pasa a inimigo, vouche contar, sen dicirche quen, un caso real que pasou fai pouco en certo lugar que coñezo ben, polo moito que lles levo zoqueado.

-¿Onde foi? –Agora insistín eu, coa miña curiosidade activada.

-¡Onde non quero acordarme, chaval! Pero o importante do caso é o zume, a moral que se tira deles. Había unha vez un emigrante que moito axudara aos seus, de mil maneiras. E cando volveu do estranxeiro, como era lexítima curta, dispúxose a facer una casiña, precisamente nunha destas parroquias de Castroverde... Os del, os seus parentes, que aínda lle vivía a nai, propuxéronlle que collese tal finca á conta da herdanza do pai... O que eles querían era telo cerca para seguir zugando da teta, tal e como os tiña afeitos. Mais cando se ía poñer á casa, díxolles de face-los papeis para documentala, pero o mellorado e maila cuñada, e incluso a propia nai, respondéronlle que, xa que logo, partisen o total, para saber cada quen o que tiña. O emigrante negouse en redondo a desposuír á nai, pois incluso concorría que ela non quedara usufrutuaria, e dese xeito íase quedar sen capital visible, mesmo en coiros. Mentres estaban nesas conversas, neses axustes, as obras seguiron para adiante, ata que un bo día o listete da casa reuniu aos veciños, coa propia nai diante, talmente pasada ao seu inimigo polas intrigas do morgado, e discutiu co irmán, co emigrante. ¡Fóra de aquí, que todo isto é meu!, fixéronlle berrar á propia nai, tal que se dese en tola, posuída do complexo de Stockholm, que aquilo era inconcibible. ¡Puxérona en contra do fillo que a estaba defendendo, e tódolos seus veciños de cómplices! Nas nosas aldeíñas hai moito bo que copiar, pero tamén, de cando en vez, algo malo que nunca debemos imitar. ¿Entendes isto, meu neno? ¡Pois, se cho digo, se che refiro estes casos incribles, é para que aprendas a coñece-la xente, e non só a de aquí, pois..., en tódolos países cocen as fabas!

Eu estaba apampado, que por ante meu pai facíanse moitos arranxos, moitas escrituras, ¡pero, un caso tal...!

-¡Tío Xosé, estou in albis, como di o noso Cura cando non entende algunha cousa!

-¡Cata que non entenda! Pero ti, o que pasa, é que aínda non tes mundo para entendelo:

O da casa o que quixo foi parti-los bens da nai, en vida dela; coidando que se a deixaban na pobreza máis absoluta, daquela non corría o risco de que se lles fose para a casa nova, co outro fillo, co xeneroso. E de paso, sete pasmóns de sete veciños oficiaron de testemuñas falsas en non sei cantos documentos para que o emigrante se vise só, aburrido da vida, da vida e dos veciños, co cal esperaban, e desexaban, que abandonase o lugar, obras efectuadas, pozo incluído, etcétera, per saecula saeculorum, amén.

Quedei abraiado, e tan só dixen unha estrofa que lera nun daqueles periódicos arxentinos que lle mandaban, envoltos en roupa, ao señor Senén da Casa Grande:

-¡E Deus dixo, Se este é o mundo que eu fixen, que o demo me leve!

O Zoqueiro riuse, non sei se de min ou dos meus falares; despois daquelas anécdotas "pueblerinas", como din os castrapenses, fíxose un silencio prolongado, de meditación, e coa mesma volveu ao trade, que aquela mañá faláramos moito e traballáramos pouco.

Como os días, por curtos que sexan, de ben aproveitados dan para moito, o tío Xosé, pola tarde, falando de pesas e de medidas, que saíu o conto por iso de que os ferrados para medi-lo froito eran máis grandes onde había convento, que o de Montecubeiro e mailo de Meira eran dos máis grandes da bisbarra, acabou preguntándome se sabía que en Lugo había un cargo chamado, Fiel Contraste de Pesas y Medidas.

-Non, señor, nunca tal oín.

-Pois é que se lle pasou a teu padriño, e iso que ben instrúe en ti. Tamén se dá o casual de que o xenro dese señor é precisamente de aquí, de Montecubeiro, un Mestre de carreira...

-Xa sei que tallan aos quintos, pero iso de pesalos e medilos...

-Non, ho, non é por aí. Antes falamos dos tegos e dos ferrados, medidas que non teñen complicación xa que, de feito outro, un novo, pásase o gran que enchese o vello, despois de darlle á rasa, claro, e se non o enche, daquela váiselle quitando madeira coa garlopa ou co cepillo, ata deixalos iguais.

-Iso vinllo facer ao señor Manuel da Ponte...

-Cos instrumentos de pesar e de medir tamén hai que facer comparanzas, pero só está autorizado a facelas o Fiel Contraste. Ese señor, de feitos os ataños, ou as pesas, colle a romana, ou o que sexa, e vai facendo as marcas. Cando os seus empregados lle presentan os aparellos contrastados, daquela vai o señor Varela de Quetesende, que así se chama, e cun punzón, ¡zas!, dunha martelada deixa o instrumento legalizado, útil para efectuar compras e vendas, todo ao legal, sen trampa posible!

Aquilo fíxome acordar do que lle pasou ao señor Mingos, así que, dándome de "mestre, mestre", conteille o que sabía do caso, ¡que non todo ían ser historias do Zoqueiro!

-¿Vostede sabe o que lle pasou ao Xamoneiro de Maxide?

Aseguroume que non, pero teño para min que me enganou, que o fixo para darme aquela oportunidade de lucirme, de ver se era capaz de transmitir, de narrar unha historia, un feito, precisamente do ano anterior. ¡Díxenllo á miña maneira!

-Moi a feito non mo contaron, que ata non sei a que vén iso de falar a medias cando estamos os cativos diante, que tamén temos a obriga de saber. Como dicía don Jesús, o Mestre de Maxide, "¡Hai que saber, incluso para saber defenderse en la vida!". O señor Mingos, o Xamoneiro, ben sabe que compra todo por aquí, e despois ten un almacén en Mosteiro, que é de onde llos levan en camións... Seica un día, aí en Suegos, de ben cheo, invitárono a quedarse na casa duns amigos; pero ao irse á cama deixou o seu gardapó esquecido nunha cadeira, ou nunha banca; ¡non sei onde! O caso é que estorbaba, así que o colleu o dono da casa para levarllo ao cuarto onde durmía os sete durmires, ¡coa chea que collera!

Aquel amigo non o debía ser tanto pois, ao notar que a prenda pesaba demasiado, miroulle os petos, ¿e sabe que había neles?

O Zoqueiro seguiu disimulando:

-¡Non o sei, que aínda non mo dixeches!

-¡Pois..., un perlo falso, máis grande co da romana! Usándoo nas casas onde non tiñan os xamóns recortados e pesados, había que poñelo máis atrás para face-lo contrapeso, co cal os xamóns saían máis baratos!

-Agora entendo por que deixaron de invitalo ás vodas, -afirmou o Zoqueiro-, pois ao gañar menos, de descuberto..., tamén deu en regalar menos, menos ou nada! Nesta vida, rapaz, antes cae un tramposo que un coxo.

Todo isto, estas anécdotas, apunteinas de inmediato no meu "Diario", nas follas que me quedaran libres nun caderno da Escola, que por iso volo podo reproducir tal cal, sen erros ou fallos da miña memoria octoxenaria.
-.-


Aquel zoqueiro (11)
Guindais na lareira
San Miguel do Camiño – Castroverde.
(Laura Trahorras Pérez / Antonio Trashorras Nogueira)


Á segunda noite, que era precisamente a da esfolla do millo, non me deixaron ir de ruada porque din en tusir, posiblemente co arrefrío que collera no ripeiro, de tanto que suei intentando darme de mozo baril. Desde que se foi o tío Xosé para a Casa Grande, colleume de banda miña madriña, cabe da lareira, e soltoume esta prédica:

-Meniño, agora que vas grande..., que ben o demostraches hoxe, tes que facer o teu exame de conciencia cotián..., ¡tal e como se cada noite fose a última dos teus días! Eu, como xa teño moita confianza con Deus, fálolle desta maneira: Meu Deus e Señor, escóitame, outra vez, que estou chamando á túa porta, pois aínda me tes aquí abaixo, a pesares dos meus aniños, e de tantos fillos que me deches a parir... Cando tal dispoñas, pídoche que me recibas con toda a dignidade, e con toda a limpeza de alma que sempre desexei ter. De momento vou repasando as que fixen, pero Ti, meu Señor, que o sabes todo, cántame á orella as correccións necesarias, pois a Ti, como nunca pides imposibles, voute obedecer. Dáme penitencia en vida, e na morte salvación, que se morro esta noite me sirva de confesión. ¡Amén!

O padriño, que acabara de pensa-lo gando e volvía á lareira, para seguir atizando ao lume:

-Iso está ben, perfecto, pois, segundo un criado debe acatar ao seu amo, ¿como non imos facelo co noso Deus, co noso Creador? Pero isto é a primeira parte, pois un home, e quen di home, muller di, que as almas, ata onde eu sei, non teñen sexo, ten que prepararse para vivir cos demais, ¡para vivir civilizadamente! E resulta que só hai un xeito de facelo: ¡Reflexión, reflexión e reflexión! Despois deses rezos, para oí-las respostas do Ceo repasade canto fixestes ao longo do día, minuciosamente, que dese xeito descubriredes as cousas mal feitas, ¡e de paso, as omitidas!

Dixo isto con tanta solemnidade, que desde entón quedoume a obsesión das "omitidas", así que aquel día, aquela noite, e igualmente nas sucesivas, dinlle á marcha atrás e púxenme a rumiar na cama, ¡coma unha vaca na corte!

Unha das miñas ocorrencias aquela noite foi: ¿Será un bo oficio isto dos zoqueiros, isto das zocas; terá porvir este calzado? Igual que empeza a haber máquinas de bordar, cunha rodiña interior que vai desviando a agulla para facer figuras sinxelas, ¿non poderían montarse as aixolas, os trades e mailas legres, nun aparello similar? ¡Coido que podería ser! ¿E se desaparecese a lama dos camiños, e se achaiasen as corredoiras, tal que nunha agregación de terras, que algo así ocorre coas estradas que levan a Lugo? ¡Daquela a xente preferirá zapatos, que locen máis...! Logo a cousa é sinxela: ¡cando ese perigo amose, voume para Monforte, e aprendo a facer botas de fuelle...! Eu nunca a Monforte fora, pero oíra falar dos seus coiros e dos seus zapateiros; e tamén de que coincide co camiño de Madrid, co de ferro...

De posto neste plan, divaguei e divaguei, explicándome a min mesmo que noutros países debían estar máis adiantados cá nós, ¿ou como se explica que fosen capaces de fabricar aquel gramófono que trouxera da Arxentina o señor Senén da Casa Grande? A receita de meu padriño tiña a súa parte boa, iso era obvio, pero a min desarraigoume do meu lugar, que todo se me ía en imaxinar, en ponderar, aquela miseria, intelectual e técnica, do meu rueiro. Con esta suxestión, con esta preocupación, naquelas sestas de mediodía, particularmente nas do verán, pois o resto do ano, ¡traballo, de sol a sol!, deume por facer anotacións, apuntes, nunha serie de cadernos que fun mercando nas feiras con algunha que outra cadela das facilitadas por miña avoa, ¡para caramelos! Daqueles “diarios” estou botando man para recompoñer esta pequena historia, esta etopea das miñas experiencias infantís, rurais.
.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES