Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sobre a Asociación Cultural Rosalía Castro de Barakaldo

martes, 23 de marzo de 2021
O pasado 24 de febreiro celebramos o nacemento de Rosalía Castro e viñeron á miña memoria e a miña nostalxia aqueles anos oitenta do século pasado, anos nos que a maior parte dos Centros Galegos e Casas de Galicia de Euskal Herria dedicábanse mais ao folclore e á gastronomía que á cultura e a darlle valor o noso, o noso idioma e as nosas tradicións, cando eramos rapaces e rapazas novos, con un futuro por diante, con bríos e ilusións e intentamos traballar neles para levalos por ese camiño da cultura.
Sobre a Asociación Cultural Rosalía Castro de Barakaldo
Con esa intención, José Andrê López Gonçalez (Andrê da Ponte, o investigador que recuperou o Apalpador) e mais eu, exercemos de Secretario e Delegado de Cultura respectivamente na Casa de Galicia de Santurtzi durante os anos 1981 e 1982.

Conseguimos facer cousas importantes, xa que por alí pasaron personaxes da talla de Manuel María en dúas ocasións, Felipe Senén e O Mago Antón; creamos un cineclub co nome de polo que pasaron Mamasunción, Fendetestas, O carro e o home e o resto dos poucos curtos con que contaba daquela a filmografía galega; recuperamos o Día das Letras Galegas, festas populares como os magostos e os entroidos, integrando a Casa de Galicia na sociedade vasca sen perder as nosas raíces, deixando de ser un gueto e facéndonos respectar. Pero aquelo era un "senvivir" e tivemos que deixalo.

Foi entón, en marzo de 1983, cando nos xuntamos con outra morea de rapazas e rapaces de Barakaldo e de Bilbao, que tíñamos os mesmos anceios, fundamos a "Asociación Cultural Rosalía Castro" en Barakaldo, na que, empecei e rematei sendo o seu secretario, salvo nun período de dous anos nos que Xosé Antón Chamborro Martínez desempeñou ese cargo.

Esta Asociación, ao igual que o Fato Cultural Daniel Castelao de Trintxerpe, foron (e o Fato aínda segue sendo) un fito na reivindicación da nosa cultura, do noso idioma e da nosa dignidade en Euskal Herria.

Con ela empezamos a recuperar as festas populares dos magostos e os entroidos, vestindo corozas de palla e con caretas deseñadas e feitas por nós; traendo incluso traxes de cigarróns de Laza e organizando pequenos actos teatrais como o que gañou un premio no "Desfile de Carnavales" de Bilbao, no que participou tamén o grupo de mimo e pantomima Ancoradouro, de Xosé Vázquez Pintor, que trouxéramos aquel ano para actuar en varios pobos e que emocionou aos asistentes no salón de actos do Instituto Kantauri de Santurtzi co acto de O Sombreiro.

A edición de revistas e de libros foi outra das nosas actividades. En 1985, con motivo do centenario do pasamento de Rosalía, sacamos á rúa o número cero da revista Esmorga, co subtítulo Rosalía cen anos despois, en galego éuscaro e español, na que colaboraron Avilés de Taramancos, Manuel María, Carballo Calero, Fransisco Carballo, Xosé Estévez, María Pilar García Negro, o dramaturgo vasco Antonio María Labaien, o debuxante Xaquín Marín, Antón Rodríguez Castro e Francisco Rodríguez.

Despois, a partir do 1989 seguimos editando a revista Esmorga, dirixida por Milo Mosteiro, que deixabamos polas tendas e bares galegos para que a repartiran gratuitamente entre os seus clientes.

A edición de libros encetou en maio de 1990 co poemario, Onde o vento leva un soño de carpazas, de José Andrê López Gonçalez, con un precioso limiar de Manuel María. Despois veu o libro Saturno de Manuel María. Un longo poema que o poeta chairego lle Sobre a Asociación Cultural Rosalía Castro de Barakaldoenviou a José Andrê para publicar na revista da facultade de periodismo da Universidade do País Vasco (UPV/EHU), pero ao non podela publicar decidimos convertela nun libro bilingüe, traducido ao éuscaro por Edorta Jiménez e que presentamos Manuel María e mais eu no X Festival de Pardiñas. Mais tarde saíron os libros de poemas de Andoni Vázque Tierra: O fume das cinsas, con unha introdución deste que escribe e prólogo de Manuel María, e o Inventario esquencido da existencia, con prólogo de Xosé Estévez.

Ademais tiñamos unha exposición e venta permanente de cerámica de Bonxe, Buño e Niñodaguia, que nós mesmos mercábamos cando íamos de vacacións, e do libro galego, na nosa sede social da rúa Zuberoa Nº8-2º dereita de Barakaldo, xa que tanto Edicións Xerais como Galaxia deixábanos os libros en depósito, que logo lles íamos pagando segundo íamos vendendo. Esta exposición trasladabámola aos diferentes pobos da provincia de Bizkaia (que era o noso ámbito de actuación) en coches dos socios e as portas que recolliamos cando alguén as cambiaba na casa, que montadas en cabaletes nos servían de mesas, levábanolas o compañeiro Lois Varela na súa furgoneta. O traballo era inmenso, pero tamén era un xeito de sacar algún diñeiro para poder facer outras cousas, pois esa venta de libros e cerámica deixábanos uns cartos moi necesarios para poder seguir.

O presuposto da Asociación Cultural consistía nese diñeiro que conseguiamos a base de traballo, as cotas dos socios e algunha que outra subvención da Deputación de Bizkaia ou dalgún concello no que facíamos diferentes actos. Sobra dicir que da Xunta non recibíamos nada. Non tíñamos o poder económico dos Centros Galegos e Casas de Galicia, pero esa carencia supliámola a base de traballo e a nosa actividade era moito maior que a deles. O noso traballo fixo que daquela tamén empezaran a imitarnos e recuperar algunha festa como a dos magostos e o Día das Letras Galegas, que agora xa celebran en español sen ningún rubor e que algún Centro converteu en "Feira das Letras", que aínda non sabemos moi ben o que quere dicir.

Unha pena que esta Asociación Cultural Rosalía Castro non tivera continuidade, pois hoxe, a maior parte deses Centros e Casas de Galiza seguen, ao igual que Feixoó, enxalzando o alleo e desprezándose a si mesmos.
Río, Raúl
Río, Raúl


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES