Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Se o vello Sinbad volvese a Ons

lunes, 19 de abril de 2021
Por veces penso que talvez non somos o suficientemente conscientes da inmensa fortuna que supón para a nosa terra ter espazos insulares tan espectaculares como os que beirean as nosas costas. Estes paraísos naturais son, amais, territorios que atesouran un moi vizoso patrimonio natural, de abraiante biodiversidade, pero tamén lugares que, en non poucas ocasións, gardan unha historia, tradición e identidade fondamente marcadas.

Acontece, de por parte, que varias das illas que conforman o preto de medio cento de insuas do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia están -ou estiveron- habitadas, o que suma unha antropoloxización da súa realidade paisaxística que as fai máis próximas e menos descoñecidas.

É este o caso da Illa de Ons, insua que pecha a boca da Ría de Pontevedra, na que vive algo máis de medio centenar de persoas, pero que durante os meses de verán recibe un milleiro longo de visitas diarias, principalmente de veraneantes que queren gozar das súas praias e viaxeiros que se animan a coñecer as súas fermosas paraxes.

A tan engaiolante illa dedica a escritora Anxos Sumai o seu último libro, Sendas de Ons, un volume en forma de álbum ilustrado con imaxes de Pablo Rosendo que publica El Patito Editorial, selo que anuncia futuras entregas centradas na Illa de Arousa (a cargo de Gracia Lacal) e na Illa da Toxa (por Mercedes Corbillón).

Sendas de Ons é o relato da viaxe estival que, durante tres días, levou a escritora de Catoira ata esta fascinante illa. A crónica desa estancia vértese en cincuenta e unha prosas breves nas que a autora vai dando conta dos diversos roteiros que realizou pola xeografía insular, con profusión informativa da fauna e flora que alí se atopa, tamén dos pequenos enclaves de poboación, orografía e descrición litoral e, xaora, sobre todo das impresións anímicas que todas estas visións espertaron nela e as reflexións ás que a conduciron.

As Illas Ons xa eran coñecidas para Plinio O Vello, pero na historia peninsular a primeira vez que apareceron documentadas foi nunha mención de Afonso III no ano 899. Dende aquela ata hoxe, estas illas viron os ataques viquingos, os asaltos ingleses, as fortificacións defensivas do XIX (das que aínda fican algúns restos esboroados) e o devalar poboacional a partir de mediados do pasado século. Secasí, resisten ao transcorrer das centurias e gardan, intacta, a súa beleza, que engadou a visitantes e artistas, algúns dos cales fixeron dela lugar de frecuentes estancias, caso da pintora Berta Cáccamo ou do xornalista e escritor Antón Lopo, quen cofundou e dirixe un selo editorial que leva por nome, xustamente, A Chan da Pólvora, un dos máis xenuínos microtopónimos da illa.

Admirablemente escrito, cunha prosa rebordante de imaxes e metáforas, de sinestesias e símbolos, delicadamente poética, Sendas de Ons regálanos parágrafos esmaltados de sensacións, coloraturas do corazón que anegan as puntas e illotes, os altos e praias, as enseadas e castros, todo un mundo de beleza na fin do Oeste que foi matria un día de republicanos resistentes, hippies idealistas da comuna Camagüey e peregrinos marítimos de todo tempo.

Pon rostro aos vieiros percorridos por Sumai o pintor Pablo Rosendo, autor das acuarelas do libro, pulcro na execución do seu labor, eficiente na capacidade referencial.

Non se me ocorre mellor guieiro para visitar tan máxica illa que este Sendas de Ons de Anxos Sumai. Se eu fose sabio e soñador como o vello Sinbad volvería ás illas outravolta e, de entre todas elas, elixiría Ons, sextante co que descubrir as estrelas agochadas da antiga Aunes, astrolabio para atopar a vía láctea que levamos dentro e que espella en liñas maxistrais esta magnífica escritora: "Os camiños son metáforas de vida. Encrucilladas, sombras, suxestións, enigmas. Trazos esgazados dunha biografía, nostalxia de desexos extintos. O que elixín lévame inexorablemente á morte. Os que desbotei, a onde levaban? Que outras memorias puiden construír?".
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES