Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Algo máis ca lembranza

viernes, 13 de junio de 2008
Nos tempos que andamos vén preocupando e ocupando a algúns colectivos sociais e culturais a recuperación da chamada memoria histórica, patrimonio que pertence á colectividade e que ninguén ten dereito a ocultar ou ignorar por moito que en ocasións non guste a certos sectores por aquilo de que remexer no pasado poder facer rexurdir vellas xenreiras ou xerar comparacións que non conveñen. Pero abofé que, en xeral, na opinión deste humilde servidor a recuperación antedita resulta sempre impagábel para os seus valedores. Sería posíbel, por exemplo, dar conta duns 300 cruceiros e cruces do Concello de Vilalba, moitos deles destruídos ou perdidos entre toxeiras ante o descoñecemento e a insensibilidade oficial, ou apreciar na súa medida medio cento de ermidas e capelas, mostra evidente todo elo do pasado histórico-artístico, sen a iniciativa e a dedicación de Ramón Guntín Currás e Santiago García Cillero? Seguiría condenado ao esquecemento Francisco Vega Ceide (Francisco da Fientosa) de non ser pola xenerosa disposición de Emilio Sinde Nieto, depositario da súa obra inédita, e o exhaustivo labor de investigación de Ricardo Polín? Teriamos nas nosas mans case toda a colección de Faro Villalbés de non ter existido xente que mesmo con evidente risco vital a agachara con agarimo entre o po dalgún faiado e que herdeiros dese legado permitisen altruistamente a súa edición facsimilar? Son algúns exemplos illados, mais un coida que significativos e que veñen demostrar sen dúbida que o pobo que esquece a súa memoria vén perder a súa identidade, como alguén acertadamente ten dito.

Nesta liña de razoamento, a exposición de fotografía Tal como eramos, que se mostra periodicamente na Casa da Cultura de Vilalba organizada polo Instituto de Estudios Chairegos, vén nalgunha medida tentar recuperar parte desa memoria, esta vez dende un punto de vista gráfico, coa sa intención no só de recordar senón tamén de aprender algo dela e con ela. Resulta certamente gratificante contemplar rostros que se emocionan cada vez que o furabolos do observador ou da observadora con mellor memoria fai indicacións sobre a evolución da paisaxe natural, humana ou urbana, suscitando entre o seu auditorio todo tipo de opinións ao respecto. Mira ti que mágoa esta vista que non volverá! –comenta unha señora xa entrada en anos ante unha fotografía de Vilalba tomada dende o alto de Mourence, tras da Madanela, onde a sensatez urbanística homenaxea dende unha óptica inferior á torre do Castelo ou á Igrexa de Santa María-. Ves, aí fun eu á escola de don Félix, e aquí entre as árbores, arredor do palco da música, xogabamos ás quedas, colliamos castañas no seu tempo, poñiamos a nosa ilusión nas rifas das tómbolas ou viñamos ver ao Barriga Verde polo San Ramón –recorda con nostalxia outro visitante ante unha imaxe da vella Alameda que algún irresponsábel arboricida fixo desaparecer-. Mira, esta señora fixo por moita xente máis do que podía e ca quen podía, e nunca a súa man dereita soubo do que obraba a esquerda, por iso non transcendeu, coma noutros casos... –comenta polo baixo unha terceira persoa que parece ter coñecido ben a vida e obra de María dos Castros-. E coma estes, múltiples e suxestivos comentarios. Calquera espectador minimamente atento e interesado pode doutorarse axiña ante o didactismo, seguramente involuntario nalgún caso, de quen goza do privilexio vivo da lembranza e da valoración racional do que foi e xa non é.

O Instituto de Estudios Chairegos tenta pois con estas mostras gráficas non só amosar recordos dun pasado en xeral máis humanizado e culturalmente enriquecido para a época, senón tamén espertar conciencias sobre algunhas desfeitas que a irresponsabilidade, a despreocupación ou o desinterese de persoas e/ou institucións, por acción ou omisión, permitiron. Vilalba e a Chaira merecen algo máis de respecto.

Pero estas exposicións, que non supoñen máis ca unha pequena parte dos xa milleiros de fotografías achegadas, non sería posíbel de non ser pola xenerosidade totalmente altruísta de máis dun cento de persoas e/ou familias que confiaron no IESCHA, que as puxeron ao noso dispor sen reparo algún e que quixeron compartir con nós, e coa sociedade en xeral, lembranza e sensibilidade. Sen a súa colaboración todo isto non sería posíbel e con ela seguro que máis xente axudará a seguir facendo camiño para que esa memoria non esmoreza. Para todos a nosa inmensa gratitude.
Felpeto, Xosé M.
Felpeto, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES