Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cartas a Antón

martes, 17 de junio de 2008
Meu amigo Antón:
Teño que dicirche que te botei moito de menos onte cando algúns dos colaboradores desta emisora fomos convidados a unha cea moi substanciosa e moi substantiva no Parador de Vilalba. Deberías ter vido, pero coa túa teima de que a xente non saiba quen es, andas a perder as boas ocasións de conversar. Digo conversar e dígoo con moita intención, porque hai moito tempo que esa cousa tan simple anda no meu maxín: conversar cos amigos, a modo, tranquilos e distendidos, é unha vella afección da humanidade que sempre soubo encher desta maneira tan accesible os espazos de ocio, tan necesarios ou máis na vida que os espazos de negocio. Xa o temos comentado moitas veces ti e máis eu ata facer diso unha teima da que ti te burlas afeito. A conversa relaxada foi asasinada pola televisión e agora polo ordenador adobiado de Internet que, todo o máis, acada unha conversación virtual que non é o mesmo que a real, pero é algo, digo e espero, que pouco a pouco terá que se recuperar, porque, ao final, non hai nada que o poida substituír de todo. Saír da casa, pasear, fuxir dos ruídos infernais que atormentan nos bares, sentar un pouco nunha terraza cando hai bo tempo, e falar, falar, falar, discutir, se cadra, achegar opinións, iso é vivir.

Certo é que, por desgraza, a nosa vila foi perdendo espazos para tal mester: as beirarrúas (as aceras) son unha miseria, por seren tan estreitas e tan cheas de estorbos, farois e sinais de tráfico, que non permiten a tres persoas camiñar xuntas, falando, sen chocaren unhas con outras. Certo é tamén que o noso pobo está deseñado para a dispersión e para a bebida, porque bares non faltan, pero non contribúen ao encontro nunha zona que se poida chamar do paseo. Ti mesmo me comentas a cotío que en todo pobo que se prece existe ese tipo de espazo (en Ourense, por exemplo, a rúa principal chámase do Paseo), de xeito que se che da por saír para ver xente, xa vas directamente a ese lugar. E iso témolo na lembranza, porque, en efecto, en Vilalba, antes, ese ámbito era o que se estiraba entre o cruce da estrada de Ferrol e o cruce da de Baamonde, con terrazas nos catro grandes bares que convidaban aos parladoiros ou tertulias, pero agora ese espazo xa non ten ningún atractivo, non hai máis que oficinas bancarias, e si moitos tropezos, como deixo dito. Ao final quedámonos sen paseo: unha vila urbanisticamente desarticulada. Cando se lles ha ocorrer aos do concello ensanchar as beirarrúas, unha delas alomenos?. En todo caso, como ti dis, que non nos veñan coas andrómenas do aparcamento: tamén se dicía en Lugo da rúa da Raíña, pero ousaron facela peonil e agora ben satisfeitos que están todos.

En fin, meu Antón, que todos son atrancos para algo tan vital como é o encontro dos veciños e o intercambio de palabras. Onte, malia todo, tal cousa foi o que fixemos os colegas, pero ti non estabas e non sabes ben o que perdiches. Falamos de todo: do divino, un pouco, porque, despois de todo, había varios curas; pero tamén do humano: recordamos tempos, mentres contemplabamos unha vista do pobo dos anos cincuenta, en gran retrato panorámico que cobre parte da parede dunha cervexería, e non deixamos, claro está, de lle dar un repaso aos prohomes da nosa veciñanza, aínda que, estou a cavilar, non saíu na conversa o nome de máis actualidade como é o de Darío Villanueva. Non sei por que non falamos del, pero ben merece que, no nome dos colegas, ti e máis eu, desde aquí, lle mandemos os parabéns por ter xa ocupado unha cadeira da Real Academia da Lingua Castelá. Estou seguro de que traduzo con isto o sentir dos meus compañeiros de conversa e de cea.

Unha boa cea, por certo. Non é nada malo o cociñeiro con que conta o Parador, e, ademais, debe ser festeiro, porque, cando nos veu saudar, falounos con ledicia da súa participación na comisión das festas de San Ramón deste ano. Non sei se ese home é natural de Vilalba, pero, de non selo, ten ocasión agora, coa participación na comisión, de acadar ese honor. Aínda que non coñezo o mecanismo de nomeamento de tal comisión -supoño que algo terá de política- espero que, como ti dis moitas veces, os xeitos do partido popular non sexan un estorbo para ser un bo vilalbés. Os dos outros partidos aínda están inéditos e non podemos saber o que farían

E remato. Xa sei que ti, meu amigo, querías comentar algo do estado da área festiva da Madalena, que é unha pena, pero deixareino para outro día, se teño ocasión. O que non quero esquecer é que celebramos hoxe o día de Santo Antonio: felicidades, pois, a ti, tamén a miña nai, claro, e a todos os moitos Antóns e Antonias que andan polos nosos lares.

Cóidate e recibe unha aperta de amizade.
Bernardo
García Cendán, Bernardo
García Cendán, Bernardo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES