Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O domingo dos domingos

domingo, 04 de abril de 2021
O ano litúrxico vainos levando paseniñamente polas diversas experiencias cristiás da fe. Vainos poñendo en contacto co Xesús que nace coma nós, aínda que máis pobremente, no Nadal. Preparabámonos na Coresma para sentirmos con el as súas tentacións, as súas renuncias e a súa vida adulta de anuncio da boa nova para todos, de maneira especial para os máis necesitados e carentes de bens deste mundo. E nestes días pasados viviamos con dor e compaixón os seus padecementos e a súa morte.

Mais sabiamos tamén que tras deste aparente fracaso absoluto da súa vida, deste se afundir o sol no horizonte da noite, ía acontecer un novo rexurdimento. Un amencer de Xesús resucitado, que en adiante non morrerá endexamais. Converteuse así nun sol radiante, que non volverá ter máis solpores. No evanxeo de Xoán cóntasenos que a Magdalena foi ó sepulcro moi cedo, "cando aínda era escuro". Cousa que podemos entender tamén simbolicamente. María Magdalena, e con ela todos nós, camiñamos ou corremos cara á Luz do Resucitado, porque a escuridade non nos vai. Somos bolboretas inquedas que voamos cara á luz na noite escura: o mesmo ca María Magdalena.

Non hai cousa que máis queiramos cá luz e a vida. E isto sempre e para sempre. Foi Deus mesmo o que nos puxo esta querenza no corazón e coa resurrección do seu fillo e irmán noso, Xesús, esta nosa fonda querenza atopa o que busca. A luz e a vida aquí e no alén da morte están así en boas mans. Pois Xesús resucitou e converteuse en "Señor" de todo.

Este é o significado da Resurrección. Xesús e con el a humanidade toda estamos destinados, alén das nosas particulares mortes biográficas, a sermos inmortais. Morreremos, si, pero para non volvermos experimentar xa nunca máis angustias mortais. A nosa morte coincidirá co comezo dun novo e definitivo vivirmos para sempre. Por iso, os primeiros cristiáns loaban a Deus, ó celebraren a Resurrección, dicindo e cantando "aleluia", como ocorre na liturxia despois da Primeira Lectura. E "aleluia" quere dicir: "loado sexa Deus".

"Loado sexa" el pola súa grandeza, polos seus grandes plans sobre nós. Porque os pequenos ou grandes padecementos da nosa vida veñen sendo en definitiva moi pouco en comparanza co grandioso destino que nos espera.

Por iso dicía Pedro en relación coa resurrección de Xesús que a alegría debería rebordar en nós: "Loado sexa Deus –dinos el-, que pola súa gran compaixón resucitou Xesús Cristo da morte e nos fixo renacer a unha vida nova que se nos dá en esperanza [...] Por iso –continúa Pedro a nos dicir- brincades de alegría, aínda que agora, se fai falta, teñades que sufrir, por un pouco tempo, diferentes probas".

A alegría debería ser, pois, o sentimento normal e estábel na vivencia da nosa fe. Desta nosa fe, que ten os seus alicerces no acontecemento pascual da Resurrección do Señor. Por iso o domingo de Resurrección é o modelo do que copian tódolos domingos do ano litúrxico. Pois "domingo" quere dicir día do "Señor", é dicir, de quen "domina" sobre todo. Xesús, coa súa resurrección, converteuse en "Señor" de toda a creación e dos tempos todos: pasado, presente e vindeiro.

En Xesús, o "Señor", ten firme alicerce a nosa confianza, pois El é o noso irmán. Da súa Resurrección provén, pois, a nosa alegría. Como repite a liturxia pascual: "Este é o día que fixo o Señor. Alegrémonos e relouquemos nel". Da súa resurrección derívase a nosa. Esta é tamén, en último termo, a razón do dito popular de un estar alegre "como unhas pascuas"...

Agora ben, se os discípulos creron porque "viron", a nosa crenza en Xesús resucitado terá que basearse na nosa "fe", non na nosa "visión". Mais trátase dunha fe que, pola súa parte, está baseada no testemuño dos apóstolos e da igrexa que nace con eles. Pola nosa parte, podemos dicir tamén que, como compensación de non termos vivido aquela forte experiencia dos discípulos de Xesús, podemos en troques sentirmos a alegría das palabras que dalgunha maneira el nos dirixe tamén a todos: "Benia os que creron sen veren!".

Cómpre, ademais, termos presente que a alegría que sentiron os discípulos pola resurrección do seu Mestre non era unha alegría intimista ou particular, que cadaquén en certo modo gardaría para si, para o seu propio consumo ou consolo. Era, polo contrario, unha alegría comunitaria, compartida, que ía alén dos propios intereses e preocupacións. Da mesma maneira que Xesús non se pechara endexamais en si mesmo, senón que vivira sempre para os demais, facéndonos partícipes incluso da súa resurrección, os seus discípulos non podían proceder doutro xeito. En consecuencia, estaban abertos ós problemas e ás necesidades dos demais. Pois a todos viña dirixida a grandiosa mensaxe de Xesús: a de sermos, con el en primeiro lugar, fillos dun mesmo Pai e destinados, alén dos límites da nosa existencia particular, a unha resurrección para sempre.

Todo isto se aplica non só a nós, os que formalmente nos chamamos cristiáns, senón á humanidade toda, porque no seu fillo resucitado quixo e decidiu Deus Pai dar vida para sempre, alén da morte, a todos. Os cristiáns estamos así convocados a encher o mundo enteiro, con humildade e agradecemento, dunha esperanza inmorredoira de vida.

Isto é o que fan os apóstolos e discípulos ó faceren a experiencia de Xesús resucitado. E antes ca eles as mulleres, que foran moi cedo visitar o sepulcro do Señor. Volveran axiña para lles anunciar ós apóstolos a resurrección do Señor. Algo similar realizan os diversos apóstolos e discípulos comunicándose mutuamente as aparicións ou experiencias do Señor resucitado que van sucesivamente ocorrendo.

A través dos tempos e dos séculos recibimos tamén nós por medio do anuncio do evanxeo esta grande e boa nova da resurrección de Xesús e, consecuentemente, da resurrección que nos espera tamén a nós.

Por iso os que recibimos esta gran nova temos que anunciala coa nosa palabra e con nosos feitos, no noso tempo e aquí onde vivimos, a cantos ou non saben dela ou non son capaces de crer nela quizais incluso por ser tal nova algo tan incríbel e marabilloso. E é xustamente así por ser algo que procede do Deus que é sempre meirande ca canto poidamos maxinar del.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES