Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Poética lunar

lunes, 26 de abril de 2021
Non é a primeira vez que me ocupo nestas páxinas da poética de Manuel González Prieto. Fíxeno cando, hai agora tres anos, deu ao prelo A profecía e o xogo dos espellos, libro que supuxo a súa estrea e que marcou os roteiros polos que transita a súa estética: visionarismo literario, simbolismo oracular e imaxinería neosurreal.

Regresa agora con As noites de lúa e o xogo dos espellos, dende o propio título un continuum poético que participa dunha estética converxente coa súa opera prima e que volve recuncar na sintaxe xustapositiva, chea de sintagmas alucinados que se engastan nunha sucesión labiríntica, desdebuxando as fronteiras da comprensión e envorcando o poema en espazos de onirismo revelador, nunha escrita onde nada é lineal, adoito, convencional e todo se dá por develamento da ocultación, cal revelación do arcano.

Nesta ocasión o fío condutor é un particular e ben xenuíno calendario lunar. Dez máis unha noites de plenilunio que lle serven a González Prieto para ir tecendo un tapiz reflexivo verbo do sentido da vida, as decisións tomadas e os retos futuros, o amor, a descendencia, os soños e anhelos e as dificultades e obstáculos. En todos os casos, a presenza da lúa actúa como unha instancia de interlocución e de proxección dos estados de ánimo da voz poética, polo que o ambiente lunar funciona como caixa de resonancia cómplice que recibe e amplifica os afectos, os temores e os desexos desta.

De por parte, As noites de lúa e o xogo dos espellos confórmase como unha obra coral, pois xunto á ducia de composicións que asina o propio González Prieto figuran outras intercaladas que responde a diferentes autorías. Deste xeito, asinan cadanseu poema Pilar Maseda Barrio, Miguel Anxo Costoya Rivera, Luz Airado Bello, Raúl Gómez Pato (autor tamén do limiar á obra), Moncho Bouzas Tobío, Emilia Martínez Fuentes e Teresa Ríos Noya. Todas estas poesías, de ben diversa fasquía, coinciden na súa temática aluarada, sumándose ao motivo central da obra, que aínda se afinca con maior rotundidade a través das fotografías de noites de lúa chea obra de Paula Pájaro Marque.

Esta edición de As noites de lúa e o xogo dos espellos cobrou feitío de libro mercé aos bos oficios de Medulia Editorial, mais existe tamén unha concreción en rede do proxecto na páxina web https://asnoitesdeluaeoxogodosespellos.wordpress.com. Nela pódese gozar das creaturas poéticas ás que me referín nas voces das propias autoras e autores e doutras persoas que recitan estes textos en videomontaxes de José Martínez e o propio Manuel González Prieto.

A loita incansable de Sylvia Plath e o universo bravo de Ánxel Fole, a imaxinación abismal de Álvaro Cunqueiro e o insondable misterio de Emily Dickinson son ecos protectores todos que comparecen nestas páxinas e afirman a estética indagatoria, (auto)reflexiva e fragmentaria dun Manuel González Prieto que continúa a súa andaina literaria con ben prometedores pasos.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES