Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Competición entre sociedades

jueves, 01 de abril de 2021
A sociedade pode amañarse sen nós. Nós sen a sociedade témolo cru.

Estamos metidos en, vivimos en, sociedade. Un invento noso que nos fixo como somos a medida que a fomos facendo como é. Non fai falta ser sociólogo para recoñecer a importancia do feito social para todas e cada unha de nós como persoas.

E, ó igual que as persoas, as sociedades, as agrupacións baixo estruturas estatais, calquera dos conxuntos sociais que conforman a sociedade humana, tamén teñen enfermidades e desaxustes. Feitos que non son diagnosticados co mesmo punto de vista que ás persoas, por médicos, senón por estudosos diversos que non teñen por que ser sociólogos de formación. Pero que si deben ter unha compoñente de visión xeral, social ou/e empatía polos demais para comprender as interaccións máis aló do abstracto, na súa afección ó sentimento das persoas.

E nestas, chegou a pandemia. Como expresión da enfermidade das persoas, mais tamén como manifestación de desaxuste social. Por causa e efectos. Sociais, si. E máis aló de se a orixe da pandemia tivo causa natural forzada pola fatiga da natureza ante tanto cambio que lle estamos a impor ou os cambios de costumes impostos polas normativas (tamén impostas).

E é que, ó igual que o futuro dunha persoa enferma depende do tratamento, de xeito parello nunha pandemia o futuro da sociedade que a sufre depende do tratamento seguido. Remarco o de seguido en troques de recibido porque unha cousa é que un médico receite determinada beberaxe e costumes de vida (repouso, longos paseos, dieta...) a unha persoa e outra que a enferma tome a menciña do xeito pautado e se ateña á dieta.

A pandemia -está comezando a albiscarse- pode actuar como unha desvantaxe para unhas sociedades en relación a outras, non só polo custe das vacinas ou as máscaras ou pola incomodidade de levalas e efectos que podan ter de empeoramento de condicións de vida. Quizais estamos centrados nos custes inmediatos do 'aquí e agora' e iso non nos permite ver ben os custes diferidos, como se ten visto coa discusión que con diversos matices houbo entre 'matar a economía' e 'deixar que morran as persoas'. Ou entre o 'erradicar a pandemia' e 'mantela controlada'.

Mentres, as persoas tamén temos unha mentalidade como individuos e como integrantes da sociedade. E cada quen procura un equilibrio entre a dedicación a si propio e ós demais. E unha enfermidade afecta a ese equilibrio: ás veces temos que gardar cama, o que nos impide relacionarnos do xeito ó que estamos afeitos, ou sinxelamente gardar repouso, afectando ó traballo (e á diversión), levando consigo uns custes internos e uns custes externos, en diferente proporción para cada persoa. Alguén que viva ó día, sen aforros, nin despensa non terá a mesma tranquilidade nin necesidade de saír dun repouso que outra persoa con aforros e a neveira chea.

De xeito semellante, a procura do equilibrio entre 'custes externos' e 'internos' en cada país foi (é) diferente en función de variables como o xeito de control da pandemia, pero tamén da densidade de poboación, illamento posible, tamaño, dependencia internacional, necesidade de movemento das persoas (viaxes internos e internacionais) ou distancia social acostumada. Así, na competencia entre sociedades, xa podemos ver as consecuencias dos diferentes impactos da pandemia segundo esas variables. Ou ten afectado o mesmo á China que á Unión Europea?

Miraremos algo máis aló dos nosos fociños? Dos nosos intereses/apetencias persoais/posibilidades?
Gregorio Montes, Antonio
Gregorio Montes, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES